O sistema de Mel é un equipo "gruyère"

Carlos Alberto Sánchez - Xornalista


Non se pode facer pior. En realidade, si, porque se pode perder. Pero a sensación que deixa o partido co Levante é como se fose tal. O Dépor gañaba 0-2, logo 1-2, e o rival quedou con dez. Pero o equipo de Mel acabou encaixando un empate, moi xusto para ambos equipos, porque o Levante foi moi superior ao equipo branco e azul. Pasoulle por riba coma un camión. E ben puido ser unha derrota se Rubén, o porteiro deportivista, non sacase o traxe de superman.

 

A análise do partido pasa necesariamente polo acerto case pleno nas xogadas elaboradas polo Deportivo. Un arreón ben combinado pola esquerda, cun servizo excepcional de Luisinho, finalmente rematado por Fede Cartabia, o único que amosou talento en Valencia. E un saque de esquina que aproveitou, desgarbado, Sidnei. Pero foi para dentro que é o que conta. Para o Dépor, o partido foi un puro agobio. Achicando balóns, sufrindo en defensa, repelendo os embates do equipo local. Pepe Mel fixo un equipo gruyère. A diferenza co partido de Riazor é que o Madrid non lle puxo ningunha intensidade. Sabía que lle bastaba esperar un erro. Nin se despeiteou para lograr o triunfo.

 

O Levante, en cambio, saíu desde o primeiro minuto a facerse dono do encontro. Puido co Dépor. Asoballouno, mesmo antes do minuto 4, cando Cartabia marcou o primeiro gol deportivista.  Os azuis e gra levantinos non gañaron en acerto, mais si en intención de levar o partido, en crear ocasións de perigo, en lección táctica e en amosar superioridade. O Levante está moi ben traballado. Foi ademais moi insistente, constante. Sabe o que quere. O Dépor aínda non. Non ten plan. É un bolboroto incomestible. Unha mixtión grumosa. Despois de dispor dunha pretemporada para prepararse, o equipo non se presenta totalmente conectado ante os seus afeccionados. Mel aínda ten que xuntar o cable azul co azul e o marrón co marrón para ver a luz. Parece que a toma de terra está a piques de conmutarse. Non é unha cuestión menor. 

 

Ás tres semanas de chegar Mel, sen unha semana completa para adestrar por mor dos partidos seguidos entre semana, o técnico asegurou que cunha semana completa de traballo se poderían ver os seus conceptos e os avances que tería o seu equipo. Reclamaba unha semana de pouso en Abegondo e así tería tempo para ensaiar o seu manual de conceptos tácticos. Logo de presentar as súas fórmulas os seus discípulos, todos veríamos outra cousa. Pero o certo é que cando tivo esa semana completa, Mel escangallou os poucos axustes que fixera ben ó chegar. Entre eles, contar con xente da casa, como Álex Bergantiños. Coa temporada cumprida e o obxectivo acadado comezou unha nova xeira, a de Mel, con toda a pretemporada por diante. Cantas sesións de traballo en Abegondo? Cantas en Vilalba? Case todos os xogadores que están agora e dos que dispuxo Mel para o Ciudad de Valencia, están desde o 7 de xullo en Abegondo. A falta de xogadores non serve como escusa. Ademais dispón de moitos futbolistas cos que xa contou o ano pasado, agás, por exemplo de Álex Bergantiños, ao que deixou marchar, ou Lux. Se quixese de verdade que non se fosen, con só pedilo, de verdade, non se irían. Segundo as peticións actuais do técnico, polo menos en público, só falta un porteiro e un dianteiro. Curiosamente, o que fai augas no Dépor, por agora, é o centro do campo e a defensa. Tamén, non ter un plan b para pechar o partido, cousa rechamante, porque se algo mellorou co cambio de Garitano a Mel, foi na lectura dos partidos e a búsqueda de solucións tácticas realizando trocos axeitados. En Levante esta visión foi tremendamente borrosa.

