Van xa para corenta anos que se puxo en marcha o réxime autonómico de Galicia, acadando o galego rango de oficialidade (co-oficialidade), na mesma situación xurídica que o catalán e o vasco nas súas respectivas comunidades. Mais o balance que nós podemos facer é ben diferente do que están en condicións de facer os vascos e ‒non digamos‒ os cataláns. Todos somos conscientes da perspectiva previsible a partir dos datos actuais: a inexorable desaparición do noso idioma, que xa acusa de maneira alarmante os síntomas propios do proceso en estado avanzado: o deterioro do seu sistema e a ruptura da transmisión xeracional.

 

A ninguén que se preocupe polo asunto se lle oculta isto, nin tampouco, por regra xeral, a razón estrutural que o explica: o paulatino abandono ou indiferenza por parte da gran maioría da sociedade, por motivos de raíz sociolóxica e política que poden ser verbalizados de diferente maneira, unha das cales, dotada de suficiente soporte epistemolóxico, puidera ser autocolonización (a quen non lle agrade a palabra pode escoller outra, e sempre haberá sinonimia).

 

Porén, os factores concretos por medio dos cales se realiza día a día ese proceso de raiceiras profundas non sempre se encaran en toda a súa amplitude, resultando cómoda a coñecida resposta á consigna “¿a culpa de quen é?” (“a culpa é do PP”), que ten a virtude de concentrar a responsabilidade nun grupo reducido eximindo a todos os demais, pero con escaso valor analítico, porque en realidade estamos ante un problema de moi ampla dimensión social; un círculo vicioso que se retroalimenta entre unha maioría da poboación e as siglas políticas en que se ve representada.

 

Resulta cómoda a coñecida resposta á consigna “¿a culpa de quen é?” (“a culpa é do PP”), que ten a virtude de concentrar a responsabilidade nun grupo reducido

 

A desaparición do idioma conduce en paralelo á extinción da correspondente comunidade social, a “célula de universalidade” que o creou e da que el era expresión (é dicir, da nación). Por tanto, é inevitable asumir unha responsabilidade múltiple. É imprescindible e inaprazable emitir diagnósticos acertados, so pena de non dar atallado o mal, e cómpre, por tanto, contemplar a realidade coa máxima obxectividade.

 

Certo que a actitude con respecto ao idioma dos sectores sociais que se enmarcan na dereita política foi sempre de hostilidade ou indiferenza, o cal corresponde a unha tradición adoptada séculos atrás, e conta hoxe cos oportunos e poderosos instrumentos orgánicos e mediáticos, mais tamén o é que os sucesivos gobernos autonómicos foron por diante (cando menos nos aspectos normativos e formais, o cal non é pouco) do comportamento xeral da poboación, e non digamos xa dos grupos máis teimosamente contrarios á normalización. Por iso, calcando as tintas exclusivamente nas políticas gubernamentais (sempre mellorables) obviamos a clave do problema. As políticas do Goberno autónomo serían por forza moi outras se existise demanda social a prol do idioma, cousa que (non nos enganemos) non acontece.

 

As políticas do Goberno autónomo serían por forza moi outras se existise demanda social a prol do idioma, cousa que (non nos enganemos) non acontece

 

Chegados a este punto corresponde contemplar as políticas lingüísticas implementadas por todos os actores colectivos que exercen influencia sobre a modelación dos comportamentos sociais. Alegar que fóra do poder (gubernamental, económico ou mediático) non se dispón de tal capacidade equivalería a negar toda posibilidade de acción. E a ninguén se lle oculta que acerca deste tema o nacionalismo ten sobre si unha responsabilidade preferente e comunmente recoñecida, por tirios e troianos.

