Imprimir

Retrato instantáneo do noso país, Galiza

Francisco Rodríguez | Ensaísta

Sermos Galiza | 24 de Outubro de 2012

Estou entre os que se viron sorprendidos polos resultados electorais do 21 de outubro. Non tanto polas derrotas e os triunfos como pola súa magnitude. Desde logo, estaba claro, a mediados da campaña, que nada permanecía nas tendencias previas á mesma. Xa que logo, algo debeu acontecer que, incidindo nas posibilidades existentes na conciencia do corpo electoral, orientou o voto da maneira en que as urnas acabaron reflectindo.

Estou entre os que se viron sorprendidos polos resultados electorais do 21 de outubro. Non tanto polas derrotas e os triunfos como pola súa magnitude. Desde logo, estaba claro, a mediados da campaña, que nada permanecía nas tendencias previas á mesma. Xa que logo, algo debeu acontecer que, incidindo nas posibilidades existentes na conciencia do corpo electoral, orientou o voto da maneira en que as urnas acabaron reflectindo. O reflectido indica que a crise está condicionando a forma de vivir a política e os procesos electorais, en particular. En que sentido? Pois, no caso galego, agudizando fenómenos xa endémicos e facendo aboiar outros non tanto novidosos como agora máis incisivos. Entre os primeiros, están o individualismo, a falta de conciencia colectiva como pobo, a consideración de non valermos por nós mesmos, a resignación e a desconfianza perante a política e os políticos; entre os segundos, o peso da conxunción dos medios escritos e audiovisuais, o mundo dixital e internet incluídos, e a forma de reaxir e adaptarse á globalización, co debilitamento dos vínculos coa realidade e a sociedade propias, como prioritarios. Estes fenómenos atinxen a maioría do corpo electoral, dunha ou doutra forma, alén das opcións últimas de voto. Todos eles mesturados non fan máis que incidir na fraxilidade de grande parte do corpo electoral galego, pois carece de pautas alternativas visíbeis que o orienten nunha dirección política acorde coa superación dos problemas reais da sociedade concreta na que vive, Galiza. En definitiva, non hai dialéctica mellor para garantir o continuísmo ou para favorecer experimentos contraditorios, se for o caso ou existir a necesidade.

Neste contexto, a vitoria do PP, aínda que custe aceptalo, non pode sorprender. Representa xustamente a aposta por unha alternativa que nos promete continuar cumprindo o noso papel tradicional, o mellor dos mundos posíbeis, garantindo estabilidade política e acomodación a España e á UE, as únicas opcións posíbeis, dirixidos por un “eficiente” xestor, segundo vocean os poderosos medios de desinformación. Fronte a isto, non existiría máis que unha contraditoria gaiola de grilos. Certo que o PP perde adherentes perante a evidencia clamorosa das secuelas das políticas de axuste e recortes, mais alimentan basicamente a bolsa da abstención, da que tampouco se libran, polo demais, as opcións políticas que tiveron responsabilidades de goberno, aínda que fose por pouco tempo e de forma compartida. O descrédito da política e a tese tan cacarexada de que todos son iguais parece afectar menos o electorado do PP. Anotemos unha curiosidade, en campaña foi a única forza estatal que, por máis que fose en van e case como perxurio, introduciu a palabra Galicia no discurso.

 

"A maior dificultade está en acertar coas mudanzas, todas as que foren necesarias en todas as ordes, unha vez que a alternativa e os obxectivos políticos están definidos con claridade, para lograr recuperar e agrandar espazo social, en primeiro lugar, e institucional, en segundo, para o nacionalismo galego".



