O taboleiro político no estado ten virado considerablemente nos últimos anos. Pouca xente pensaría que estariamos a día de hoxe con catro partidos de ámbito estatal cunha penetración como a que teñen, nunha sociedade amplamente tradicional ben acostumada ao turnismo, e que incluso se sentía cómoda con esa alternancia. As necesidades que se xeraban eran aparentemente solventadas ou minoradas na quenda seguinte e así dun xeito sucesivo.

 

A irrupción de dúas forzas, máis antagónicas entre si que as xa existentes, auguraba un reposicionamento dese taboleiro. Por un lado, unha esquerda decidida a resignificar o propio concepto de esquerda, logo de anos de desfeita continua. Polo outro, unha dereita máis ultra da que no seu día deu na creación do Partido Popular da man dos líderes franquistas. 

 

Ao final, o (pouco) tempo acabou por resituar a estas novas forzas, e resulta ser que teñen máis en común do desexado. O oportunismo e a equidistancia ante aquelas situacións ou decisións de máis calado vén ensinar como todo vale nestas forzas para acadar un feixe de votos máis. Ao final, todo se reduce novamente aos números. Así nun lado, antes de retratarse tendo que condenar ou loubar o franquismo, Ciudadanos prefería non asistir ao pleno do Parlament onde isto se debatía. E así tamén, no lado de Podemos, vemos como as posicións, as declaracións e mesmo as decisións poden ir alternándose segundo como mellor se poidan rendibilizar nun intre concreto. Ao final, agóchanse ambas as dúas formacións á procura dun mellor resultado electoral.

 

O que está a acontecer en Catalunya é significativo. Igual que o PSOE no seu día amosou a súa verdadeira faciana coa defensa da entrada na OTAN logo de oporse sistematicamente a ela, Podemos acaba de amosar de xeito definitivo a súa. Falar de plurinacionalidade non basta. As palabras lévaas o vento. Igual que dixen no seu día que de querer un referendo pactado houbo moito tempo antes de ter chegado ata aquí para propoñelo e negocialo no Congreso, digo agora que a reacción ante a aplicación do artigo 155 non é nin de lonxe a dunha organización que se poida recoñecer como plurinacional.

 

Igual que o PSOE no seu día amosou a súa verdadeira faciana coa defensa da entrada na OTAN logo de oporse sistematicamente a ela, Podemos acaba de amosar de xeito definitivo a súa

 

Non o é no momento en que a plurinacionalidade non existe internamente. Non vale pedir referendos pactados, non recoñecendo os que se fan cos medios posibles por imposibilidade de negociación co goberno do estado dun referendo “oficial”. Non vale no momento en que se impide sistematicamente -xa ten acontecido nas tres nacións- o exercicio libre desa plurinacionalidade; a capacidade soberana de cada territorio de decidir pola súa propia conta a estratexia política a seguir.

 

Unha das últimas oportunidades -ou a última- para que existise unha organización política de ámbito estatal que, de verdade, respectara a capacidade autónoma de decisión de cada un dos territorios para trazar o seu camiño a seguir, vén de esfumarse definitivamente. O acontecido estes días con Albano-Dante Fachín, foi sen dúbida a gota que colmou o vaso do acontecido no pasado con Roberto Uriarte en Euskal Herria ou comigo mesmo aquí en Galiza.

 

Podemos trouxo dúas cuestións de relevancia comunicativa á esfera política, mais acabou sendo preso delas. Por un lado, o emprego das redes sociais dun xeito amplo, consciente e cuns obxectivos claros, sendo o seu xoguete predilecto. Polo outro, o emprego dunha linguaxe renovada con mensaxes sinxelas: doadas de entender, de reter e transmitir; cunha insistencia tal que pouco tempo abondou para que a meirande parte da xente perciba que falen do que falen, sempre din o mesmo, coma o raparigo que aínda non sabe máis ca dúas ou tres frases. 

 

O acontecido estes días con Albano-Dante Fachín, foi sen dúbida a gota que colmou o vaso do acontecido no pasado con Roberto Uriarte en Euskal Herria ou comigo mesmo aquí en Galiza

 

Ao final o taboleiro dese xogo político acabou rachando pola plurinacionalidade. Só os territorios, só as nacións e as persoas que as compoñen saben o que cómpre facer dende a súa particularidade propia. Plurinacionalidade non significa ter correas de transmisión. Plurinacionalidade significa capacidade de decisión, soberanía e democracia fronte a imposicións.

 

Quen dimos pasos dende o nacionalismo e o galeguismo para procurar que houbese unha posibilidade de recoñecer a plurinacionalidade e asumila dende unha organización de ámbito estatal, hoxe estamos un chisco, posiblemente o que quedaba, máis convencidos que desta vez non será, e pode que finalmente nunca sexa.



x