Nin serven escusas. Nin vale dicir que este partido non era da Liga do Dépor. Si que o é. Os dous equipos xogan na mesma Liga. Tampouco vale dicir a estas alturas que o Dépor é un equipo inocente. Xa o sabiamos desde hai moitas semanas. Está máis que demostrado. E para iso hai que buscar solucións. Do contrario parecen panos quentes. Escusas. Impotencia. Un equipo e o seu primeiro cabeza visible non se pode render á evidencia, cando falta tanto tempo para que acabe a Liga.  

O Dépor non é que sexa inocente. É brando, moi brando. Inconsistente. Un equipo incapaz de resolver nada. Non se pode rematar un encontro en Primeira División sen tirar unha soa vez á portería. Iso non é ser inocente. É moito máis grave e moito peor. O cadro galego ten que saber sacar armas para evitar unha imaxe deste tipo. Cero tiros a porta é asinar unha tarxeta estatística inxustificable, impresentable. Un equipo profesional non pode acabar así, aínda que xogue ó cero a cero, táctica escasa pero plausible en determinados casos. Pero o fútbol é un xogo no que se busca o gol na portería contraria. É un toma e daca. É un despregue táctico.      

Andone fai tarefas sobre o campo que imposibilitan que cumpra co seu verdadeiro cometido como referente no ataque

Hai xogadores que de forma recorrente este ano están mal, a un nivel baixo, descoñecidos. Que xogador dos que competiron o ano pasado con Víctor Sánchez del Amo mellorou este ano con Garitano? Algún? Que levante a man o primeiro que atope un. Lux non está entre eses xogadores. Pedro Mosquera vai a menos, e non pode ser porque por aí pasa a columna vertebral do esquema branco e azul. Na defensa cada vez que falta Sidnei, por lesión, o Dépor baixa moitos enteiros. Andone fai tarefas sobre o campo que imposibilitan que cumpra co seu verdadeiro cometido como referente no ataque. Non se pode ser o neno no bautizo, o mozo na voda e o defunto no enterro. No debuxo de Garitano falla algo.  

O equipo de Garitano ten un gravísimo problema co gol. Non sabe como fabricar gol. Non atopa un sistema minimamente eficaz para ameazar, e xa non digamos converter, ó porteiro rival. Esta dinámica é perigosa, preocupante, imposible de soster. 

Sería fácil tirarse ós brazos do colexiado para xustificarse. Si foi fora de xogo o segundo gol, e que? Si, puido ser expulsado Luis Suárez se se aplica o mesmo raseiro que a Laure, e que? Cambiaría iso o resultado?

Os equipos que están en descenso neste momento marcan máis goles que o Deportivo. En oito partidos, os de Garitano só anotaron 5 goles

Os goles marcounos Rafinha, dous, a súa mellor estatística persoal anotadora nun só encontro. O fillo do mítico xogador celeste, Mazinho, fíxolle un traxe a Fernando Navarro. O andaluz quedou retratado en tarefas defensivas en dúas ocasions. Perdendo 4-0 no Camp Nou non se pode entrar nas provocacións e tomar a xustiza pola propia conta. O Dépor xa non é un grande. Non se mide de igual a igual ó Barça, e un cobadazo a unha estrela págase. Págase coa expulsión. Unha acción inxustificable. Con ese resultado era mellor ter pensado xa na seguinte cita, o derbi galego en Vigo. Si xa sei iso das revolucións a mil sobre o terreno de xogo, pero, contra iso hai que lembrar sempre este principio: isto é fútbol profesional onde os xogadores cobran un pastón para enfriar a mente e pensar no seu club, non en quen cacarexa máis sobre o campo. Sobran os galos de pelexa e falta moito fútbol. É máis grave aínda se pensamos tamén na criticable acción que lle valeu a expulsión ó marroquí antes de chegar ó descanso en Madrid co Atlético.

Os equipos que están en descenso neste momento marcan máis goles que o Deportivo. En oito partidos, os de Garitano só anotaron 5 goles. O dianteiro de referencia, Andone, en oito partidos non conseguiu marcar un só gol. 

O Dépor non pode seguir así. Moito que cambiar. Moito no que traballar. Moito no que pensar.