A internacionalización da cuestión de Catalunya: a necesidade dun novo proceso constituínte (Senado territorial, Tribunal Constitucional independente e referendo)

 

É congruente o noso deseño constitucional institucional cun desenvolvemento cooperativo do Estado autonómico español? A resposta a esta pregunta é claramente negativa. Iso é así porque estamos na presenza de varios elementos que o condicionan: a) un Rei, como Xefe do Estado, de elección non democrática, co cal houbo que apechar, no 1978, nun “trágaa ou a democracia non é para agora”;b) un Congreso do Estado elixido por listas pechadas e non por listas abertas, o cal fíxoo cautivo do partido que, en cada momento sustente ao Goberno, e no  do partido maioritario da oposición (PP ou PSOE, en rítmica alternancia); e c) un Senado subordinado ao Congreso e non territorial, nun réxime de similar cautividade tamén.

 

E xa a nivel xudicial, temos tamén un goberno continuado de coalición PP-PSOE, derivado do gran poder, directo e indirecto, que alternativamente o Goberno e o primeiro partido da oposición dispoñen, en especial, á hora da elección, -e consecuente cooptación ideolóxica, materialmente falando-, dos compoñentes do Poder Xudicial nos nivéis intermedio e superior, nunha medida tal que ata se fala da existencia en España dun Poder Xudicial bipartito, coa súa expresión maior no Consello Xeral do Poder Xudicial, no Tribunal Constitucional e no Fiscal Xeral do Estado.

 

Salvaríase desta dependencia xudicial o recrutamento da xudicatura, con base nas consabidas oposicións de ingreso na Carreira Xudicial; pero, unha vez dentro, aquel que queira chegar ás súas cimeiras sabe ben que ¨non deberá moverse” moito na foto. Sen dúbida, con todo, hai que facer un recoñecemento a toda unha xeneralidade de xuíces dos niveis de ingreso e intermedios, amantes da súa profesión, á cal renden culto e adicación no seu día a día. En todo caso, talvez conviría, e o dereito comparado podería axudar a iso, examinar o papel posíbel das Comunidades Autónomas no deseño e funcionamento da Carreira Xudicial en España, algo ao día de hoxe totalmente centralizado.

 

Como se chega a un Estado vertical? Máis aló das proclamacións de España como Estado autonómico, derivadas da Constitución de 1978 e da presenza das Comunidades Autónomas, cos seus Estatutos de Autonomía, asistimos a unha situación na que España --debido a que os conflitos promovidos polo Goberno central ante o Tribunal Constitucional non deixan de ir en aumento no que vai de século--, foi  transformándose, con máis présa que pausas, nunha entidade en vías de recentralización, a cal ben podería -á súa vez- ser cualificada como un Estado orgánico vertical. No seu seo, faise cada vez máis difícil a aparición das necesarias visións de sínteses que, como froito dunha complexa e rica relación dialéctica entre o Estado e as entidades territoriales que o constitúen, resultan imprescindibeis para unha democrática e pacífica supervivencia da propia España como conxunto.

 

Nesta verticalización de España ten un papel instrumental de primeira orde o Tribunal Constitucional. Diferentes políticos foron erguendo a voz respecto da deriva centralista do Estado, servíndose do alto Tribunal. En tal sentido, o portavoz do Goberno andaluz, M.A. Vázquez, chegou a denunciar no 2016 que: “O Goberno da nación está aproveitando a maioría conservadora no Tribunal Constitucional para darlle unha volta ao Estado descentralizado que construímos e que estaba funcionando ben. O TC está intentando recortar -por presións do Goberno da nación- as competencias das comunidades autónomas para impulsar un proceso de recentralización de competencias”. 

 

Neste contexto, resulta difícil negar a presenza na Constitución española e as súas Leis orgánicas de desenvolvemento dun sistema institucional cada vez máis seriamente comprometido por unha verticalidade transversal --sen rastro real das Nacionalidades históricas e das Comunidades Autónomas-- e, polo tanto, cunha denotada dependencia xerárquica entre os distintos elementos orgánico-estructurais de España. Resulta así, en consecuencia, sustancialmente comprometido o carácter democrático e integrador dun Estado que non fai posíbel a convivencia de Catalunya, Euskadi e Galiza e do resto das Comunidades Autónomas. 

 

Este é un Estado que non fai posíbel a convivencia de Catalunya, Euskadi e Galiza e do resto das Comunidades Autónomas

 

Temos en España un Poder Xudicial e un Tribunal Constitucional independentes? O poder xudicial bipartito, esténdese, cal longa manu

 

...ao Consello Xeral do Poder Xudicial, electo polo Congreso (10 membros) e Senado (outros 10).  

