Amancio Ortega, o oligarca galego que montou o seu imperio téxtil sobre a explotación de miles de mulleres de todo o mundo, deslocalizando a produción en países onde os dereitos das traballadoras son máis laxos ou simplemente non existen (Portugal, Marrocos, India, Bangladesh, etc), enfróntase a un conflito laboral nas tendas Bershka da provincia de Pontevedra.

 

As traballadoras da cadea en Vilagarcía, Pontevedra e Vigo teñen convocados cinco días de folga para retomar unha vella reivindicación. O paro está a ser secundado pola totalidade do persoal, 74 mulleres e un home. Reclaman negociar coa dirección melloras nas condicións laborais. Que sexan equiparadas ás súas compañeiras da mesma cadea noutros territorios. É significativo que cobren 130 euros menos ao mes que as traballadoras de Bershka da Coruña. 

 

Outra demanda é que a maioría das empregadas traballan a tempo parcial, sendo moi difícil, cando non imposible, a conciliación familiar, máis cando tamén teñen minguados os dereitos con respecto a compañeiras doutras provincias: mentres as empregadas de Santiago (A Coruña) dispoñen de 39 días de lactación e un plus de arredor de 2.000 euros, as de Vilagarcía (Pontevedra) non cobran ningún complemento e só lles corresponden 21 días por lactación. Igualmente denuncian que empregadas contratadas a media xornada están destinadas aos peores horarios e a facer moitas máis fins de semana que as demais compañeiras, véndose na obriga de traballar horas complementarias para poder ter un salario que lles permita chegar a fin de mes.

 

Esta falta de sensibilidade cos dereitos laborais das mulleres lévanos a dubidar se a doazón feita por un dos homes máis ricos do mundo, de 320 millóns de euros destinada á adquisición de equipamentos de alta tecnoloxía para o tratamento contra o cancro na sanidade pública a través da fundación que leva o seu nome, é produto da súa xenerosidade. Amancio Ortega, que ingresa en 2017 por dividendos de Inditex a módica cantidade de 1.256 millóns de euros, tivo que escoitar como a Asociación para a Defensa da Sanidade Pública considera esta doazón un mecanismo fiscal para esquivar impostos. 

 

Son obrigas que as súas empregadas non poden evadir e que, unha vez máis, poñen de manifesto que ningunha fortuna se acumula dende a inocencia.

 



x