 

«A verdade é sempre revolucionaria» (dixo alguén que non lembro). ¿Cal foi a proposta político-lingüística do nacionalismo ao longo destas décadas?. Político-lingüística, si, porque a actitude ante a lingua atinxe directamente a propia existencia e supervivencia da comunidade nacional, xa que «se somos galegos é por obra e gracia do idioma» (Castelao). ¿Haberá Galicia se perdemos o idioma, o noso particular vehículo e relación e de cohesión, de recoñecemento interno e externo? A historia, sen dúbida, continuará, e seguirá habendo algo chamado Galicia, pero será outra cousa; coido que non a desexable.

 

A primeira responsabilidade esixible ao nacionalismo é a de ter permitido e fomentado o caos normativo

 

A primeira responsabilidade esixible ao nacionalismo é a de ter permitido e fomentado o caos normativo, proporcionando cobertura ao ruinoso minifundismo que se materializa na alucinante proliferación de normativas: oficial, de consenso, de mínimos, medios, máximos, lusismos de intensidade variable (en función da elucubración ou atrevemento do emisario e do usuario), abertos portuguesismos (tamén variables dependendo do grao de coñecementos do portugués). ¿Pode alguén crer que isto sexa inocuo?. A repercusión que este impresionante panorama ten sobre o común falante do galego ‒non digamos sobre o potencial‒ non paga a pena explicala: desorientación absoluta, xusto cando máis precisados andamos dun referente consolidado.

 

Mais o nacionalismo hai xa tempo que adoptou unha orientación cara ao portugués que agora se fai explícita. Preséntase cun formato de baixa intensidade, unha entelequia chamada “reintegracionismo”, un sofisma que en realidade non significa outra cousa que portuguesismo. O “reintegracionismo” non ten outra meta lóxica máis que a integración do galego no portugués; ou sexa, a adopción do portugués como paradigma culto e a volta do galego, por tanto, á consideración de dialecto. Proposta xa intentada hai moito tempo, cando daquela se aseguraba que o galego era un dialecto do español. Unha e outra versión responden ao mesmo complexo de inferioridade propio da autocolonización. Emprégase incluso un argumentario semellante: os que antes eran alcumados de “separatistas” son agora “isolacionistas”; ou ben que estamos precisados de proxección internacional por medio dun idioma falado por centos de millóns, etc. Mais a simple observación da realidade circundante priva de valor ese tipo de afirmacións. Un idioma só é viable se os seus falantes queren que o sexa. O demais é inútil.

 

O reintegracionismo non ten outra meta lóxica que a adopción do portugués como paradigma culto e a volta do galego, por tanto, á consideración de dialecto

 

O “reintegracionismo” é unha entelequia. O galego é idioma de por si; non pertence a ningún suposto “sistema galego-portugués”. Tal clasificación é útil no terreo da filoloxía, na medida en que explica a xénese diacrónica, mais non reflicte unha situación fixada e vixente hoxe en día. Pódese asemade establecer a hipótese dun “sistema galaico ou proto-galaico”, no que tamén se incluirían as falas astur-leonesas e o mesmo castelán orixinario. De feito, se certamente as semellanzas entre galego e portugués son obvias, igualmente o son as existentes entre galego e castelán ou entre castelán e portugués. Os límites entre idiomas moi próximos é difuso. E se lanzamos unha ollada retrospectiva caberá deseñar máis hipotéticos “sistemas”, sen nada disto contradicir a actual existencia de idiomas.

 

A fin de contas un idioma vén sendo (a partir de certo e variable grao de particularidade) aquela fala que unha comunidade nacional recoñece como propia. E Galicia creou o seu propio instrumento de comprensión e expresión do universo, transmitírono ata o presente os seus sectores populares e déronlle rango de lingua de cultura unha brillante constelación de escritoras e escritores. Idioma e idioma de cultura; referente culto de si mesmo, pletórico de dignidade (a mesma dignidade que tería aínda non sendo lingua de cultura, senón polo mero feito de ser a lingua dun pobo).

