O Dépor repite como o allo… “parole, parole”

Carlos Alberto Sánchez - Xornalista


Na derrota do Deportivo ante a Real Sociedad hai motivos culpables. Demasiados. Nas xogadas dos dous primeiros goles da Real Sociedad, Martínez Munuera, por non observar dous fóras de xogo. O primeiro tanto máis difícil de ver ca no segundo caso. O de Illarramendi é moito máis grave, porque o colexiado non se lembrou de aplicar a nova norma que rexe para esta Liga. Cun xogador en posición de influencia no campo de visión do porteiro e que está fóra de xogo, hai que pitar o libre indirecto. Xa que logo, a pericia arbitral quedou en entredito. Igual o trío arbitral estivo na Pobra de San Xiao na mesma voda ca un servidor a noite anterior, pero na folla dos convidados de Marcos e Raquel non os vin. O que si pareceron compartir foi a mañá de resaca e entrar entraron ao partido durmindo. 

 

En todo caso, erros arbitrais á marxe, son peores os erros individuais dos deportivistas, Luisinho e Bruno Gama, que igual tamén padecían resaca, porque só se xustifican se espertas para o resto do día a medio compás. O primeiro erro, o de Luisinho, por non poñerse diante do coiro e impedir o saque da falta para dar tempo ao seu equipo para poder coller a posición defensiva. Na segunda xogada, por desviar o coiro mansamente cara ao centro deixando toda a vantaxe ó rival, unha acción que se debe de aprender en primeiro de infantil, no canto de enviar o balón desviado á banda ou lonxe de calquera acción de perigo. Ambas xogadas, no minuto dous e catro. Dous erros de concentración nada máis iniciarse o encontro. Podería dicirse que a culpa é de xogadores, pero se analizamos algo máis alá na traxectoria de Pepe Mel como adestrador deportivista xa se ve que estes erros de concentración non son novos. De feito, a temporada pasada eses despistes nos primeiros minutos de partido ou na segunda metade xa foron obxecto de análise nesta columna de Sermos. O equipo non ten traballado a intensidade, a concentración, a mentalización, a actitude e a importancia deses primeiros minutos de xogo. 

 

Se analizamos algo máis alá na traxectoria de Pepe Mel como adestrador deportivista xa se ve que estes erros de concentración non son novos

 

Cos dous goles en contra no minuto catro, o Dépor tivo que xogar nunha situación de desvantaxe total e tivo que tratar de remontar unha situación que semellaba imposible. Cheirou a goleada. Os asubíos distribuídos pola bancada identificaron outra vez a sensación de que o equipo transmite malas vibracións e que está moi lonxe do que se planifica desde a mesa da secretaría técnica do club e o que se aplica logo no traballo de preparación do equipo desde a caseta do adestrador. Que conexión hai entre ambos? 

 

Foron caendo os minutos e a Real co resultado favorable relaxouse, o que lle deu un respiro ó equipo local. O Dépor adiantou a liña de presión e atopou pola banda de Adrián un descosido fabuloso. Un paraíso para alguen con talento como o que apunta a ser o mellor xogador do Dépor esta temporada se mantén o nivel do partido ante a Real. O asturiano foi o mellor dos branco e azuis. Fixo de todo. Marcou un gol marabilloso, caneou a defensa da Real, mesmo vacilou fabricando un túnel baixo as pernas dos centrocampistas donostiarras, e deu a asistencia do segundo tanto. O desequilibrio de Adrián apunta moi boas sensacións futuras, se o Dépor non se perde no intento de construír con sentidiño o seu xogo. Pero para chegar a iso hai que ter un plan. Despois de todo o verán traballando cos mesmos homes, u-lo plan? Que traballou? Onde está ese equipo que el prometeu que ía construír cando tivese unha semana enteira para traballar? Hai unha canción italiana que podería acompañar a lectura desta columna de opinión: Parole, parole escrita por Leo Chiosso e Giancarlo del Re, que interpetaron aló polo 72 Mina e Alberto Lupo.

