Imprimir

70.000 galegofalantes en 51 concellos de Asturies, León, Zamora e Estremadura

A.V. | 16 de Xaneiro de 2016

O concello asturiano da Veiga declaraba esta semana oficial o galego, o primeiro do Principado en dar o paso embora falarse o idioma en 18 municipios. E en 25 de León, 5 de Zamora e 3 de Extremadura.

 

Esta semana o concello asturiano da Veiga (Vegadeo, en castelán) declaraba oficial o galego, recoñecendo así o dereito da súa veciñanza a empregalo nas mesmas condicións que o español. Un paso importante, pois era a primeira vez que un municipio da comarca de Navia declaraba o galego oficial no seu territorio. O galego – tal e como lembra o portal lingua.gal- ten falantes en 15 concellos que fan parte do Principado de Asturies: Allande, Boal, Castropol, Coaña, Eilao, El Franco, Grandas de Salime, Ibias, Navia, Pezós, San Martín de Ozcos, Santalla de Ozcos, Santiso de Abres, Tapia de Casarego, Taramundi, A Veiga, Vilanova de Ozcos e Villaión. O filólogo e membro da Real Academia Galega Henrique Costas apontaba en 2014 que entre o Eo e Navia asturiano había por volta de 40.000 galego-falantes.

Mais non é A Veiga o primeiro concello fóra da Galiza administrativa en declarar oficial o galego. En 2006 declarou cooficial no seu territorio o galego o pequeno concello de Lubián (Zamora)

Mais non é A Veiga o primeiro concello fóra da Galiza administrativa en declarar oficial o galego. En 2006 declarou cooficial no seu territorio o galego o pequeno concello de Lubián (Zamora). E en 2001, Veiga de Valcárce (León), mais poucos meses despois a alcaldesa decidiu retirar e anular o acordo de goberno que declaraba oficial o galego. Daquela os ruxes-ruxes sinalaban que se adoptara a decisión en troques de que a Junta de Castela e León lles construíse unha residencia. En León son 25 os concellos con habitantes galego-falantes e en Zamora, 5. Costas considera que no Bierzo hai por volta de 25.000 persoas que falan o galego e que nas Portelas son unhas 1.500. Os concellos: Arganza, Barxas, Benuza, Borrés, Cacabelos, Camponaraia, Candín, Carracedelo, Carucedo, Corullón, Fabeiro, Oencia, Peranzais, Ponte de Domingos Flórez, Ponferrada, Priaranza, Sobrado, Sobradelo, Toural dos Vados, Trabadelo, Valboa, Veiga de Espiñareda, Veiga de Valcarce, Viladecais , Vilafranca do Bierzo, As Pías, Porto, Lubián, Hermisende e Peñalba de la Pradería (lugar de Calabor).

Na comunidade de Estremadura existe tamén un pequeno núcleo (Val do Xálima) de tres lugares nos que se fala unha variedade da lingua galega: Valverde do Fresno, As Ellas e San Martiño de Trebello. Son, segundo o filólogo e membro da RAG, uns 5.000 falantes.

Podes ver este artigo na próxima dirección http://www.sermosgaliza.gal/articulo/lingua/galego-alen-padornelo-70-000-falantes-51-concellos/20160115175313044090.html


© 2017 Sermos Galiza