En Galiza non houbo un plan de saúde mental até a chegada do governo bipartito. Un Decreto do ano 94, nun dos governos Fraga, definía as bases organizativas da atención pública aos doentes mentais. Estaba moi recente a transferencia de Sanidade á Xunta de Galiza, e o SERGAS daba os seus primeiros pasos, cunha temeraria precariedade orzamental.

En Galiza non houbo un plan de saúde mental até a chegada do governo bipartito. Un Decreto do ano 94, nun dos governos Fraga, definía as bases organizativas da atención pública aos doentes mentais. Estaba moi recente a transferencia de Sanidade á Xunta de Galiza, e o SERGAS daba os seus primeiros pasos, cunha temeraria precariedade orzamental. Ese Decreto constituía, até o ano 2006, a única aportación legal publicada no DOG respecto a atención á saúde mental no país.  Algún documento posterior, como o “Documento de Bases” –realizado por  unha comisión asesora integrada por profesionais do sector-, tentaban orientar, aportar e complementar, para o desenvolvemento do Decreto, mais non deixaban de ser documentos de asesoría, desouvidos case sistematicamente pola administración sanitaria.

Para a Consellería de Sanidade, a atención á saúde mental nunca foi unha prioridade. Non é unha afirmación gratuíta. Mentras noutras comunidades do Estado, ca sanidade transferida,  fóronse aprobando e executando periódicos plans estratéxicos de saúde mental, ao longo dos  últimos vinte anos, na Galiza, até o ano 2006 non houbo un documento destas características. Cataluña, Asturias, Euskadi, Madrid, Navarra e mesmo Andalucía, foron plasmando en documentos oficiais a análise da situación da atención á enfermidade mental, describíndose os puntos fortes e febles, definindo os obxectivos a acadar en cada periodo, e cuantificando o seu custe. Como un instrumento lóxico e esperábel na política e na xestión dun governo, estos plans supuñan un compromiso dos executivos ca povoación enferma, así como unha referencia para profesionais, doentes e as súas familias.  Estos plans asistenciais obrigan asemade a asumir, ou cando menos, ter en conta, as directrices consensuadas noutros foros, xa sexa dende a Comisión Interterritorial do Ministerio de Sanidade do Estado, ou ben dende a propia OMS, que periodicamente publica as súas orientacións. Máis aínda: os plans de saúde mental definían e definen, cando menos sobre o papel, a filosofía e modelo que os governos asumen na atención destos enfermos. 

O porqué da singularidade na abordaxe da saúde mental é xa sabida: existe unha bolsa de povoación moi numerosa afectada, require de dispositivos inter e multidisciplinares complexos -socio-sanitario-laborais-, comporta un número alto e moi variado de recursos, e ademais, parte dunha situación en todo o Estado moi deficitaria ao respecto da atención a outras patoloxías e doentes, e aos estándares dos países do noso contorno.  Como se di nun recente documento da OMS (2013): “A carga dos trastormos mentais segue a aumentar, e ten grandes repercusións na saúde, ademais de importantes consecuencias sociais, económicas, e para os dereitos humanos en todos os países do mundo”. 

Durante os quince anos de governo Fraga non se elaborou nin un só plan de saúde mental. Cando no 2006 o governo PSOE-BNG presenta o Plan Estratéxico de Saúde Mental 2006-2011 (PESM), Galiza atópase nos últimos lugares do Estado en recursos para a povoación enferma. Non existían plans asistenciais, nin plans de prevención, nin se desenvolveran indicadores que permitiran a planificación, non se fixaran obxectivos estratéxicos, e ignorábanse todas e cada unha das recomendacións da OMS en saúde mental. O PESM pretendía situar o noso país na media do Estado en recursos. Era un Plan realista, factíbel e ben orzamentado. Xerou unha razoábel ilusión e esperanza nas asociacións de doentes e nos profesionais. Mais no ano 2009, ca chegada do primeiro governo de Núñez Feixóo o Plan ficou paralizado. Nin xiquera anunciaron unha reforma, nin se atreveron mesmamente a proclamar a súa anulación. Sinxelamente deixaron de executalo. Sen explicacións e sen alternativa. Nestos anos de governo do PP, a indolencia, a incompetencia, o desleixo, e a irresponsabilidade política e de xestión, foron as características máis salientabeis, foran Farjas ou Mosquera os titulares da Consellería de Sanidade. O posterior discurso de austeriade orzamentaria, serviu como coartada para xustificar o que xa era unha desfeita. Porque nin xiquera un discurso de austeridade xustificaría a ausencia de plans públicos e transparentes na acción de governo, sexan para santificar a miseria, sexan para definir modestísimos obxectivos asistenciais, ou sexan para mellorar a eficiencia do que se ten. Incompetencia é o que mellor define estos xeitos de governar.

