Doíase o poeta daquel coetáneo seu ao que lle tocara vivir “entre una España que muere y otra que bosteza” advertíndolle do calvario que lle agardaba. Polo tempo transcorrido, xa vai alá máis dun século dende a publicación de Campos de Castilla, podemos dicir que a definición machadiana de España ten vocación de permanencia histórica. Mentres, propios e estraños, asistimos cansos e expectantes a ese sen vivir agónico entre unha España cutre, vulgar e rancia que non acaba de morrer, e outra, aletargada e indolente, incapaz de encontrar un futuro diferente, baseado no respecto e no recoñecemento mutuo. 

 

En realidade, é esa visión dunha eterna España dual —a carlista e a borbónica, a vermella e a azul,…— a que encerra en si mesma o fracaso intelectual español para entender, non sen tempo, que máis alá do mito das dúas Españas existen catro nacións: Galiza, Catalunya e Euskadi, ademais da propia España. A pesar da negación desta realidade dende os tempos dos Reis Católicos, a diversidade nacional, lonxe de desaparecer, permaneceu a través dos séculos lembrando a cada pouco o fracaso e esterilidade da imposición imperial. Ese carácter plurinacional, que se vén reivindicando con forza dende o XIX, de forma tan continuada como pouco produtiva, a través de federalistas como Pi i Margall ou Eduardo Chao, ou nacionalistas coma Maciá, Sabino Arana ou Castelao, acabou no posfranquismo nunha limitada descentralización administrativa formalizada na Constitución de 1978. Emporiso, seguen sen acabar de entender, do Padornelo para abaixo, que o problema non é só meramente administrativo, senón Cultural e Político, na profunda e ampla acepción destas dúas palabras: dereito ao idioma propio e dereito a decidir, en pé de igualdade. Mentres non se recoñeza a verdadeira natureza da cuestión nacional, o “problema español” será irresoluble como se demostra a cada pouco.

 

Máis alá do mito das dúas Españas existen catro nacións: Galiza, Catalunya e Euskadi, ademais da propia España

 

Pero non hai no horizonte sinais de que as cousas cambien, máis ben todo o contrario. As alarmas derivadas do enroque español sobre Catalunya presaxian un futuro aínda máis centralista se os cataláns non son quen de dar unha resposta unida e popular á ofensiva unitaria española. Se algo nos ensinou a rebelión pacífica catalá é que sen a unidade das forzas soberanistas o cambio será imposible e a resistencia moi complicada. Os enfrontamentos, as leas partidarias e as xogadas de curto percorrido só benefician aos da “unidad de destino en lo universal”, ben equipados e co seu aparello de comunicación, económico, xudicial, policial e militar ben engraxado. Pensar en vencer a este monstro coas forzas divididas ou con radicalismos estériles sería unha insensatez. Non serei eu quen se atreva a indicar o que outros deben facer, pero na miña opinión a estratexia máis adecuada e coherente ata agora foi a do PDeCat, e a do President Puigdemont, convencidos de que calquera paso atrás voluntario sería unha derrota e de que a unidade de acción de todas as forzas políticas, sempre xunto ao pobo catalán e ao lado das súas institucións democráticas, son a única garantía de que o “procés” acabará vendo a luz algún día. É unha aposta moi alta que se debe saber afrontar con dignidade, confianza e valentía, como fixo ata agora o pobo e o goberno catalán.

 

As alarmas derivadas do enroque español sobre Catalunya presaxian un futuro aínda máis centralista se os cataláns non son quen de dar unha resposta unida e popular á ofensiva unitaria española

 

Así a todo, os demais non podemos asistir a este dilema histórico enrocados no noso castelo particular. A Euskadi e a Galiza vailles moito no conflito catalán. Sobre todo a Galiza; deberiamos “poñer as barbas a remollo” e aplicarnos na construción dunha ampla alianza histórica, comezando pola base e sen apriorismos, que nos permita estar minimamente preparados para o complicado futuro que nos vén encima. 



x