Pódese ser independentista e comunista, o que non se pode é ser comunista e estar contra o dereito de autodeterminación dos pobos. 

 

Outra cousa é antepoñer o feito nacional por enriba da loita de clases ou entender que a loita pola liberación nacional está ao marxe da loita de clases, neste caso existe unha contradición. Pero o feito de sentirse parte dun pobo, dunha nación, e de defender o dereito a decidir non é incompatible coa militancia comunista consecuente.

 

É verdade que existen contextos en que o feito nacional pode ser usado pola burguesía para dividir a clase obreira. Pero é un erro plantexar a incompatibilidade de independentismo e comunismo, sobre todo cando o Goberno da metrópole é totalitario. Parece que non é sinxelo para unha parte da esquerda nacional entender a realidade plurinacional do Estado español. Nesa incomprensión comeza un grave problema de convivencia dentro do Estado. 

 

É un erro plantexar a incompatibilidade de independentismo e comunismo, sobre todo cando o Goberno da metrópole é totalitario

 

O Estado español non é unha nación de nacións, nin é unha nación. O Estado español é en todo caso unha unión de nacións. Pero para que exista unidade e coexistencia, ten que existir respeto e comprensión. A unidade ten que ser entre iguais. Non poden existir nacións de primeira e de segunda categoría. Esta unidade ten que ser voluntaria, debe ser unha unión de nacións libres que deciden camiñar xuntas.

 

De non ser así o Estado español será sempre máis unha prisión de pobos que a casa de todos, será un Estado fallido. É preciso abrir un debate necesario sobre o modelo de Estado, República e monarquía e o dereito de autodeterminación dos pobos dentro do Estado español. 



x