 

...ao Tribunal Constitucional, electo polo Congreso (4 maxistrados), o Senado (4); e --a diferenza da Alemania onde só interveñen na súa elección o Congreso e o Senado (neste caso, un Senado territorial)--, o Goberno central elixe asimesmo outros 2 maxistrados (o cal convérteo na antítese do clásico principio xurídico nemo iudex in sua causa, ninguén pode ser á vez xuíz e parte). O Consello Xeral do Poder Xudicial elixe, á súa vez, outros 2 maxistrados nunha elección corporativa pura e dura.

 

...ao Fiscal Xeral do Estado nomeado polo Rei, a proposta do Goberno. Nos Estados Unidos de América, este cargo é nomeado polo Presidente, pero necesita ser ratificado polo Senado. Así as cousas, onde está presente na elección dos maxistrados constitucionais españois e do Fiscal Xeral o factor territorial? En ningures. E así nos vai…

 

Así as cousas, onde está presente na elección dos maxistrados constitucionais españois e do Fiscal Xeral o factor territorial? En ningures.

 

Estamos pois ante un poder jurisdiccional constitucional, materialmente falando, cunha gran carga de dependencia derivada do propio sistema de elección que propicia unha designación de membros ideolóxicamente pertencentes á contorna dos sucesivos Gobernos centrais e dos primeiros partidos da oposición. Un dos maxistrados constitucionais actuais foi nada menos durante 17 anos deputado do PP no Congreso e ata estivo a punto neste 2017 de ser elixido como Presidente do Tribunal Constitucional. Así as cousas, con estes bimbios xudicial-constitucionais case que non fai falta chegar a que o Goberno e/ou o primeiro partido da oposición pensen en voz alta ou lles rumoreen ao oúvido aos compoñentes de quenda do Tribunal as súas inquietudes. Os camiños son converxentes. Ademais, principio sagrado, de ben nados é ser agradecidos. De aí, un Tribunal Constitucional como parachoques dun Goberno central. Sóanos a algo isto? Sen indagar na independencia intrínseca de cada maxistrado constitucional que un --nun acto de seráfica boa fe-- ata podería presumir, a realidade imponse: o resultado lóxico da actuación do Tribunal no seu conxunto, cun corpo electivo tan pouco representativo da pluralidade e riqueza do pensamento xurídico e dos actores políticos dos territorios de España e desta como conxunto, haberá de ser, sen dúbida, un produto pechado e perxudicial para a realidade dinámica, plural e viva que debería ser España. 

 

Por suposto, que as últimas actuacións do Parlament catalán de tipo lexislativo non me parecen correctas en termos de Dereito, aínda que xa non diría o mesmo en termos políticos; pero, ao fin, onde e fai canto tempo quedou ao carón o Dereito con maiúsculas de parte do Goberno central? Por acaso, xa dende o mesmo 1978, cunha transición --que non ruptura democrática-- cuxos efectos ninguén quixo ver entón pero que inexorabelmente padecemos agora? Por descoñecemento ou polos intereses persoais que foren, ninguén quixo falar de toda a problemática que estou apuntando. Pero a realidade é testán. 

 

Poder xudicial e discriminación territorial. A internacionalización da Catalunya. O dereito é aprobación, interpretación e aplicación da norma. A ambigüedade calculada dalgúns termos, froito dos compromisos políticos dentro dos órgaos parlamentares, coloca ao xuíz ante o delicado e resbaladizo papel de intérprete da norma. Nesta tesitura, abocado o xuíz a un papel de recreador da norma, as posibles interpretacións desta veranse influídas indefectiblemente polo seu espectro ideolóxico persoal.

 

E ollo a isto, porque a desvirtuación do tratamento territorial, recolleito pola Constitución de 1978, auspiciada polo Goberno central e facilitada polo propio sistema xurisdiccional constitucional, tal como vimos, viñeron conducindo a unha espiral de controversias, detencións, denuncias de natureza penal, etc., en relación coa cuestión catalá que fan que, xa con máis présas que pausas, a súa internacionalización vaia en progresivo aumento. Nesta, ao Goberno acabaríaselle o recurso xudicial. E na complexa realidade internacional atoparémosnos, entre outros: a) con Estados coa boca pequena apoiando ao Goberno español pero, máis aló das palabras, moi pouco molestos cunha posíbel independencia da Catalunya, polas súas repercusiones no debilitamiento de España e, tamén pero menos, da Unión Europea; b) con Tribunais como o dos Dereitos Humanos do Consello da Europa, ao cal sen dúbida irán os recursos contra algúns dos posíbeis fallos xudiciais que haxan de producirse en España; c) co Consello de Dereitos Humanos da Organización das Nacións Unidas; d) cunha opinión pública internacional, con canles de información cada vez maiores e dun máis amplo espectro que nunca, contraria ás imaxes e situacións de violencia, opinión que demandará a intermediación dos seus respectivos Estados… 

