Imprimir

Esta sexta feira revelarase en Compostela "que se agocha tras a Unión Europea"

Redacción | 21 de Novembro de 2014

A AC O Galo organiza a presentación pública do caderno crítico editado pola Fundación Moncho Reboiras. Ás 20h no Vide Vide.

 

Esta sexta feira terá lugar en Compostela a presentación pública do caderno “Que se agocha tras a Unión Europea? Unha aproximación crítica” recentemente editado en formato electrónico pola Fundación Moncho Reboiras, coa colaboración do Concello de Pontevedra.

O acto, organizado pola Asociación Cultural O Galo, decorrerá a partir das 20h no Espazo Eno-Cultural Vide Vide (rúa da Fonte de Santo Antonio nº 10). Nel tomarán a palabra Suso Seixo, Secretario xeral da CIG e Presidente da Fundación Moncho Reboiras, Manuel Mera, director da fundación e coordinador da obra e máis Xabier P. Igrexas, co-autor do caderno. Serán presentados pola Vicepresidenta do Galo, Isabelle Kerdudo. Ao remate do acto abrirase un tempo para o coloquio entre os autores e as persoas asitentes e degustaranse uns viños galegos.

A UE supón un límite para a efectiva soberanía de Galiza, de acordo cos autores

A obra que se presenta pretende, segundo os autores, “achegar as principais chaves para comprendermos a orixe e desenvolvemento do chamado proceso de construción europea”. No texto debúllase en chave crítica o papel económico, social e xeoestratéxico da UE e o rol que xoga a moéda única.  Amais describe a denominada “troika”, que lugar se lle ten asignado a nosa nación na UE e como este supón un límite para a efectiva soberanía de Galiza. Inclúe tamén unha escolma de “olladas críticas” coa UE e o euro, de autores diversos como M. Etxezarreta, Samir Amin, Ignacio Ramonet ou P. Carvalho.

O caderno pódese descargar de balde (PDF) nesta ligazón.

Podes ver este artigo na próxima dirección http://www.sermosgaliza.gal/articulo/galiza/mana-revelarase-compostela-agocha-union-europea/20141120174243032488.html


© 2017 Sermos Galiza