Riazor convida Mel a marchar xa

Carlos Alberto Sánchez - Xornalista


Decepcionante. O Dépor resulta inverosímil. Un imposible. Un quebracabezas sen solución nas mans de Pepe Mel. Por moitas voltas que lle dea ás pezas, o resultado sempre é o mesmo. O técnico non sabe poñer máis dunha cara ó xeito. E cando compón unha desarranxa a outra. Ó final o que queda é un resultado para esquecer. A mesma desilusión. O mesmo descontento.

 

O Dépor con Mel está perdido. Non ten un esquema que lle dea credibilidade ó grupo que manexa. Os futbolistas baixo a súa tutela andan como aqueles coches con motor diésel ós que había que tirarlle do aire para que arrancasen. E cando prendían os seus primeiros metros eran lentos mentres collía forza. O equipo coruñés segue sen coller con ganas os partidos. Está desubicado, sen GPS, desconectado, buscando un sitio sen saber como nin por que. 

 

O Dépor con Mel está perdido. Non ten un esquema que lle dea credibilidade ó grupo que manexa

 

Só ten lucidez por momentos, insignificantes. Semella que sabe como xogar ó fútbol, pero só o semella. Nada do que fai o Dépor ten unha explicación lóxica. Comezando polas aliñacións, desde algún dos teóricos titulares, que nin son titulares, nin son teóricos. Pasan da confianza á pena de banquiño dunha xornada a outra. Como se Mel tratase de xestionar con pau e cenorias ós seu homes, ou desfollando margaridas. Un día ti, outro ti e no seguinte xa veremos.

 

Despois de oito xornadas, Mel non ten un plan claro. Nin ten as ideas resoltas. Dúbidas na portería, e iso que Francis non estivo tan mal, mais ben foi do mellor, case o único salvable. Sen bloque defensivo. Sen resultado solvente no centro do campo, e iso que é o único que repite o adestrador cada partido. Sen solución para as bandas e os extremos. Sen ordes para Çölak e sen referencia para a punta do ataque.  

 

Despois de oito xornadas, Mel non ten un plan claro. Nin ten as ideas resoltas

 

Cando se ve apurado, é dicir, co resultado en contra do marcador, busca unha reacción á desesperada. Como non hai un plan crible e non hai dirección nin fóra nin dentro do campo o que se ve son poutadas. Reaccións desordenadas que provocan o "ui, ui, ui" do público, pero sen rendibilidade. Por non ter non teñen xeito nin os trocos. Chegan tarde, nin son os máis idóneos. Nin arranxa problemas, nin aporta mellorías. Só hai algo de corazón.

 

A vitoria ante o Xetafe foi unha cortina de fume. Un resultado que só lle deu a continuidade a Mel para seguir dirixindo ó equipo uns días máis, pero o efecto Mel perdeu toda a capacidade e a agonía prolóngase. En Eibar o seu equipo xa devolvera á senda da decepción. Os rivais asequibles van pasando e pouco a pouco quedan menos choios dos que poder sacar proveito.

 

O Xirona celebrou a vitoria en Riazor como se xa salvase a temporada. Ó final do partido, o técnico, Pablo Machín,  recoñeceu que o seu equipo acababa de lograr un resultado «histórico».  

 

O certo é que o equipo catalán está por riba do Dépor na clasificación cun punto máis, dando un salto na táboa e poñendo distancia ó vértixe.  



x