Pisar chán boliviano é pisar historia.

Pisar chán boliviano é pisar historia. Nun momento transcendental, a dous meses das vindeiras eleccións presidenciais, celébrase en La Paz a XX edición do Foro de São Paulo, foro que aglutina aos partidos políticos, fundacións e movimentos sociais da esquerda latinoamericana e no que o BNG é convidado dende 2003 asistindo este ano en representación do BNG e da Fundación Galiza Sempre.

O MAS-IPSP é o instrumento político anfitrión, como eles denominan ao Movimento ao Socialismo e Instrumento Político pola Soberanía dos Pobos, nunha campaña eleitoral que permite que se gaña novamente Evo Morales Ayma, poidan ser consolidados os cambios iniciados en 2006 na construcción dun novo Estado Plurinacional, cunha constitución inclusiva de todos os pobos internos cun novo modelo económico, que parteu da analise da crise estructural do capitalismo, e dunha mudanza radical da situación de exclusión social e económica que padecía a maior parte da poboación dende a colonización e coas sucesivas oligarquías neoliberais dos gobernos anteriores, absolutamente vendidos ás decisións de Estados Unidos. Din por aquí, que mandaba máis o Embaixador daquel país que os propios presidentes. Uns “vendepatrias”, como repite incesante o Presidente Morales.

"A Evo quéreo a xente, nótase ben. Un goberno cuns principios básicos: Non roubar (Ama Suwa), Non mentir (Ama Llulla), e “Non ser froxo” (Ama Quilla)"

A Evo quéreo a xente, nótase ben, din del en calquera conversa que “serve ao Pobo” e que non se serve do Pobo. E tremendamente popular, traballa incansablemente, dende as 5hs percorrendo o País. Un goberno cuns principios básicos: Non roubar (Ama Suwa), Non mentir (Ama Llulla), e “Non ser froxo” (Ama Quilla). Un goberno que impulsou unha gran mudanza a través do novo sistema do denominado Modelo Económico Social Comunitario Productivo, son evidentes en cifras e en feitos. Este modelo parte de que a soberanía no política económica é fundamental para realizar cambios na sociedade, plasmada na recuperación da soberanía enerxética, dos sectores estratéxicos da economía, que permitiu que Bolivia poidera recuperar os excedentes dos sectores estratéxicos xeradores de excedentes para xerar emprego e rendas baixo os principios de igualdade, redistribución, xustiza, transparencia, seguridade xurídica e reciprocidade. A recuperación da soberanía fiscal, monetaria, cambiaria e financiera foi posta ao servizo do Pobo boliviano.

As consecuencias son a implementación de políticas sociais transformadoras, distribuidoras dos ingresos, complementadas con altos niveis de inversión pública, loitando contra a pobreza e a desigualdade. Así o PIB medrou en máis de dúas veces entre 2005 e 2013 e Bolivia deixou de ser un páis de ingresos baixos a un país de ingresos medios; o tamaño da economia triplicouse nestes últimos oito anos, de 9870 empresas en 2002 pasouse a 122.995 en 2013. As cifras pálpanse na mellora da calidade de vida, na aprobación de leis de distribución da riqueza, na implementación das pensións despois da vida laboral que non existían, na renda dignidade para as persoas en extrema pobreza.

A Lei Marco da Nai Terra e Desenvolvimento Integral para Vivir Ben, lei de outubro de 2012 é unha proposta de Bolivia para o mundo, é unha norma de revolución moral, como afirma Julio Salazar o xefe da Bancada nacional MAS-IPSP na Cámara de Senadores, con quen tiven a ocasión de falar do tema nun encontro no Senado. Todas e todos debiamos ler este texto que plantexa a cultura da vida, o cambio de mentalidade, que defende os dereitos da Terra Nai e o dereito dos nosos Pobos a desenvolverse en armonía e equilibrio para alcanzar o “Vivir Ben”, o bon viver, o “Sumaj Kamaña, Sumaj Kausay, Yaiko Kavi Päve). Consideran ao capitalismo un obxeto e á Terra Nai un suxeito cheo de vida. Esta lei evita que os recursos naturais só beneficien a uns poucos, para garantir a existencia de futuras xeracións, con esperanza, dignidade e soberanía.

