Dépor: punto e seguido ó desastre

Carlos Alberto Sánchez - Xornalista


Seguen as dúbidas sobre o equipo. Mudou o adestrador, si, pero non mudou nada no equipo. Certo é que en corenta e oito horas non se pode esixir nada ou case nada a Cristóbal Parralo. Tan só unha explicación polo dilema da portería. Prescindiu de Francis e recuperou Tytoń para a titularidade. Se quedaba algunha dúbida coa Copa agora está absolutamente despexada. O polaco é mellor que faga as maletas xa. Non chapa un balón nin por casualidade. Non é que sexa malo. É o seguinte. Un horror. É un desastre que siga sendo un dos 25 xogadores do cadro de futbolistas do equipo coruñés. Esa é unha responsabilidade directa da secretaria técnica, que tiña que ter información máis que suficiente sobre este porteiro e con ela buscarlle destino durante o verán. Non o fixo e agora o Dépor ten un gravísimo problema. Maldita a hora en que deixaron marchar a Lux! Con todas as contras que lle puidesen atopar e poñer ó arxentino para xustificar a non renovación, son máis os pros que aparecen na comparación co resto de porteiros que quedaron. A situación da portería do Deportivo convertiuse nun absurdo. Nalgo nunca visto. E pode ser a espada de Damocles da temporada se a tendencia dos porteiros segue na mesma senda. En 10 partidos oficiais, estes son os números: Tytoń (2 partidos, 8 goles); Pantilimon (4 partidos, 7 goles); Rubén (2 partidos, 5 goles); Francis (2 partidos, 2 goles).

 

O polaco é mellor que faga as maletas xa. Non chapa un balón nin por casualidade. Non é que sexa malo. É o seguinte. Un horror

 

Con esa tolemia de goles en contra, a seguinte pregunta é. E en todo isto, canto ten de culpa a defensa? Se a responsabilidade dos gardametas é moi alta, a da defensa non se queda moito máis lonxe da dos porteiros. Nunha das primeiras columnas de opinión desta temporada, concretamente contra o Levante, chamei a atención sobre a sangría que estaba a sufrir o Dépor. O equipo era, e segue a ser, un auténtico coador. É inaceptable que a sangría non fose tapoada aínda. A crise na portería e na zaga do cadro branco e azul é un caos, un pesadelo, e un gravísimo problema.

 

A Parralo non lle vai quedar máis remedio que poboar a defensa ou facer un muro máis forte no centro do campo. E a partir de aí construir unha idea, ou o que os adestradores chaman unha proposta.

 

A Parralo non lle vai quedar máis remedio que poboar a defensa ou facer un muro máis forte no centro do campo

 

O problema do Dépor, do que xa dixemos unha e outra vez que é recorrente e que repite como o allo, só pode solventarse cun porteiro máis eficaz, un novo central e un home no centro do campo contundente, con peso, que ordene o xogo e que teña mando. Agora mesmo, o estilo está por definir totalmente. Non existe.

 

O bo da máis que previsible eliminación da Copa é que Parralo poderá centrarse só na Liga. A este equipo, tal e como está agora, vénlle moi grande afrontar calquera outro proxecto que non sexa a loita pola permanencia, e lograr estar por encima do antepenúltimo da competición regular.   

 

O problema do Dépor, do que xa dixemos unha e outra vez que é recorrente e que repite como o allo, só pode solventarse cun porteiro máis eficaz, un novo central e un home no centro do campo contundente

 

Aclarado xa este punto, sobre o 1-4 hai que facer dúas lecturas. Antes e despois da expulsión de Juanfran. Se ben, o equipo xa perdía 0-2 cando o lateral dereito foi expulsado, Mateu Lahoz aplicou con exceso o regulamento. A acta xa indica que o árbitro cometeu un erro enorme ó redactala, observacións que con seguridade non repite ante o Barça ou o Madrid. Deixar con 10 ó equipo por un castigo fóra de lugar, e que non se produciu realmente, afrontando 70 minutos de partido mol complicados. Foi unha forma de cargarse unha eliminatoria que vai durar 180 minutos. A protesta, segundo o peso do escudo ou o apelido da nobreza da elite futboliística, non se mide do mesmo xeito. Mateu púxose exquisito, no sentido máis luso da expresión, con Juanfran. O lateral botouse a chorar xa en frío ante os xornalistas na sala de prensa destacando a inxustiza, con razón, da torpeza arbitral.

 

A expulsión mudou os plans de Parralo. Tivo que tirar a Valverde á banda dereita, a tapar o burato que deixou a expulsión de Juanfran. Fede Valverde estaba colocado no seu sitio, pero a expulsión devolveuno ás andadas. Xogando con dez, tocados anímica e físicamente, o partido púxose patas arriba. 

 

A expulsión mudou os plans de Parralo. Tivo que tirar a Valverde á banda dereita, a tapar o burato que deixou a expulsión de Juanfran

 

En todos os encontros, o Dépor sempre atopa dez ou vinte minutos de bo xogo, pero nunca ou case nunca resulta rendible. Ante As Palmas volveu pasar. Incluso logrou poñerse 1-2. E cando estaba próximo ó empate, un erro en defensa coa colaboración estelar do porteiro sucede ó caos total.

 

O 1-4 da Copa é un aviso. Parralo ten que escoitar agora os chíos que indican a orixe dos problemas e, como se fose un bo mecánico de coches, terá que saber onde ou cómo poñer as pezas no seu sitio para que deixen de renxer os problemas. Coa orde e o talento de Arsenio Iglesias desaparecería o run-run. No banco técnico, con Manjarín algo daquela lección aínda debe quedar. O caso é ter as pezas para ser bo mecánico. Tenas o Deportivo?



x