Na política a estratexia ten un papel moi importante. A forma de empregala, e a intención ou obxectivo final para o que se emprega é vital e o acontecido en Catalunya desvestiu as diferentes estratexias existentes.

 

Así, o Partido Popular recorreu ao artigo 155 para garantir a unidade de España, mais, acostumado como está a facer o que lle peta sen ter en conta a ninguén, fíxoo dun xeito certamente irregular. Anticiparon algunhas medidas á propia aprobación como tal nas Cortes, empregaron todos os mecanismos do estado para loitar por todos os medios contra a realidade: hai un pobo que quere decidir pacífica e moi maioritariamente. Na súa estratexia nin tan sequera contemplan a posibilidade dun non na consulta, o que dá boa conta do perdedora que é a súa táctica.

 

Ciudadanos pouco a pouco vai deixando saír a súa faciana de verdade, esa que que se nutre do peor neofascismo, visceral, sen atender a razóns de ningún tipo. Para eles, Franco abriu o camiño dalgo que polo que se ve, estarían interesados en continuar. Unha, grande e libre de quen pense o contrario ca eles, porque entón non son demócratas, así, defenden unha sucesión constante de eleccións ata que o resultado sexa que gañan eles.

 

Ciudadanos pouco a pouco vai deixando saír a súa faciana de verdade, esa que que se nutre do peor neofascismo

 

A memoria sempre é importante, por iso cómpre lembrar o acontecido no seu día no Parlament, onde abandonaron o pleno para non posicionarse en contra do réxime fascista de Franco... Do Partido Popular xa sabemos de onde vén, e Mariano Rajoy segue a dar mostras da súa orixe cando emprega o nome fascista da súa rúa que xa foi borrado hai anos. Hai quen pensa que toda época pasada foi mellor...

 

Do PSOE nin paga a pena falar, cada día a súa deriva ideolóxica é maior. É o paradoxo de como o sistema inocula as ideas dominantes para que se reproduzan por si mesmas, socialista?, obreiro?, republicano?, federal?... Se cadra xa non lle queda nada do que nalgún momento foi.

 

Mariano Rajoy segue a dar mostras da súa orixe cando emprega o nome fascista da súa rúa que xa foi borrado hai anos

 

Fronte a este despropósito, Podemos segue a sumar uns tras doutro, novos erros de estratexia. O academicismo imperante nas súas estruturas internas sesga dun xeito enorme a súa capacidade política. Sentir que un está por riba dos demais ética, moral e intelectualmente é un erro que vén do eurocentrismo co que, en xeral, concibimos en occidente o noso día a día. Querer ser o protagonista en todo momento, ten estas cousas. A cuestión radica na incapacidade para facer autocrítica interna de calado, tendo en conta todas as voces, e non só as dun pequeno grupo iluminado. A igualdade dende a diferenza consiste niso, en respectar a diversidade dende unha posición de igual a igual. O sesgo colonial non llo permite e ata que non teña autoconsciencia del, nada mudará.

 

A cuestión en Podemos radica na incapacidade para facer autocrítica interna de calado, tendo en conta todas as voces, e non só as dun pequeno grupo iluminado

 

Mais se hai unha estratexia con respecto ao acontecido en Catalunya que chame a atención, esa é a do independentismo. Coa proclamación simbólica da república catalá, coa aplicación do artigo 155, coa desfeita das forzas de Piolín o pasado 1 de outubro... Cada vez que acontecía algo novo en Catalunya, o independentismo amosaba a súa grande capacidade estratéxica, anticipando cada posible movemento e tendo previstas diferentes vías de actuación. O nivel de complexidade dunha actuación coma esa implicaba unha grande compenetración entre as distintas organizacións, dende os partidos do Govern, pasando polas CUP e as organizacións da sociedade civil impulsoras do referendo.

 

A aceptación das eleccións do vindeiro 21 de decembro paréceme un feito intelixente, de feito, eu era partidario de que o propio Govern fose quen as convocara días antes. Un último xiro maxistral nunha táctica perfecta coa mirada posta no futuro. Agora ben, unha vez aceptadas as eleccións, coido que o independentismo non está a ver a situación dun xeito óptimo. A oportunidade para rachar co marco do 78 xerando a apertura dunha serie de procesos constituíntes vai quedar en nada ao non continuar cunha táctica conxunta. Se algo deixou ben atado o franquismo canda os seus sucesores no poder foi o marco constitucional e electoral co que garantir, por todos os medios, que a maioría españolista non teña rival. A situación resultante do 21D vai ser un Parlament moi semellante ao anterior, mais no que o neofascismo terá un peso maior  e o independentismo sufrirá para manter uns resultados parellos aos actuais.

 

Unha vez aceptadas as eleccións, coido que o independentismo non está a ver a situación dun xeito óptimo

 

Na miña opinión, a situación pedía e merecía unha candidatura unitaria do independentismo que exercera de cuña contra as escrituras en pedra do 78. A apertura por fin de verdadeiros procesos constituíntes, mais pode ser que a oportunidade quede no camiño... Ao final seguimos nunha partitocracia, e o primeiro é o primeiro, que non nos movan os marcos das leiras!