Para cando as sancións a Israel?

Duarte Correa - Profesor e sindicalista.


O 30 de marzo o povo palestino conmemora o Día da Terra e do dereito ao retorno en lembranza da folga de 1976 coa que enfrontaron a confiscación de terras por parte de Israel, confiscación que tiña por obxectivo construír máis asentamentos de colonos xudeos, e que supuxo a expulsión de centos de miles de palestinos que a partir dese momento pasaron a vivir na diáspora. Naquela folga resultaron asasinados polas forzas de ocupación israelís 6 palestinos e foron feridos 50.

 

Pasaron 42 anos e o povo palestino mantense firme na reivindicación do seu dereito ao retorno a uns territorios que lle foron arrebatados polo ocupante israelí, e neste ano a manifestación foi respondida por Israel cun nivel de represión militar que provocou 16 mortes e máis de 1.400 persoas feridas. Unha represión que como se pode comprobar ollando diverso material de doado acceso estaba perfectamente planificada, con presenza de francotiradores, e non foi unha resposta que se lles fora das mans diante de provocacións por parte de manifestantes.

 

É un novo masacre cometido polo estado sionista contra un povo mártir que reivindica o dereito a construír un estado palestino independente no seu territorio, un estado que non se pode circunscribir aos auténticos guettos que son Cisxordania e Gaza.

 

É un novo masacre cometido polo estado sionista contra un povo mártir que reivindica o dereito a construír un estado palestino independente no seu territorio

 

Os feitos coinciden no tempo cunha polémica internacional que nos retrotrae aos tempos da guerra fría. Refírome ás acusacións do Reino Unido contra Rusia por supostamente estar detrás da tentativa de asasinar en Londres o ex-axente de intelixencia Sergei Skripal, e á decisión dun feixe de estados occidentais de expulsar a persoal diplomático ruso, decisión á que Rusia responde como é lóxico coa mesma moeda. 

 

Non vou entrar en se existen sospeitas ou non da implicación do goberno de Putin neste caso, pero xa sabemos que nos temas relacionados coa intelixencia, a contra-intelixencia e a espionaxe a maioría das veces aos cousas non son o que parecen. Pero a coincidencia dun e doutro caso nos poden permitir comparar a actuación da chamada comunidade internacional.

 

Diante do caso Sergei Skripal, no que non houbo até agora ningunha persoa morta, o Consello de Seguridade das Nacións Unidas reuniuse de urxencia para estudar as implicacións e o seu actual secretario xeral António Guterres declarou que se o responsábel era un estado suporía "unha seria violación da lexislación internacional".

 

Nos temas relacionados coa intelixencia, a contra-intelixencia e a espionaxe a maioría das veces aos cousas non son o que parecen

 

Diante de 16 asasinatos o único que manifestou o secretario xeral da ONU até o momento é que se precisa unha investigación independente dos feitos, e a maioría dos estados miran cara outro lado coma fan habitualmente cando se trata de crimes cometidos por Israel; son Bolivia, Venezuela e Irán quen encabezan o listado dos poucos estados que se teñen solidarizado coa causa palestina e condenado a actuación israelí.

 

Unha vez máis comprobamos a hipocrisía dunha comunidade internacional que respondendo aos intereses xeopolíticos dos EEUU toma medidas contra Rusia non habendo mortes por medio, pero considera 16 asasinatos cometidos en Palestina como unha simple anécdota.

 

Está claro que desta vez tampouco haberá nin expulsión de persoal diplomático nin sancións contra Israel.



x