Enorme punto do Dépor no estadio da Cerámica. Un punto que vale unha permanencia no mesmo lugar en que os deportivistas obtiveron a boa nova a temporada pasada. Salvarse era o realmente importante e a xornada estábase poñendo moi complicada coa vitoria do Sporting, que daba a sorpresa en Ipurúa. O Dépor non podía caer, tiña que defenderse como fose. Puido elixir o camiño de buscar a vitoria, pero nin o intentou. Cando chegou o empate do Leganés, a nova deu un chute extra para amarrar a pírrica estratexia do empate. Resistir como fose. A igualada do equipo madrileño daba a permanencia aos dous equipos sen necesidade de esperar a derradeira xornada desta Liga, e instalouse o conformismo con tremendo risco porque o Villarreal si precisaba gañar o seu partido para consolidar a clasificación europea, e que terá que resolver na derradeira xornada.

Agora ben, coa confirmación da nova de que o Dépor xa é equipo de Primeira outro ano máis, salvándose case ó final do ano do descenso, cabe facer outro tipo de análise. 

Cando chegou o empate do Leganés, a nova deu un chute extra para amarrar a pírrica estratexia do empate

Respecto ao partido. Resistencia numantina do Dépor. Saíu a empatar. Retrasou as súas posicións. Estivo nulo en ataque. Só tirou unha vez a porta en todo o partido. Non tivo nunca intención de gañar. O único plan foi conservar, conservar e conservar o punto. Manter a porta a cero. E punto. O planeamento saíu ben porque o resultado final foi o soñado, cero a cero. Unha estratexia medosa e que só valía en caso de derrota ou empate do Sporting, e dun risco incomprensible sabendo que o cadro amarelo precisaba unha vitoria. 

Cantas oportunidades tivo o Vilarreal? Se non fose polo acerto de Lux ou os tremendos desacertos de Bakambu, sobre todo, e Castillejo no último minuto, cantos goles lle puideron caer? Foi realmente segura a defensa, aínda que o marcador reflictise cero goles no taboleiro de marcas do Dépor? 

Co gol do Leganés en Bilbao, ao Dépor cáeulle unha carambola extraordinaria. Co partido que estaba a facer, e en vista que o Sporting non ía ceder en Eibar, o equipo herculino tiña que aferrarse a ese puntiño que estaba a colleitar en Castellón. Fose como fose e co risco de que os bilbaínos podían gañar o seu partido, os de Mel seguiron loitando coas mesmas armas. Pecharse atrás e esperar o Vilarreal, sen probar nada máis. A sorte sorriu finalmente aos deportivistas, porque o equipo castellonenco tivo un mal día na oficina, como diría Toshack, errando até a porta baleira. Nunca os deportivistas conseguiran tanto premio con tan pouco e, posiblemente, con menos merecemento. 

A temporada, a segunda volta do Dépor en particular, é un desastre, espantosa. Obtivo menos puntos na primeira volta do que Garitano en toda a primeira parte da Liga

A temporada, a segunda volta do Dépor en particular, é un desastre, espantosa. Obtivo menos puntos na segunda volta do que Garitano en toda a primeira parte da Liga. Máis goles encaixados (catro, por agora) e menos goles a favor (nove, polo momento). O Dépor tamén sumou unha vitoria máis con Garitano na primeira volta, a falta de coñecer o resultado da última xornada coas Palmas. Falta unha xornada para facer o balance final completo. En todo caso, xa se ve que nun partido só non se vai amañar un desastre de temporada. O único importante foi acadar a permanencia, que o equipo segue a ser de Primeira, e que terá unha nova oportunidade para tratar de deseñar un proxecto máis sólido e de futuro a partir deste verán. 

Do partido, o mellor foi Lux. Pero tamén puido ser o peor. Gañouse a expulsión por un empurrón a Soldado. Unha acción incalificable, só propio dos nervos do futbolista. Nun partido da importancia do de Vilarreal, un profesional ten que ter un mellor control da situación e estar en estado máximo de alerta. Probablemente, a situación persoal está a superar o arxentino. Gil Manzano mirou para outro lado. Un día de sorte para Poroto. Só viu cartón amarelo, que o penaliza por sanción para a última xornada. Non xogará en Riazor o que ía ser, parece, o último partido do futbolista como deportivista na casa. Situación incomprensible, por outra banda, porque se hai alguén que mantivo o nivel profesional esixible durante a temporada ese foi Lux. Aínda que Lux está en situación de continuar no Deportivo, por merecemento propio, todo apunta a que a dirección deportiva non conta con el. Un erro incomprensible. Lux fixo paradas de mérito outra vez. Paradas que son as que permitirán que o equipo coruñés regrese á cidade herculina sen goles en contra, o segundo desta segunda volta. Lux é un dos artífices de que este Dépor se gañase a permanencia. Fixo paradas de enorme mérito e que sumaron puntos para o equipo.  

Aínda que Lux está en situación de continuar no Deportivo, por merecemento propio, todo apunta a que a dirección deportiva non conta con el

O Dépor conseguiu o que precisaba. Unha salvación pírrica, case no límite, esperando o erro e as axudas dos rivais. Unha salvación ao fin e ao cabo, que é o que lle conta mentres non se poida desfacer da pesada lousa da débeda e da que terá que seguir respondendo durante os vindeiros anos. O Dépor segue sendo de Primeira outro ano máis. Xa veremos con que proxecto. Pero antes hai que rematar a temporada na casa coas Palmas.

E segue a ser de Primeira o mesmo día en que o Dépor errou un penalti, 23 anos antes, e que lle privou dun título de Liga. Daquela a Coruña saira de festa, aínda que lle corrían as bágoas polo desgusto dunha acción maldita a piques de rematar o partido. Con todo, o Dépor hai 23 anos era subcampión de Liga. Desta vez non había nada que celebrar na rúa. Os ánimos da afección están máis para esquecer que para saír de festa. Aínda que en realidade a permanencia é un maná e unha táboa de salvación que debía ser celebrada. Non se debe esquecer que este equipo segue a deber unha fortuna e que o que espera a corto prazo é seguir sufrindo.