Saltar ao contido
5:42 h. Terza feira, 21 de Outubro do 2014

Vota:

Un millar de persoas piden a demisión de Samuel Juárez na Coruña

Unha multitude responde na Coruña á convocatoria contra a criminalización dos movementos sociais, xuntando a diversos colectivos e entre unha grande presión policial

Olaia Rodil Fernandez

 

A convocatoria de Stop Desafiuzamentos A Coruña dunha concentración contra as multas que están a recibir até xa 17 persoas que participaron na mobilización contra o despexo de Aurelia Rei -e que estendeu a súa reivindicación contra o proceso de criminalización de toda protesta ou disidencia, especialmente intenso dende o regreso ao Goberno do PP- reuniu nas rúas da cidade a máis dun milleiro de persoas, que marcharon até a Delegación do Goberno español en Galiza, onde solicitaron a berros a dimisión do seu titular, Samuel Juárez. 

A marcha foi encabezada por unha pancarta na que se lía "Múltannos a nós para asustarte a ti"

A marcha foi encabezada por unha pancarta na que se lía "Múltannos a nós para asustarte a ti" e detrás da cal estaban varias persoas que recibiron sancións nas últimas semanas, como o bombeiro que se negou a colaborar no desafiuzamento de Aurelia. Ao seu carón, activistas da comunidade africana que teñen denunciado acoso racista por parte da policía municipal. Entre @s demais manifestantes, membros de Stop Desafiuzamentos -da Coruña e Ferrol- moit@s afectad@s polas preferentes e tamén representantes políticos, como o deputado de AGE Antón Sánchez ou o voceiro parlamentar do BNG, Francisco Jorquera. 

As consignas contra a represión e polas liberdades civís foron constantes ao longo de todo o percorrido

Malia que as consignas contra a represión e polas liberdades civís foron constantes, a mobilización tamén serviu como resposta ante as políticas que está a aplicar o PP, con berros como "os seus sobres, os nosos recortes". 

A manifestación estivo acompañado dun descomunal despregamento policial que creou varios momentos de tensión. Especialmente protestada foi a presenza vixilante de Silverio Blanco, comisario provincial da policía estatal e acusado de "represor" e "provocador" por moit@s activistas. Desde unha habitación do edificio da Delegación do Goberno español, un funcionario tomou imaxes d@s participantes na masiva protesta.