Imprimir

En procura de gozos, as mozas e os mozos

ISIDRO NOVO (AELG) | 06 de Xaneiro de 2017

Estreamos no diario dixital a sección Palabras con Memoria, da autoría da web (aelg.gal) da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, coordenada por Isidro Novo. Até o de agora acompañábanos no semanario Sermos Galiza.

Abichar.- (Ademais de significados xa rexistrados). Verbo usado para nomear o cortexo de parellas que xa teñen unha relación estábel coñecida publicamente e con vistas a unha vida en común. Exemplo: “Non contedes con Pepa/Pepe hoxe, que vai abichar”. “Eses dous están abichando, non os molestes”.

Lugar de escoita.- Sabucedo (A Estrada).

Fonte.- Manuel Cabada Castro (dun veciño seu).

Achedar.- (Á marxe doutros significados) Gozar sexualmente. Exemplo: “Seica tivera ganas de casar para se fartar de achedar a parella”.

Lugar de escoita.- Escudeiros –Ramirás (Ourense)

Fonte.- Xoán Carlos Domínguez Alberte.

Morrón/a .- (Ademais doutros significados) Rapaz, rapaza.

Lugar de escoita.- Cuntis.

Fonte.- Marcos Seixo.

Outros apuntamentos.- Provén da xerga dos canteiros.

Nun vira-vira.- Rapidamente, nun abrir e pechar de ollos. Exemplo: “Un neno faise nun vira-vira”.

Lugar de escoita.- Muros.

Fonte.- Renée Huerta Latrille.

Outros apuntamentos.- O exemplo apuntado foille escoitado a un alumno de BAC.

Paxarela (alegre da).- Utilízase para expresar que alguén vai moi contento ou satisfeito. Exemplo de uso: “Josiño chegou da festa, viña alegre da paxarela. Debeu de atopar moza!”

Lugar de escoita.- Carbeiral- Bardaos (San Sadurniño).

Fonte.- Avelino Sanjurjo Beceiro

Quedar de pallón.- Quedar solteiro/a. Exemplo: “Laura e Nuria xa casaron, pero a súa irmá Paula, parece que vai quedar de pallón”.

Lugar de escoita.- Rial (Val do Dubra).

Fonte.- Hortensia Vázquez Fraga/tensi@hotmail.com

Outros apuntamentos.- A fonte indica que o uso da expresión é pexorativo e aplícaselle  sobre todo ás mulleres.

Rascamaseiras.- Sinónimo festivo e familiar de mozo, noivo. Exemplo: “A miña avoa díxome que se non tiña un rascamaseiras, ía quedar solteira”.

Lugar de escoita.- Cervo – A Mariña (Lugo)

Fonte.- Tili Hernández Viñas.

Podes ver este artigo na próxima dirección http://www.sermosgaliza.gal/articulo/cultura/procura-gozos-mozas-mozos/20170106143741054001.html


© 2017 Sermos Galiza