12 propostas para o Bon Viver

As 12 propostas para o Bon Viver presentados por Evo Morales para campaña, para gobernar se son eleitos entre 2015 e 2020 son:

-Erradicación da extrema pobreza: en 2005 a pobreza era do 38%, case 4 persoas de dez vivían na indixencia. No goberno Morales 2006-2013 a pobreza baixou ao 18%, pasando de 4 millóns de persoas en extrema pobreza a 2 millóns en 2013. O obxetivo é erradicar a pobreza en 10 municipios, a través de programas integrais de prestación de servizos de auga, saneamento básico, electricidade, educación, saúde, condicións de vivenda e fortalecimento productivo.

-Servizos básicos para todas e todos: Auga potable, sumidoiros, electricidade, gas na casa, telecomunicacións. A posta en marca do satélite Túpac Katari xa estendeu servizos de telefonía, internet e televisión a máis de 1000 localides do rural.

-Vivir dignamente: Na saúde extendendo a sanidade universal e crear novas infraestructuras sanitarias; na educación, inversión do 8,7% do PIB en 2013, universalizando a cobertura escolar, a ampliación dos programa de alfabetización e postalfabetización; na vivenda, dotación estatal de 40300 vivendas unifamiliares; 43000 apartamentos en edificios e rehabilitación de 125000 vivendas; implementar o programa “Bolivia cambia, Evo cumple” investindo nos municipios máis pobres e lonxanos, construindo 100 escolas, 50 hospitais, 300 infraestructuras deportivas e apoiando empresas comunitarias e municipais, emprendimenos dos labregos e labregas , infraestructura de rego e saneamento básico.

-Revolución e independencia tecnolóxica, para non depender da tecnoloxía doutros países.

-Por un País productivo, industrializado e con emprego: co uso dos recursos para mellorar a calidade da vida, máis recursos que saian dos recursos enerxéticos para combater a extrema pobreza.

-Producir alimentos: apoio á agricultura e creación dun seguro agrario universal para dar seguridade aos productores de alimentos.

-Auga para a vida e respeito da Nai Terra: defensa da biodiversidade, e promoción dunha lei de xestión integral dos residuos sólidos, ampliación da auga potable.

-Integrar Bolivia: mellora das comunicacións por estrada, por ar, por ferrocarril e por vía fluvial.

-Coidar o presente para mellorar o futuro: apoio de programas de rendas básicas, á inclusión de persoas con discapacidade, participación plena das mulleres nos eidos de decisión política e económica, orientación en dereitos sexuais e reproductivos para previr o embarazo adolescente; extensión de bolsas e microcréditos para emprendimento, ampliación do programa “Mi primer empleo digno” a 15 vilas.

- Xuntos por un País soberano e seguro: orientación das forzas armadas á loita contra o narcotráfico, a delincuencia e a prevención de riscos para prever desastres naturais e mellora da seguridade cidadana.

-Revolución na xustiza e loita contra a corrupción: apertura á cidadanía á reforma da xustiza, incrementando seus medios humanos e materiais, reforzar a loita contra a corrupción e o enriquecimento ilícito.

-Por unha orde mundial pola vida e pola humanidade para Vivir Ben: pensando o mundo dende Bolivia proponse unha política exterior que teña como eixos fundamentais a reforma da ONU, o impulso doa Diplomacia dos Pobos pola Vida, o lexítimo dereito ao mar, á defensa dos pobos indíxenas do mundo.

Con este programa básico percoren o País o Presidente e o Vicepresidente Alvaro García Linera, falando da liberación das clases populares desamparadas durante tantos anos, á fronte deste proceso transformador que loita contra o neoliberalismo que asolou este País. Porque antes, quen decidía era o neoliberalismo, agora decide o Pobo Boliviano, con soberanía, procurando a liberacón social, económica, política e cultural dos seus pobos para atopar o Bon Viver.