 

Segundo as peticións actuais do técnico, polo menos en público, só falta un porteiro e un dianteiro. Curiosamente, o que fai augas no Dépor, por agora, é o centro do campo e a defensa

 

O Levante entrou como e cando lle apeteceu polas defensas herculinas, que non «herculanas» como se escoitou dicir na retransmisión televisiva. Aínda que en Valencia, ben mellor lle iría ser hercúleo, polo menos no centro do campo e polas bandas. O equipo local foi un vendaval. Sobre todo polo costado de Juanfran. Está claro que necesita axuda dos homes que están por diante, porque resultou ser unha coadeira. O sacrificio ten que chegar tamén dos compañeiros. Repetiuse de novo o fluxo de entrada do rival por aí, como no primeiro partido de Liga. Non foi a única banda. O Dépor perdía o balón ó terceiro pase. Non lle duraba o balón nos pés. Cando tiña que ser contemporizador, porque foi por diante no marcador case todo o partido, estivo nervoso, precipitado, atolondrado. O coiro semellaba saír dunha caldeira porque ningún xogador deportivista se ofreceu para agochalo e retelo e, como se queimara, perdiano. 

 

A maior posesión foi para o Levante, 53%. Disparou con intención 18 veces, só 5 delas baixo os paus de Rubén, e grazas que estaba Rubén, o mellor da tripulación mariñeira branca e azul. O Dépor só tirou 9 veces, catro entre os paus.

 

Sen motivos para caer en trampas, Cartabia estivo exaltado de máis cando xa tiña un cartón amarelo. Mel puido cambialo e deixar Andone xunto a Adrián para fixar os centrais, pero optou por mandar a caseta o romanés, mantendo o risco de ter Cartabia sobre o terreo de xogo con cartón e eléctrico. Logo indicou que o fixo por un plan conservador, ou sexa, non vaia ser que se me lesione e é o único dianteiro que teño. A Liga non volve até dentro de quince días e co mercado pechado, suponse que con Lucas Pérez xa na Coruña.

 

Quen si quedou con 10 foi o Levante, por expulsión de Morales. Probablemente, de forma inxusta, xa que non foi o máis zoupón dos levantinistas. En todo caso, tampouco foi esta unha oportunidade aproveitada por Mel. O equipo ía gañando daquela 1-2. Non armou o centro do campo para que o seu equipo, tacticamente, acougase. Permitiu que o seus homes xogasen ó tolo ó ataque sabendo que o Dépor tivo problemas todo o partido para frear o conxunto local, que montou máis e mellor que os deportivistas os contragolpes.

 

Coa colaboración especial do colexiado, Javier Alberola Rojas, un debutante en Primeira, chegou o pau definitivo. Penalti inexistente en contra e oportunidade para o Levante de recuperar un punto de tres que xa estaban de viaxe cara a Coruña. Rubén non puido atallar a pena máxima. Minutos antes encaixara un golazo de falta, e aínda que o porteiro de Coristanco puido facer algo máis, o coiro pasoulle por diante dos fuciños, foi único erro que cometeu en todo o partido. Con todo, o punto de Levante débese en gran parte ás notables accións de Rubén, o cal ten moito mérito tras o grave erro que tivo en Riazor no primeiro gol do Real Madrid. 

 

Coa colaboración especial do colexiado, Javier Alberola Rojas, un debutante en Primeira, chegou o pau definitivo

 

O penalti foi unha xogada decisiva. Porque non foi. O Levante xogou con 11 cando xa estaba con 10 sobre o terreno de xogo pola expulsión dun dos seus futbolistas máis activos. Hai unha semana, o Levante tamén contou coa maxistral axuda do colexiado, Álvarez Izquierdo, ben coñecido por non ser dos de maior clase da Liga precisamente. 

 

Xa que logo, sete días despois, a diferenza non estivo tanto nas áreas senón no traballo táctico previo do partido e na frescura que se espera no inicio de temporada desde o banco do técnico. A Mel escapáronselle dous dos tres puntos por malas decisións de adestrador. Sobran palabras. Faltan mellores accións.     



x