Urxe un cambio antes da caer no abismo

Carlos Alberto Sánchez - Xornalista


O Dépor perdeu en Sevilla no mellor partido que xogou nesta temporada, incluidos os dous que logrou gañar. O equipo xogou á altura dun equipo de Primeira División. Aguantou o pulso a un dos equipos máis sobrados da categoría, actualmente clasificado en postos da Liga Europa e empatado a puntos co Real Madrid que pecha a barreira dos equipos que teñen praza na Liga de Campions a vindeira temporada.

 

Por primeira vez o Dépor pasou do minuto 15 e 30 da primeira parte sen encaixar un gol. De feito case chega ó descanso coa porta a cero. Nesta ocasión o equipo estivo serio en defensa, ben dirixido desde o centro e organizando con perigo as accións ofensivas que logrou construír. O partido estragouse cando faltaban segundos para ir ó vestiario a darse un respiro. A falta de concentración, outra vez, apareceu no peor momento. Un saque de banda inocente pillou toda a defensa nas verzas, mirando cara outro sitio, sen estar cos sentidos postos, sen facer oposición a Nolito que entrou como coitelo en manteiga para dar o pase letal. O camiño á caseta fíxoo o Dépor coa cabeza nos pés, coa moral comida. 

 

Na segunda metade, o Dépor comezou dando mostras de calidade e creando perigo. A dupla Adrián-Lucas funcionou en Sevilla cunha lucidez brillante. Entendéronse á marabilla. Falatoulles aos dous contundencia no disparo. A falta dun remate poderoso facilitoulle moito o traballo a Soria, que apenas tivo que esforzarse. Probablemente, se o Dépor estivese subido noutra onda, co vento a favor, tanto Lucas como Adrián, pero sobre todo Adrián, terían premio nas accións de remate que fabricaron. A impresión é que estes dous futbolistas poden mudar as cousas. Foi unha mágoa que Adrián se lesionase os dous últimos meses, cando o calendario deportivo da Liga foi moito máis favorable. Co que queda actualmente por diante, o calendario mete medo. Case mellor non mirar.   

 

A arbitraxe merece apunte aparte porque o equipo coruñés foi moi prexudicado en Nervión. En ningún plató de televisión se fala disto porque o Dépor xa non importa. Ninguén analizou en TV as dúas xogadas que con seguridade condicionaron o partido. Tampouco vin excesiva forza na denuncia das xogadas polémicas do partido. Sinal de que a garda está moi baixa en todos os sentidos.

 

A arbitraxe merece apunte aparte porque o equipo coruñés foi moi prexudicado en Nervión. En ningún plató de televisión se fala disto porque o Dépor xa non importa

 

A primeira das xogadas para analizar deuse aos cinco minutos de partido. Mercado derruba na área Schär. Penalti escandaloso. Non se pitou. Outra vez con Schär de protagonista nun contragolpe branco e azul, o suízo trataba de incorporarse ó ataque.  Foi derrubado após unha  entrada a destempo e sen balón que tiña que ter o castigo correspondente con cartón vermello incluido. O colexiado non asubiou nin a falta nin sacou un triste cartón amarelo do peto. Estas dúas xogadas pitadas no sentido que foron legalmente mudaban claramente o escenario do partido. A impunidade tamén lle está a costar moi cara ao adro herculino.   

 

A arbitraxe en Sevilla foi totalmente decisiva. Sánchez Martínez foi nefasto. Unha rémora. O Sevilla beneficiouse dunha arbitraxe caseira, o máis puro estilo do fútbol español dos anos 80 e aqueles colexiados tan ben “preparados” para pitar para os intereses dos da casa.

 

Se ben é certo que a arbitraxe foi incualificable, tampouco debe servir para a excusa na súa totalidade. Primeiro porque o gol de Ben Yedder, na primeira parte, prodúcese por un erro colectivo da defensa, que está en Babia cando o tempo estaba case consumido. É dicir, un erro de concentración. O segundo gol chega co equipo un tanto desarmado porque Parralo xogou todo á carta de botarse ó monte no ataque sacrificando Borges por Andone. O cambio non aportou nada de nada e abriu unha porta ó Sevilla que soubo pechar o partido. Un disparo desde fóra da área, fácil para un porteiro, pasou por baixo do corpo de Rubén. O porteiro de Coristanco tivo unha actuación excelente todo o partido, pero ese erro puntual finiquitou calquera posibilidade de ir a por un empate ou un resultado mellor, e, desde logo, empañou a boa actuación do gardameta.

 

Os dous erros individuais que costaron gol ó Dépor teñen un nome eufemístico no vestiario de Parralo. Agora chámanse “detalles”. Pero en realidade son despistes, erros de concentración, estropicios de vulto. E cantos van xa nos últimos anos? A recorrencia cansina destes problemas só poden apuntar cara un sitio. Non pode ser que o sacrificado sexa sempre o adestrador. Son os futbolistas os responsables desta desconexión puntual. Os xogadores do Dépor cobran moitos cartos, as veces moito máis do que realmente valen, para non ser capaces de manter a concentración unha vez á semana durante noventa minutos. 

 

Non pode ser que o sacrificado sexa sempre o adestrador. Son os futbolistas os responsables desta desconexión puntual. Os xogadores do Dépor cobran moitos cartos, ás veces moito máis do que realmente valen

 

Con Parralo, o Dépor encaixou en todos os partidos. Malia a evidente melloría táctica, o equipo é moi vulnerable. Excesivamente brando. Un coadeiro insufrible. A sangría precisa unha cirurxía urxente. Na miña opinión, só vexo unha posible solución. Unha defensa de tres xogando con Andone, Adrián e Lucas no ataque coa axuda de dous carrileiros de longo percorrido. Polo visto, Parralo non está polo labor. Pretende que os futbolistas aprendan o seu sistema. A cuestión é se non sería o adestrador o que se debe adaptar a clase de equipo que manexa. 

 

Na miña opinión, só vexo unha posible solución. Unha defensa de tres xogando con Andone, Adrián e Lucas no ataque coa axuda de dous carrileiros de longo percorrido

 

E se xa temps claro que os adestradores pouco pintan nos erros recorrentes deste equipo, só queda un chanzo que sinalar. A mala, por non dicir, malísima planificación deportiva desde este verán. Dous porteiros que non dan o nivel e un que só se poder cualificar de regular. Unha defensa de moi baixo perfil, moi mellorable, mantendo dous centrais que son un verdadeiro problema para o equipo, como Albentosa e Arribas. Un centro do campo con futbolistas moi parecidos e que comparten unha peculiaridade: ningunha contundencia defensiva. O mellor que ten o proxecto é o ataque, moi infrautilizado. Ter Andone no banco é un luxo inexplicable. 

 

E se xa temps claro que os adestradores pouco pintan nos erros recurrentes deste equipo, só queda un chanzo ó que sinalar. A mala, por non dicir, malísima planificación deportiva desde este verán

 

Se ao Dépor non lle acompaña ningún golpe de sorte preparémonos para o ver en zona “roxa”.



x