 

Como tal idioma, o galego nin precisa nin pode “reintegrarse” a ningún outro sistema distinto do seu propio. O “reintegracionismo”, calquera que sexa a súa polimórfica presentación (todo ese abano entre mínimos e máximos) actúa como un ácido que corroe a coherencia obxectiva e subxectiva do galego, afectando a un mesmo tempo as estruturas internas do idioma e a autoidentificación dos falantes. Desde a modalidade de menor intensidade ata a da explícita disolución no portugués, todas as propostas reintegracionistas conducen por forza ao mesmo fin: o inexorable abandono do galego por parte dunha minguante poboación desasistida da imprescindible vangarda cultural e política que en toda parte dirixe e dirixiu sempre os procesos de construción nacional, incluíndo a normalización do idioma.

 

Como tal idioma, o galego nin precisa nin pode “reintegrarse” a ningún outro sistema distinto do seu propio

 

Toda suplantación dos elementos constituíntes do idioma (morfolóxicos, sintácticos, fonéticos) é destrutiva, pero o caso máis grave consiste, como é doado de comprender pola súa enorme carga simbólica, na substitución do corónimo, do propio nome do país, mostra de irresponsabilidade e de soberbia por parte de quen o pretenda; ¿quen se cre lexitimado para desterrar o nome que o país se deu a si mesmo (Galicia) polo erróneo artificio de 'Galiza' ou 'A Galiza'?.

 

Porque 'Galiza' non é a vella forma autóctona medieval substituída logo por Galicia, supostamente importada. Non; sinxelamente 'Galiza', así, con /z/ fricativo interdental xordo (ϑ) non se dixo nunca, nin na Idade Media. Pola razón que sexa, unha vez que en Galicia se introducía ese fonema, ao longo do século XVI, xa se establecera a forma Galicia e esta se converteu na única denominación do país. Será inútil rastrexar a forma 'Galiza' nos séculos XVI a XIX. Durante a Idade Media o nome do país presenta un notable polimorfismo ortográfico (Galiza, Galisa, Galicia, Galisia, etc.) pero sempre lido 'Galisia' ou (como se mantén en portugués) 'Galisa'.

 

'Galiza', así, con /z/ fricativo interdental xordo (ϑ) non se dixo nunca, nin na Idade Media

 

A crenza de ser 'Galiza' o nome histórico non contaminado polo castelán debe provir das Irmandades da Fala, quizais de Vilar Ponte. O erro procede de atoparse así escrito na documentación medieval, que emerxe á luz por obra dos historiadores desde o século XIX. No seu loable esforzo de restitución dunha prosa culta os homes da Xeración Nós botaron man de numerosos historicismos lingüísticos, labor no que loxicamente houbo acertos e erros. Este foi un erro.

 

O grave é que despois non se corrixise e aínda afondasen nel varios filólogos actuais, de cuxa alta competencia e boa intención nin quero nin podo dubidar. O erro forma parte da propia actividade científica. Pero, no que fai a este caso concreto, se fosen médicos morríalles o paciente.

 

En realidade o neoloxismo 'Galiza' só se xustifica (sábeno ben os seus defensores) desde unha perspectiva vergonzantemente “reintegracionista” (falando claro, portuguesista), pois incluso esa forma é unha manifesta equivocación, xa que os portugueses non din 'Galiza', e non xa porque en portugués Galicia se diga Espanha, senón porque son incapaces de pronunciar o fonema fricativo interdental xordo. E dígase o que se queira, 'Galiza' non é o mesmo que 'Galisa'.

 

O neoloxismo 'Galiza' só se xustifica (sábeno ben os seus defensores) desde unha perspectiva vergonzantemente “reintegracionista” (falando claro, portuguesista)

 

Os efectos desbaratadores do portuguesismo sobre a supervivencia do galego son enormes e previsibles. Tratar de negalo entra no rango das discusións bizantinas. Pero ademais poñen en evidencia o crecente divorcio entre a gran maioría da poboación, que simplemente deserta do idioma do país e se acomoda no castelán ata adoptalo como a súa lingua natural, e unha minoría sectaria que se lanza cara á nada, inconsciente da súa crecente soidade ou indiferente a ela.

 



x