A sorte aliouse co Dépor para evitarlle o escándalo

Carlos Alberto Sánchez - Xornalista


O Dépor saíu ben parado de Barcelona. Puido ser terrible, porque o que pasou no partido foi moi distinto. O equipo de Parralo foi moi inferior, excesivamente inferior. Sobre todo desde que lle marcaron o gol. Os paus e Rubén salvaron o Dépor dun escandaloso bochorno. O que leva á reflexión de que a vitoria ante o Leganés puido ser un espellismo moi ben aproveitado polos herculinos.

 

O marcador no Camp Nou foi decoroso porque ademais dos catro goles houbo tres paus de Messi e algún máis á madeira entre os pelotazos que lle enviaron os azuis e gra a Rubén; un gol que entrou no portal coruñés e que non lle deron ó Barça, un penalti parado maxistralmente e outro non pitado.

 

Pero a todas as divinas casualidades, houbo outra acción que merece comentario. Unha penosa agresión de Luis Suárez que non tivo castigo por parte de Mateu Lahoz. O dianteiro uruguaio pegoulle un “croché” co cóbado a Schär que tería que ser visto polo colexiado e a seguir mostrarlle o correspondente cartón coa certificación da expulsión. Luis Suárez é un bo dianteiro, pero como futbolista é un porco. Non é a primeira vez que se comporta de xeito miserable cos seus rivais. Merece castigo e moi duro. Non era necesario que fose un macarra ou que puxese xustiza, se que é que o suízo o amolou tanto durante o partido. Ademais, sobre Luis Suárez cae o pecado da reincidencia. Sen Luis Suárez no terreo de xogo e unha noite aciaga de Messi como a que se viu, quen sabe se o resultado, aínda perdendo, lle sabería máis doce a Cristóbal Parralo.

 

Luis Suárez é un bo dianteiro, pero como futbolista é un porco. Non é a primeira vez que se comporta de xeito miserable cos seus rivais

 

Está claro que a crítica deste partido non pode descansar na fatídica e punible acción do punta do equipo catalán, xa que o bochorno ao Dépor non llo quita nin san Pedro. Tampouco Xob, o da paciencia. Co Dépor é para perdela. O resultado non reflicte o que foi o desastroso paso do equipo coruñés polo templo culé.  

 

O Dépor non ten velocidade. En Barcelona non tivo orde, sobre todo despois do primeiro gol. Tampouco tivo definición. Lucas non está fino e ten que mellorar na elección do disparo.  A escasa contundencia do equipo no centro do campo revelouse, una vez máis. O equipo de Parralo non ten un pivote defensivo que cortocircuite o xogo, tanto ten o rival. Pero se é o Barça, entón, só queda poñerse de xeonllos, pechar os ollos e esperar a que pase o furacán sobre todo se non se ten un plan fixo e se cumpre marcialmente. O Dépor nin está traballado nin é capaz de conseguir ese nivel de disciplina. Bastante é que cumpra un mínimo papel.  

 

O de repetir un once só porque ese equipo merece a renovación da confianza do técnico tras una vitoria non pode ser nunca una premisa válida

 

O de repetir un once só porque ese equipo merece a renovación da confianza do técnico tras una vitoria non pode ser nunca una premisa válida. Cada partido é diferente. E cada partido se ten que traballar de forma individualizada e dun xeito ben planificada. Repetir con Çolak sabendo que apenas ía ter o balón para demostrar o que sabe facer, revelábase como una temeridade. E así foi. O problema no Dépor non é só de pivote, tamén é de defensa. Estase a ver que Schär quere axudar a xogar sempre que pode en tarefas ofensivas, porque non ten medo a saír xogando có coiro. O problema nestes casos é deixar desguarnecida a zaga. Insisto que Schär pode ser un magnífico central, tipo Djukic, pero ben arroupado con dous centrais. O que fai pensar noutro tipo de debuxo táctico do equipo e que non pasa polo 4-4-1-1. A ausencia de Andone tamén se botou en falta. Lucas precisa compañía. En definitiva, cada partido é un mundo infinito de posibilidades para repetir un esquema só porque a semana anterior ese equipo gañara un partido e un xogador fose a clave desa vitoria. Máxime cando se sabe que ese futbolista aparece e desaparece intermitentemente. 

 

Schär pode ser un magnífico central, tipo Djukic, pero ben arroupado con dous centrais. O que fai pensar noutro tipo de debuxo táctico do equipo e que non pasa polo 4-4-1-1.

 

Os erros son moi numerosos e reiterados. Está máis que analizado. De aí o perigo de descansarse na vitoria de Leganés. Hai unha preocupante diferenza nas velocidade de partido do equipo coruñés, que ven arrastrando con varios adestradores. O Dépor xoga a ritmo lento. Cando un rival consegue meterlle velocidade e verticalidade ó partido, o equipo branco e azul desplómase, vese absolutamente superado e queda á mercede da sorte. 

 

Si, sorte. Porque esa foi a sensación que quedou do último encontro do conxunto herculino. E as sensacións do bo xogo ante o Leganés desapareceron. 

 

Na última semana de fútbol que lle queda ó 2017, o Dépor está obrigado a presentar un perfil que mude o rumbo de cara á segunda volta na Liga. 



x