 

Hai estados que coa boca pequena apoian ao Goberno español pero, máis aló das palabras, están moi pouco molestos cunha posíbel independencia da Catalunya

 

A dinámica internacional non poderá ser controlada dende España. Ogallá que se poida parar a tempo a cadea de discriminacións en relación coa Catalunya. Desde logo, a suspensión formal ou de facto da autonomía catalá, argüindo o socorrido art. 155 da Constitución, que vale tanto para un roto como para un descosido pero non para todo, sería unha espita aberta a unha sucesión de feitos demandantes dunha invocación crecente da cláusula de non discriminación da Resolución 2625, de 1970, da Asemblea Xeral das Nacións Unidas que contempla excepcionalmente o dereito de secesión fronte ao principio de integridade territorial. Ao cabo, o principio de autodeterminación dos pobos é un principio estructural per se do Dereito Internacional, o de integridade territorial ou o é ou non o é (habería moito que discutir encol a por onde vén transcorrendo o asunto nos últimos trinta anos). En todo caso, un punto de inflexión na crise de Kosovo estivo na suspensión por Belgrado da súa condición de Provincia autónoma dentro de Iugoslavia. Algúns dirán que a historia non se repite porque os antecedentes nunca son iguais. Certo, pero os enormes riscos dunha situación que se vaia dos mans dos propios protagonistas dun e outro lado están aí.

 

Un punto de inflexión na crise de Kosovo estivo na suspensión por Belgrado da súa condición de Provincia autónoma dentro de Iugoslavia

 

Unha nova Constitución é necesaria para unha España de Nacionalidades históricas (Catalunya, Euskadi e Galiza), Comunidades Autónomas. Senado territorial e principio de autodeterminación. En atención ao visto ata aquí, --no cal non poderemos profundar por razóns obvias de espazo--, non estando dotados, aínda que en desigual medida, os distintos actores institucionais españois, de forma suficiente, dos principios de democracia, representatividade popular e territorial e independencia e moito menos do principio de equilibrio institucional da Unión Europea --que fagan posibel unha convivencia cooperativa--, debemos concluír que as institucións centrais que vertebran actualmente un Estado composto (ou de estructura complexa) como é  España non permiten unha evolución progresiva da relación entre os seus integrantes.

 

Non, non só iso, senón que ata, progresivamente, as eivas estruturais do noso sistema orgánico institucional viñeron a revelarse como involutivas e perxudiciais para a supervivencia da España autonómica e ata da súa integridade territorial, tal cal está revelándose coa crise, ¡de momento!, soamente catalá pero non indemne a unha emulación interna, en maior ou menor grao, como a producida noutros países europeos afectados na súa integridade durante o pasado século. 

 

Estamos así mesmo cunha Constitución caduca e inxusta, que non foi votada pola maioría dos españois actualmente con dereito a voto, (ao redor dun 64%), os cales non puideron participar nunca nun referendo constitucional como o do 1978. De seguir así e de non abrirse un novo período constituinte en España, iremos fatídicamente camiño das mazmorras e mordazas físicas e mentais --onde quen opina e non bala cal ovella, sempre está próximo ao delito—propias dun novo Estado Español de corte neofranquista.

 

De non abrirse un novo período constituinte en España, iremos fatídicamente camiño das mazmorras e mordazas físicas e mentais

 

A existencia dun Tribunal Constitucional xurdido nun contexto electivo máis representativo e variado, arroupado por unhas incompatibilidades que, entre outras, descarten aos candidatos cun pasado político, deviría nunha composición ideolóxico-xurídica daquel máis diversa, democrática e operativa, dando lugar a unha máis san e sistemática lóxica xurídica interpretativa. Sen dúbida, dous terzos da conflictividade da crise catalá deste século, agraviada e agravada innecesariamente, quedarían no camino cun Tribunal máis territorializado. Polo de súpeto, un referendo consultivo como o do 2014, cun Tribunal mínimamente representativo, non atoparía ningún problema de legalidade, de acordo co establecido en materia de consultas na Constitución e na lexislación catalá. A Constitución ten perchas para faguer ondear o timón con un rumo máis curto, máis a medio prazo ou cunha máis longa visión. O cortoplacismo non é máis que unha sementeira de discordias e disgregación. 

