Levamos anos escoitando a Rajoy, Feijóo e aos demais ministros e conselleiros que estamos entre os países máis avanzados de Europa, gozando de bos servizos públicos e cun crecemento da economía envexa de todos os demais socios da UE. Todo iso xa sabemos que non son máis que declaracións propagandísticas que teñen pouco ou nada que ver coa crúa realidade, porque coñecemos as pésimas condicións laborais de moita xente e a falta de traballo que padece outra moita máis. O que tamén sabemos é o incremento continuo das ganancias de moitas empresas do IBEX35 cada ano que pasa, independentemente da calidade dos seus servizos ou da crise económica que padecen a inmensa maioría dos cidadáns. Este é o caso de Telefónica-Movistar que o pasado ano triplicou a súas ganancias sen que ese incremento se corresponda, nin de lonxe, coa calidade do servizo que presta aos seus clientes.

 

Esta crítica é moi pertinente e podería facerse, por exemplo, pola lentitude dos servizos ADSL en moitas partes do país, especialmente no medio rural, a pesar de que o prezo da factura mensual pagada polos usuarios aumenta cada ano. Pero hai uns días tiven a dubidosa oportunidade de comprobar persoalmente, en carne propia, ata onde pode chegar o abuso a que esa empresa somete aos seus clientes e a indefensión en que se encontran os usuarios fronte a esta multinacional que resolve as reclamacións a través de agoniadas operadoras ou teléfonos-robot incapaces de dar unha atención digna, persoal e eficaz.

 

Telefónica-Movistar, o pasado ano, triplicou a súas ganancias sen que ese incremento se corresponda, nin de lonxe, coa calidade do servizo que presta aos seus clientes.

Sucedeu que o pasado 23 de xullo houbo un incendio forestal na parroquia que afectou a uns poucos metros de tendido entre dous postes telefónicos. Por desgraza os incendios non son ningunha novidade nesta terra e outras veces, incluso con avarías moito máis graves, a reposición do servizo non chegou a superar as 48 horas. Sen embargo, nesta ocasión, esa mínima afección tardouse en reparar NOVE DÍAS deixando a toda unha parroquia de Verín sen telefonía e internet. E non se trata dun problema menor, porque os sistemas de alarma doméstica funcionan a través da liña telefónica incrementando, ademais da falta de servizo (teléfono fixo, internet e correo electrónico), os riscos de seguridade. Debe supoñerse que a queima da liña foi notificada polo Servizo Contra Incendios a Telefónica, pero se non fose así eu mesmo comuniquei a avaría a través do 1002 ao día seguinte e en varias ocasión nos días posteriores. Por certo, seguindo uns complicados protocolos que me tiveron, só en dúas das chamadas, entre esperas e atención directa preto dunha hora colgado do meu móbil. E todo iso para nada, só boas palabras e ningunha resposta certa sobre a reparación da avaría e o prazo de reposición do servizo.

 

Tres días despois ponse en contacto comigo un empregado de Montelnor, a empresa que repara as avarías sobre o terreo, comunicándome que xa localizaran a avaría e que en breve procederían á súa reparación. Como pasaban os días e a cousa seguía igual chamei a Montelnor e reclamo a súa atención sobre a falla de resolución do problema. A resposta do empregado foi que “agora isto funciona doutra maneira”. De que maneira? pregunto eu intrigado. “Pois —responde o atento empregado— agora hai que seguir un protocolo (outra vez os malditos protocolos) solicitando o cable a Telefónica e agardar a que o envíen”. Non saía do meu asombro; resulta que a empresa que debería resolver as avarías “no menor tempo posible” segundo as operadoras automáticas de Telefónica-Movistar non dispuña do cable necesario nos seus almacéns, e na época de máximo risco de incendios (!). A miña indignación era total, pero pouco máis lle podía dicir ao inocente empregado de Montelnor así que me dirixín ao Concello de Verín comunicándolle o que estaba ocorrendo na parroquia de Queirugás. Dixéronme, moi atentos, que ían proceder a facer unha queixa ante Telefónica e suxeríronme que me dirixira á Oficina de atención aos Consumidores para que eu fixese o mesmo, indicación que me pareceu moi pertinente. Antes quixen poñerme en contacto, directamente, con algún responsábel de Telefónica en Ourense ou en Galicia. Imposíbel, non din localizado ningún teléfono (que ironía!) para poder facer tal cousa, salvo os inútiles 1002, 1004 ou 11887.

 

Volvo chamar á empresa auxiliar o día 31 e os de Montelnor respóndenme que xa lles chegara o cable de telefonía ese día pola mañá a través de transporte urxente e que en 24 horas repoñerían o servizo. Unha semana para recibir uns poucos metros de cable! Fantástico! Vaia eficacia e calidade do servizo que gasta esa grandiosa empresa multinacional que o pasado ano tivo 2.369 millóns de euros de beneficio. Mais, por fin, como premio aos meus desvelos, a día 1 de agosto, nove días despois da avaría, a reparación faise efectiva e recupero a liña telefónica. Iso si, a calidade da atención ao usuario segue imperturbábel: non hai nin unha chamada de Telefónica para pedir desculpas por este inadmisíbel atraso, nin unha xustificación para tanta ineptitude.

 

Unha semana para recibir uns poucos metros de cable! Fantástico! Vaia eficacia e calidade do servizo que gasta esa grandiosa empresa multinacional que o pasado ano tivo 2.369 millóns de euros de beneficio

 

Estou seguro de que o meu caso non é o único, por desgraza, e que algo similar ocorre co resto das operadoras telefónicas que hai no país. Non hai responsábeis que dean a cara e a indefensión e impotencia do usuario é total nestes casos. Incluso hai problemas para a relación institucional con persoas ou cargos responsábeis a nivel zonal ou nacional. Totalmente inadmisíbel. As forzas políticas deberían comezar a airear esta situación precaria dos servizos públicos de telefonía, do desprezo aos usuarios por unhas multinacionais só interesadas no aumento do seu beneficio a costa de explotar aos seus traballadores e clientes. Deberíase trasladar ese debate á sociedade esixindo un cambio radical na relación destas empresas co usuario ou esixir a súa nacionalización.



x