Unha noite calquera, unha cidade europea calquera. Unha moza e un mozo que se preparan para saír. Unha noite entre amigos que debería ser igual para ambos pero que non o será. Nunca o é.

 

Ela queda coas amigas. Mentres agardan pola terceira, achéganse dous mozos. Dádesnos un abrazo? Intercambian miradas de abraio. Veña, que non pasa nada, replican. E así, sen máis, as dúas rapazas vense entre os brazos de dous descoñecidos que marchan logo co sorriso nos beizos. Coa mirada vitoriosa de quen nunca foi vencido.

 

Son as doce menos cuarto. El sae de casa. Vai andando só ata o bar onde quedaran. O mesmo barrio, a mesma hora. Vai tranquilo, sen présa. Fai unha boa noite e gústalle camiñar. 

 

Mentres agardan pola terceira, achéganse dous mozos. Dádesnos un abrazo? Intercambian miradas de abraio. Veña, que non pasa nada, replican

 

Ela vai con dúas amigas. Logo dirán que ían as tres soas e de noite, se lles pasa algo a culpa foi súa. Como poden ir tres persoas soas se van xuntas? Camiñan rápido, son apenas douscentos metros. Tres homes cortan a beirarrúa. Non se apartan, espíndoas coa mirada. Teñen que pasar entre eles. Onde ides, guapas? Apuran o paso. Mellor non facer caso e non pararse nunca.

 

El xa chegou. Fala cos amigos. Tardou case o dobre, vive máis lonxe pero non ten medo. A el ningún descoñecido o abrazou na rúa. Nin lle tentaron roubar un bico. Ou algo máis.

 

Xa no bar, elas entran a pedir. Mentres unha paga, achégase outro camareiro. Ola guapas! Pero acercádevos que non mordo. Dádeme un bico, anda. Marchan sorrindo incómodas, esquivándoo cando se achega demasiado. 

 

Logo dirán que ían as tres soas e de noite, se lles pasa algo a culpa foi súa. Como poden ir tres persoas soas se van xuntas?

 

Son as doce e media. Entran todos xuntos nunha discoteca. Tres salas, un escenario no que ela podería subir. As súas amigas tamén. El non. O seu corpo non é un produto más dos ofertados esa noite como si o é o delas. Os gardas de seguridade suben ás mozas e impiden o paso aos rapaces que tentan seguilas. Arriba, os DJ’s bailan coas rapazas mentres centos de persoas os observan.

 

Seguinte local, son case as tres. Un garda de seguridade en cada esquina. No medio da sala dúas gaiolas onde bailan dúas mulleres practicamente núas. A pel espida e o sorriso baleiro delas contrasta co roupa escura, os brazos cruzados e a ollada agresiva deles. 

 

Xa son as tres e media. El e ela míranse. Xa se coñecen pero agora algo cambia. A música está alta e as palabras pérdense mentres eles se atopan. Bícanse no medio da xente mentres soa a última canción de moda. Ao día seguinte el será un heroe para os seus amigos. Ela non escapará das indirectas por ser “demasiado fácil” dos seus compañeiros e compañeiras. Como ías onte, eh.

 

El non. O seu corpo non é un produto más dos ofertados esa noite como si o é o delas

 

 

Son as seis menos cuarto. Pecha o local. Despídense. El volve andando. Ela colle un taxi. As súas amigas xa marcharon. Non quere volver soa, non quere que lle pase nada. O taxista fala moito e ela responde con monosílabos. Non quere ser maleducada pero está moi cansa.

 

Son as seis da mañá. Non che vou cobrar. Só dáme un bico. Está asustada pero non quere que se note. Insiste en pagar. Un bico. Tenta saír do coche pero as portas están pechadas e el cada vez se achega máis. O móbil sen batería. Os beizos que buscan a súa pel, os dentes que a morden, as mans que a atrapan. Deféndese como pode. Cando por fin consegue saír trémenlle as pernas pero non hai tempo para iso. Perséguea ata casa. Non hai ninguén na rúa. Bérralle que se vaia, que as súas amigas a están esperando, que está chamando a policía. Mentiras que espera que grazas a deus el crea.

 

Consegue entrar en casa e pechar a porta. Métese entre as sabas sen quitar a roupa. Só quere esquecer todo o que acaba de pasar. Sabe que hoxe non vai poder durmir. 

 

Son as seis da mañá. Non che vou cobrar. Só dáme un bico. Está asustada pero non quere que se note. Insiste en pagar. Un bico.

 

El xa fai tempo que chegou a casa. Pon a alarma para o día seguinte e métese na cama. Foi unha boa noite. En cinco minutos estará durmido. 

 

Oxalá poder dicir que todo isto só é ficción, só unha historia de terror que retrata unha sociedade enferma pero ficticia. Mais non o é. Son situacións reais vividas en pleno século XXI. O corpo das mulleres segue a ser visto por moitos como unha mercadoría, unha posesión máis. Un mero obxecto de desexo para o xénero masculino. Non se nos xulga en igualdade de condicións e o sexo é un tema tabú en canto deixamos de estar sometidas ao que eles queren que sexamos. A liberdade é só nosa ata o punto que eles deciden.

 

A liberdade é só nosa ata o punto que eles deciden

 

E mentres tanto aínda hai voces que aseguran que a igualdade de xéneros é xa unha realidade. Oxalá fose así. Oxalá saír sen medo a ser acosada, atacada ou agredida de calquera xeito. Sen medo a ser xulgada polo mesmo que fan os nosos amigos. Sen medo a sermos libres.



x