Cando escribo esta columna para o Sermos o número de mortos na traxedia de Pedrógão Grande chega a 63 e os lumes seguen avanzando entre as masas de eucaliptos e coníferas do Pinhal Interior portugués deixando un rastro de destrución e morte. A finais de outubro de 2016 o actual goberno portugués presentou ao país unha grande reforma forestal “con os objectivos de facer un melhor ordenamento do território, reduzir o risco de incêndio, e criar mais riqueza e emprego” que entrou en vigor este ano. Entre as medidas concretas anunciadas polo ministro de Agricultura Luís Capoulas, estaba a xestión profesional do monte a través dunhas “sociedades de gestâo florestais” e do Banco de Terras portugués para agrupar as propiedades, mobilizar o monte abandonado e favorecer a loita contra os incendios forestais. Unhas medidas que me lembraban as tomadas polo equipo de Suárez Canal durante a etapa do goberno bipartito alá polo 2007.

 

 

Mais o problema principal de calquera política forestal, por moi correcta que sexa, radica na lentitude dos cambios que se necesitan introducir sobre o territorio para modificar a estrutura do monte e volvela máis racional e diversa. E o problema de Portugal é que posúe un monte onde o eucalipto, coas súas especiais características de árbore favorecedora dos incendios, invade de forma descontrolada a superficie arborada, o mesmo que acontece na Galiza. Nestas circunstancias de caos forestal, con inmensas masas continuas de material altamente combustíbel, só fai falla que concorran de forma simultánea unha serie de factores adversos: temperaturas altas, treboadas secas e vento forte para devastar toda unha comarca. Un cóctel mortal se se dá en zonas poboadas e dispersas, como foi o caso do sábado pasado ao sur de Coimbra. Se a isto engadimos uns dispositivos contra incendios mal estruturados e con competencias dispersas en varios departamentos o problema pode alcanzar as terríbeis cotas que xa coñecemos. Na actualidade en Portugal a vixilancia e detección hai tempo que pasaron a ser responsabilidade da GNR onde se integraron os gardas forestais(?); a prevención é competencia do Instituto de Conservación da Natureza, e o combate do lume está a cargo de Protección Civil. Como se coordina todo isto? A miña humilde experiencia dime que o mellor dispositivo é o integrado nun mesmo departamento e con mando único.

 

As medidas anunciadas polo ministro de Agricultura luso en outubro de 2016 lembraban as tomadas polo equipo de Suárez Canal durante a etapa do goberno bipartito 

Ademais, as autoridades deberían tomar nota de que os fenómenos adversos de tipo meteorolóxico non fixeron máis que comezar. Non só iso: irán en aumento, na súa frecuencia e intensidade, por mor do cambio climático. Esta realidade debería ser suficiente para levar adiante os cambios estruturais que impidan ou limiten as consecuencias deses factores altamente perigosos. Países como Portugal ou Galiza, cunha estrutura forestal desordenada e dedicada ao monocultivo xa deberían ter aprendido e rectificado con tempo. O monte non se cambia nun día, pero canto máis se tarde en comezar a ordenación máis tarde resolveremos o problema, coas súas traxedias en perdas humanas, ambientais e materiais.

 

O monte non se cambia nun día, pero canto máis se tarde en comezar a ordenación máis tarde resolveremos o problema

 

Como comentaba con agudeza unha xornalista portuguesa: “o que é que falhou neste sábado? Tudo, tal como falha há décadas”. Unha observación moi acaída porque, igual que ocorre en Galiza, o debate sobre o estado da floresta xa é de longo percorrido. O que fai falla é aplicar con urxencia os criterios nos que coinciden a maioría dos expertos: ordenación do territorio, planificación forestal, biodiversidade, prevención e vixilancia, participación social no deseño da ordenación e un dispositivo de defensa contra incendios profesional con mando unificado e dotado de medios materiais e tecnolóxicos adecuados.

 

Sen biodiversidade ordenada e a implicación da sociedade na solución dos problemas todo irá a peor

 

A combinación de todas as medidas referidas axudarán a mitigar de forma considerábel o problema derivado do cambio climático, pero a máis importante ten que ver coa estrutura forestal e a ordenación do territorio. Sen biodiversidade ordenada e a implicación da sociedade na solución dos problemas todo irá a peor. Mais aínda estamos a tempo.

 

Verín, 19 de xuño de 2017

 

 

 



x