Imprimir

A Fiscalía do Supremo pide 9 anos de inhabilitación para Homs pola consulta do 9N

X.M. | 11 de Xaneiro de 2017

Homs
Homs

O Ministerio público impútalle ao actual deputado do PDeC (Partit Demòcrata Europeu Català) no Congreso a comisión de presuntos delitos de prevaricación e desobediencia.

No 9N Francesc Homs era conselleiro da Presidencia e do seu departamento dependeu a organización da consulta autodeterminista o 9N, tida como ilegal polo Estado español.

En paralelo a esta petición de pena por parte da Fiscalía do Supremo, Homs tamén foi citado a declarar polo Tribunal Superior de Xustiza de Catalunya no xuízo polo mesmo asunto contra o ex presidente Artur Mas, a ex vicepresidenta Joana Ortega e a ex conselleira Irene Riguau. O xulgamento vaise desenvolver do 6 ao 10 de febreiro.

O TSXC non considera, porén, procedente que comparezan en calidade de testemuñas nen o presidente do goberno, Mariano Rajoy, nen o daquela ministro de Xustiza, Rafael Catalá.

Na súa declaración perante o Supremo, Homs revelou que o goberno español tentou un arranxo político coa Generalitat para esta deslexitimar a consulta

Os cargos contra Homs ventílanse no Supremo e non no TSXC dada a súa condición de aforado.

A fiscalía investiga o ex conselleiro polo contido dunha carta que o político nacionalista dirixiu a unha empresa informática para lle comunicar que a suspensión do 9N decretada desde Madrid non anulaba o contrato que a administración catalá asinara con ela para o fornecimento de computadores precisos para a realización da consulta. 

Na súa declaración perante o Supremo, Homs revelou que o goberno español tentou un arranxo político coa Generalitat. A proposta de Madrid consistía en que ninguén do goberno catalán saíse a noite do 9N a valorar os resultados do referendo, co obxectivo de os deslexitimar. Se aceitaban a oferta, a contrapartida do Estado sería non encetar accións xudiciais contra o goberno catalán. Barcelona rexeitou o arranxo.

Podes ver este artigo na próxima dirección http://www.sermosgaliza.gal/articulo/internacional/fiscalia-do-supremo-pide-9-anos-inhabilitacion-homs-pola-consulta-do-9n/20170111135811054081.html


© 2017 Sermos Galiza