Nos últimos días a actitude que unha empresa británica presenta con respecto á lingua catalá está no centro da polémica na Internet. Esta situación comezou cando un usuario de Twitter se queixou á compañía a través da famosa rede social de que lle fixeran pagar o dobre por unha reserva que xa realizara, mensaxe que publicou en catalán. O community manager da multinacional, a pesares de contestarlle na mesma lingua, pediulle que lle remitise o problema nalgunha das linguas que eles empregan, entre as que se atopan o español, italiano, portugués, francés, alemán, inglés e holandés; mais non o idioma propio de Cataluña.

Algúns tuiteiros criticaron a resposta da multinacional, defendendo que, xa que operan naquela comunidade autónoma, deberían atender aos seus clientes tamén nesta lingua.

Numerosos medios de comunicación dixitais non o viron así, describíndoos como “independentistas”, deixando á marxe a neutralidade que debería caracterizar o xornalismo

Con todo, numerosos medios de comunicación dixitais non o viron así, describíndoos como “independentistas”, deixando á marxe a neutralidade que debería caracterizar o xornalismo. Así mesmo, defenderon á aeroliña loando que marxinase á lingua catalá en favor da lingua castelá, e argumentando, por unha banda, a prioridade que posúe unha lingua con 400 millóns de falantes, o español, fronte a unha con dez millóns, o catalán; e, por outra, o deber dos españois de coñecer o castelán e o dereito a empregalo segundo a Constitución.

Porén, se nos referimos á Carta Magna estatal, non estaría de menos botarlle unha ollada ao Estatuto de Autonomía de Cataluña, que no seu artigo 34 estipula que “todas as persoas teñen o dereito a ser atendidas na lingua oficial que escollan na súa condición de usuarias ou consumidoras de bens, produtos e servizos”, así como que “as entidades, as empresas e os establecementos abertos ao público en Cataluña quedan suxeitos ao deber de dispoñibilidade lingüística”. Podemos afirmar, polo tanto, que son os defensores do catalán os que, en termos legais, están exercendo o dereito que se lles concede, e que é a firma do Reino Unido a que está infrinxindo a lei, ao igual que moitas outras que restrinxen a liberdade lingüística. En conclusión, non podemos máis que desprezar a cualificación de “separatistas” para referirnos a aqueles que tentan poder empregar a súa lingua en todos os ámbitos da súa vida cotiá.