Imprimir

Xa na rúa un Sermos anovado, con dúas capas para abrir o quinto ano do semanario

X.M. | 04 de Xaneiro de 2017

Despois da paréntese nadalenca, volta o Sermos á rúa e faino con novidades no deseño. Xa non temos unha capa, temos dúas! Ti decides por onde abres o semanario, ou pola páxina 1 ou pola páxina 40. Arranxamos o mellor que soubemos este Sermos228 para abrirmos o quinto ano do semanario.

Un Sermos anovado e bifronte, que tanto o podes encetar pola primeira como pola última páxina, cunha primeira, a de abertura tradicional, e unha contra que é tamén primeira, a que abre o bloco Fóra de Serie. Así vén este Sermos228, o primeiro dun novo ano, o quinto do único semanario en lingua galega nos quiosques do país.

No Fóra de Serie, propoñémosvos, entre outras viaxes, unha polas tradicións e as distorsións do nadal galego, conducidos pola man experta de Felipe Senén. En Andar e Ver faremos un percurso polo Parque do Pasatempo en Betanzos. E introducimos unha sección nova, unha entrevista En Primeira Persoa, desta volta co físico e divulgador Jorge Mira, con seguranza o científico máis coñecido do país.

capa2017 será un ano fóra de serie para a música galega e iso merece un destaque na nosa capa. Os palcos galegos a bon seguro que bourarán forte este ano, con xente como Agoraphobia, Radio Cos, Terbutalina, Mercedes Peón, García MC, Susana Seivane ou Xabier Díaz.

No semanario que se abre pola páxina 1, debullamos o negocio da defensa, co Estado español como sétimo exportador mundial, analizamos o estado de saúde da sanidade galega -atacada polo virus da privatización-, pasamos revista ao ano 2017 como o ano dos congresos das distintas forzas políticas, vemos as perguntas que o mundo terá que contestar neste ano novo no axitado taboleiro internacional e facemos unha radiografía a como a crise esfarelou o tecido industrial do país.

Tes todo ao teu dispor nos pontos de venda habituais e tamén na nosa loxa!

 

Podes ver este artigo na próxima dirección http://www.sermosgaliza.gal/articulo/social/xa-na-rua-sermos-anovado-duas-capas-abrir-quinto-ano-do-semanario/20170104184516053949.html


© 2017 Sermos Galiza