Mais a realidade é moi teimuda. O dramatismo dela vése se atendemos e entendemos á cotidianeidade dos enfermos e as súas familias. Serva para exemplificar, coñecer a situación dalgunhas povoacións de pacientes ca peor atención asistencial, aos que non se lles están a ofrecer os recursos que lles cómpre - sempre en relación ao que é posíbel por competencia e saber profesional-: 

1) Povoación de nenos e adolecentes: por dar só un par de datos, o total de facultativos que en Galiza atende a esta povoación é inferior á da área asistencial de Sabadell, en Cataluña, cunha povoación atendida seis veces menor; ou saber que non existe nin un só Hospital de Día para adolescentes en Galiza -dispositivo de atención básica-.

2) Povoación xeriátrica: co brutal avellementamento da nosa povoación,  non existe un plan galego para a atención aos demenciados, nin un modelo integrado e multidisciplinar xeralizado psicoxeriátrico, descansando a atención, en cada área asistencial, en equipos fragmentados e mal dotados.

3) Pacientes con trastorno mental grave: desmantelamento dos escasos recursos sociosanitarios, con peche de unidades hospitalarias, sen crear alternativas: potenciación da transintitucionalización –do psiquiátrico á residencia-, da neo-exclusión (do psiquiátrico á pensión) e da vetero-asistencia (do psiquiátrico á familia-coidadora). Engadir que estos pacientes, na súa maioría, non están accedendo aos beneficios económicos que a Lei de Dependencia lles recoñece.

4) Pacientes con trastorno límite de persoalidade, e outras patoloxías graves de carácter: nin un só programa específico para a súa atención, como existen noutras comunidades; e polo tanto abocados a ser porta xiratoria nos servizos de urxencias, e unidades de hospitalización, presentando unha elevada morbi-mortalidade.

5) Povoación psiquiátrica penitenciaria: nin unha soa liña dende a Consellería, nin un só programa, nin unha soa avaliación. Nada.

6) Povoación drogodependente. Arrombouse definitivamente a integración dos equipos municipais na rede de saúde mental xeral, deixándoos nunha incerteza laboral aos profesionais, e asistencial aos pacientes, preocupante. Aquí si que actuou a Consellería: reducindo drasticamente os recursos. Carécese dun plan específico para a loita contra o alcolismo, probabelmente un dos máis graves problemas de saúde mental do noso país .

7) Ao anterior hai que engadir que Galiza ten unha das taxas de suicidios máis altas do Estado, algo que, polo que se ve, pouco ter a ver cas preocupacións desta Consellería de Sanidade. De nada informa ao respecto, e nada fai para palialo, dando por sentado que non é posíbel intervir sobre este dramático feito. Nin xiquera asumiron e seguiron as suxestións realizadas pola OMS para a súa redución. 

Estáse asistindo nos últimos anos a unha desmontaxe sistemática dos escasos recursos públicos que se tiñan. Trátase de reducir en persoal e en dispositivos, venteando o discurso de que “se abusa” dos mesmos, que certas intervencións “non son necesarias” (como as hospitalizacións), e que as familias poden asumir os coidados en boa medida. Destruir o público, velaí a idea: marcan un obxectivo, crean un discurso, deseñan unha estratexia, designan e pagan aos encargados, e executan. Dende a Xunta e a súa Consellería de Sanidade tratan de invisibilizar o sofrimento dos enfermos, negar a enfermidade mental, eliminala por decreto, silenciar a voz destos doentes, porque son o elo máis feble da cadea social.

Diante destas amezas e agresións constantes e sistemáticas, este marzo pasado presentábase en Compostela o Movemento Galego da Saúde Mental (MGSM) cun documento fundacional de análise e propostas concretas, esperanzador. Unha organización novidosa en defensa da atención sanitaria pública dos enfermos mentais, cun funcionamento en rede e horizontal, que está sustentada por tres piares imprescindibeis e complementarios: os doentes e as súas familias, os profesionais sanitarios e os sindicatos. Unha boa nova no futuro desolador da sanidade pública. Só queda pois dar a batalla organizada, tanto dende o MGSM como dende outros colectivos,  para botar fóra das institucións aos enemigos do público e amigos do alleo, e garantir unha atención sanitaria e social de calidade aos pacientes. 

Alberte Araúxo
Psiquiatra. Membro da Coordenadora Nacional do Movemento Galego da Saúde Mental.



x