 

O desequilibrio de Adrián apunta moi boas sensacións futuras, se o Dépor non se perde no intento de construír con sentidiño o seu xogo

 

Do Dépor preocupan moitas cousas. O centro do campo segue sen estar cómodo. Pedro Mosquera e Guilherme non empastan porque se pisan no seu traballo. Tampouco reciben axudas e teñen que tapar todo tipo de buratos. En defensa, Sidnei vive noutro mundo, polo que Schär ten que andar cun ollo para el e outro para o brasileiro, que ás veces parece estar excesivamente relaxado “fumándose un puro” mentres o suízo fai de bombeiro. Sidnei pide banco. Non está ó nivel que se espera del e alguén terá que saber por que é así para cambiar. Un defensa de calidade como Sidnei non se pode estragar así da norte para a mañá. Sidnei comeza a temporada tan mal como rematou a pasada, o cal resulta moi preocupante porque o técnico tiña que saber xestionar ese comportamento. O brasileiro quedo retratado no terceiro e no cuarto gol.

 

Pero para retrato, o de Tyton. O porteiro non cheira unha. Con razón Mel tiña preocupación sobre o primeira liña do equipo. Pero sabendo iso, xorde a pregunta, por que deixou marchar a Lux? En todo caso, esta pretemporada, que traballaron con Tyton? Escasos reflexos, estiradas de escaso alcance, nula anticipación e pouca vista. As cualidades de Tyton están este momento moi lonxe dun gardameta de primeiro nivel.

 

Pero para retrato, o de Tyton. O porteiro non cheira unha. Con razón Mel tiña preocupación sobre o primeira liña do equipo

 

 

Pero ademais, os xogadores, só os xogadores, non teñen todo o peso deste último naufraxio. Mel fixo uns trocos desastrosos. Descolocou o equipo por completo cos seus retoques, algo sorprendente porque esa era unha das boas cualidades do técnico, ver onde os demáis non van e axustar onde era necesario. As decisións de Mel complicaron e comprometeron a rendibilidade dos futbolistas, como Fede Valverde, que non pintaba nada pola banda dereita, ou Andone que xunto a Lucas mantiñan a raia á defensa realista, unha zaga que non tivo unha mañá moi acertada precisamente. E a Real Sociedade remontou co Dépor máis fresco sobre o terreo de xogo. Inexplicable. E non foi un accidente. Fui unha temeridade irresponsable.

 

O enfado do público ao saír de Riazor foi máis que lexítimo. Porque o empate a dous, visto o visto, era realmente satisfactorio, tendo ademais en conta o nivel do rival, colíder da Liga. Mel púxose o disfraz de Garitano, que o ano pasado non atinaba cos trocos, e o que é peor non sabía pechar os partidos. E iso foi o que pasou. Mel non soubo pechar o partido, mais ben abriullo á Real. 

 

Mel púxose o disfraz de Garitano, que o ano pasado non atinaba cos trocos, e o que é peor non sabía pechar os partidos

 

Así pois, o máis preocupante e que o equipo segue cos mesmos problemas da temporada pasada. Non mudou case nada. Repítense as sensacións. O equipo non está traballado defensivamente. Fai augas. Ten excesivos despistes. Falta de concentración. Compórtase como un equipo partido sobre o campo. Hai un equipo para o ataque, pero non o hai para a defensa. Mel repítese e lembra a etapa de Oltra en Primera División. E xa sabemos cómo acabou o oltrismo e que resultados deu. 

 

Tempo hai para amañar as cousas con sentido e un calendario moi favorable para resolver o asolagamento e quen sabe se afundimento. Agora é cando se ten que ver se hai patrón e se sabe onde está a marea para chegar a porto cargado de peixe. A favor está, como sempre, a afección. Xente mariñeira de verdade.