Unha tras outra. O Dépor colecciona derrotas. Outra vez máis sen merecelo. Ter esa sensación de que serve? A efectos prácticos de nada. Só acumula pesimismo e decepción. Pero a realidade é que os branco e azuis non deran tantas sensacións negativas como resultados. 

O partido de Copa era bon para buscar un cambio de tendencia. Unha nova competición da que se partía de cero. A cita era un encontro novo co que poder ilusionarse. A oportunidade de probar novos xogadores, estudar novos plans. Ao final, o resumo é que o Dépor ten moi pouca eficacia. Malia todo, non mereceu perder. Foi o único equipo que tentou xogar a algo. O único que puxo o porteiro rival en perigo en varias ocasións. O Betis atopou un premio excesivo para o que fixo. Unha xogada, un gol.

Mesmo se notou que con Álex había un capitán sobre o terreo de xogo

Estrañou ver a Álex Bergantiños. Inédito toda a temporada. Pero máis estraño foi ver o uso táctico do canteirán, por diante de Mosquera. O bravo coruñés fixo un bo partido individual. Aportou todo o que puido en tarefas ofensivas e defensivas. Mesmo se notou que con Álex había un capitán sobre o terreo de xogo. Do resto de futbolistas, os máis sobranceiros foron Luisinho e Juanfran. Os dous moi activos. O portugués. máis sacrificado e acertado en defensa. No gol bético Juanfran deixou escapar a súa marca e permitiu centrar un balón letal. Letal porque os centrais estaban en Babia. Inexplicable. 

A boa noticia do encontro foi ver a Joselu. Vinte minutos. Suficiente para darse de conta de que o futbolista galego pode cambiar un partido. Será cousa de tempo comprobalo.

Sen Lucas Pérez o Dépor está sen compás. Nótase a súa ausencia excesivamente. Ou moito mudan as cousas, ou será mellor que pase pronto o mes de decembro para saber se a secretaría técnica fixo ben os deberes e atopou algunha oportunidade que troque derrotas por vitorias. Sen gol o fracaso da temporada está á vista. Algo terán que facer na Praza de Pontevedra. Deixarse morrer non é unha opción.