Desde logo, podemos valorar como quixermos os resultados de ANOVA-IU, mais se algo está claro é que nada teñen a ver coa mobilización de cabreados abstencionistas. Pescou no caladoiro do PSOE e do BNG, case en exclusiva. E alén de todos os méritos que se lle apoñan na forma de facer a campaña, hai algo tamén irrebatíbel: as súas potencialidades non se terían desenvolvido até onde o fixeron, de non ser a colaboración entusiasta, calibrada, de deseño, prestada por La Voz de Galicia, a RTVG e outros medios. A eficaz utilización de internet e das redes sociais, sen dúbida obra de expertos coñecedores, foi o complemento perfecto. Repenicaban en conxunto. Desde logo, a campaña brillou pola ausencia de alternativas e propostas. Para que? Non se trataba disto senón de explotar e canalizar a desafección, a confusión, o cabreo, o ánimo de protesta, de forma que impactase no electorado, afianzando a maioría para o PP, e fragmentando o electorado de esquerda e, sobre todo, o nacionalista. A forma en que, coa entusiasta colaboración dos medios, se agacharon as siglas de IU, mentres se personalizaba a campaña en Beiras é todo un modelo de manipulación confusionista. Un importante segmento do electorado acreditou inxenuamente que estaba perante unha opción nacionalista. Neste aspecto, a substitución/identificación absoluta da alternativa política co leader non é precisamente un síntoma de racionalidade nin pode ser valorado como unha aposta pola transformación da sociedade. Incide na concepción da política como espectáculo, no personalismo individualista, no xestual e aparente, que só se pode empregar con éxito se o poder mediático colabora. Por certo, o impacto positivo da frase sobre a política sanitaria de Feijóo ter provocado máis mortos que o terrorismo só é posíbel, se hai colaboración daquel poder. Polo demais, estaremos de acordo en que a maioría dos votantes desta novidosa irrupción non o fixeron tendo un contraste real significativo do que representa, na práctica, a súa forma de facer política. O que fala tamén da importancia da aparencia e da novidade da envoltura.

O BNG foi un dos principais damnificados desta irrupción mediática. Todas as fraxilidades propias favoreceron o impacto no seu electorado: as escisión recentes con deterioro da sigla e da imaxe, a confusión conseguinte, potenciada descaradamente na propia campaña polo mesmo Feijóo , sobre a existencia de varios BNG, a insidiosa incidencia do PP en homologar o BNG co PSOE por compartiren o goberno bipartito na Xunta e moitos gobernos municipais, a tendencia social, tamén impulsada mediaticamente, a meter no mesmo saco, sen matices nin diferenzas, todos os partidos e organizacións políticas relevantes...Sen dúbida, o BNG ten unha moi delicada situación, por se xuntaren nesta conxuntura moitos problemas á vez. A maior dificultade está en acertar coas mudanzas, todas as que foren necesarias en todas as ordes, unha vez que a alternativa e os obxectivos políticos están definidos con claridade, para lograr recuperar e agrandar espazo social, en primeiro lugar, e institucional, en segundo, para o nacionalismo galego. Precisamente a imaxe que os resultados electorais deixan de Galiza é a dun pobo sen obxectivos políticos propios e con escasa e confusa conciencia nacional. No noso caso, vai ser moi difícil que se canalice o desacougo e o espírito de rebeldía en mudanza positiva para a maioría social galega se non se reforzar o movemento popular nacionalista. Para iso, a máxima unidade é necesaria entre os nacionalistas, tan necesaria como termos claro que non son compatíbeis estratexicamente alternativas fundamentadas na existencia do pobo galego como específico e con dereito a decidir por si con aquelas que teñen como único suxeito político decisorio o pobo español. Foi curioso comprobar como todos os poderes fácticos e as súas terminais informativas apostaron polo PP gañar estas eleccións na Galiza. Chegouse mesmo a que El País obviase calquera enquisa previa. Todo parece indicar que a estratexia consiste en, máis unha vez, perante acontecementos que se aveciñan, garantir que Galiza fai de furgón de cola do tren da españolidade, ningún problema, nada que reclamar, nada que reivindicar. Neste contexto, xa se sabe que opción política convén ter máis debilitada e que conciencia ideolóxica debe ser, a dereita e esquerda, a hexemónica na Galiza. Permítome o recurso ao impasíbel e pachorrento Rajoy: fóra de España e da UE non existe nada. Traducido para galegos: sexamos a cada paso máis españois, o único importante, aínda que o país se derrube sobre nós.

Podes ver este artigo na próxima dirección http://www.sermosgaliza.gal/opinion/francisco-rodriguez/retrato-instantaneo-do-noso-pais-galiza/20121024171035006928.html


© 2017 Sermos Galiza