 

Un referendo consultivo como o do 2014, cun Tribunal mínimamente representativo, non atoparía ningún problema de legalidade

 

Entendemos que nunha situación como a actual faise perentoria unha nova Constitución para España. Catro asuntos, entre outros, requirirán un especial debate;

 

a) a oficialidade en exclusiva das linguas propias no seus territorios respectivos e o impulso dun exquisito coñecemento do castelán como lingua internacional que é por todos os cidadáns;

 

b) a configuración dun Senado auténticamente territorial, froito polo de pronto dunha elección a nivel de circunscripción autonómica (e non provincial como é actualmente) que faga posíbel unha máis ampla presenza das sensibilidades políticas existentes, e cun poder normativo real similar ao do Congreso; 

 

c) a consecución dun Tribunal Constitucional libre das servidumes xerárquicas a que se ve abocado actualmente debido aos espurios e interesados mecanismos existentes para a súa conformación. 

 

d)  e, finalmente, un recoñecemento do dereito de autodeterminación dos pobos que compoñen o Estado español, quizaives cun referendo a dobre volta, primeiro cun referendo consultivo e, pasado un tempo que se xulgue como razoable, cun referendo decisorio  --relativos a seguir formando parte de España ou a independizarse, nunhas condicións, requisitos, seguridade xurídica e ordenación normativa que fagan daquel dereito un último instrumento xurídico a utilizar, chegado o caso, de forma pausada, reflexiva, serea e sobre todo democrática e pacífica. 

 

Algúns dirán, e cómo pode abrirse xurídicamente o melón constitucional? Sabida é a complexa regulación da Constitución en materia de revisión constitucional. Votación favorabel polos dous terzos do Congreso e do Senado, Referendo popular, eleccións lexislativas e nova votación favorable polos dous terzos das dúas novas Cámaras. Este camiño --salvo que houbera vontade política como ocurreu coa reforma, en menos dun mes, do artigo 135 da Constitución (estabilidade orzamentaria)-- é na práctica como un parto dos montes. Faise preciso un novo acordo político para ir a unhas eleccións constituíntes, onde os principios de democracia e decisión sexan a máxima pauta. É acó onde a Declaración Universal dos Dereitos Humanos e os Tratados internacionais en materia de Dereitos Humanos dos que forma parte España, superiores ao noso ordenamiento xurídico constitucional e infraconstitucional, tanto desde a perspectiva do Dereito Internacional como española (arts. 10.2 e 96.1 da Constitución de 1978), pode servir para artellar a base xurídica necesaria para  realizar unhas novas eleccións constituíntes. 

 

Faise preciso un novo acordo político para ir a unhas eleccións constituíntes, onde os principios de democracia e decisión sexan a máxima pauta

 

A legalidade constitucional dunha España corrupta ata a médula, e polo tanto cunha inxusta desigualdade exponencialmente crecente, poida que deixara de ser lexítima fai xa tempo. Máis inmutabéis eran os principios da Lei franquista dos Principios do Movemento Nacional de 1958 e a legalidade foi substituída pola lexitimidad cando houbo vontade política para iso. En definitiva, é a hora da negociación e do pacto, ante todo e sobre todo. Para negociar necesítanse polo menos dous suxeitos, Catalunya pediuno e o Goberno central non optou por ela. Coidado cos órdagos xudiciais e administrativos á brava, ao pior desintegran a España antes do que ninguén pensara. Mesura e ponderación por e para todos. Tempo ao tempo, hoxe estamos a 19 de outubro, En breve veremos a sinrazón do centralismo negándose a calqueira tipo de negociación coa Catalunya. Teño que dicir que eu, ao día de hoxe, non son proindependentista, pero elo non me impide ver por onde vai ir indo a onda da historia dos enfrontamentos… As ideas ata eiquí expostas poderan ser xulgadas como extremistas por moitos. Nembargantes, de non ser aplicadas, ao menos na súa maior parte,  algúns poderán chegar a lamentar a desintegración de España por falla dunha visión de longo alcance… E non valerán xa as lamentacións. De Santa Bárbara hai que lembrarse antes de que trone…

 

Este artigo foi escrito a 19 de outubro



x