A decisión de Trump sobre Xerusalén non é cousa dun tolo

Duarte Correa - Profesor e sindicalista.


A decisión de Trump de anunciar o traslado da embaixada dos Estados Unidos en Israel de Tel-Aviv a Xerusalén supón unha clara provocación, e vai aumentar a inestabilidade e a violencia xa habituais na zona, unha violencia da que será vítima fundamentalmente o mártir povo palestino

 

Neste momento fálase moito de que estamos diante dunha nova loucura de Donald Trump, mais considero que diante dos movementos que fai o inquilino da Casa Branca debemos ser serios e reflexivos, non deixándonos levar polas liñas de desinformación decididas polo sistema. Moitos comentaristas e dirixentes políticos, que falan dunha nova loucura de Donald Trump, chamáronlle de todo cando resultou elixido presidente dos EEUU e fixo os seus primeiros anuncios; pero en canto tiveron oportunidade buscaron a foto con el  e sempre que poden cantan as bondades do imperialismo norteamericano.

 

Nin Trump é un tolo nin a decisión anunciada hai uns días é unha ocorrencia; Trump levaba esa cuestión no seu programa, e con esa decisión o único que fai é cumprir unha lei aprobada en 1995 que insta Washington ao traslado da embaixada de Tel-Aviv a Xerusalén. Unha lei que os seus antecesores demócratas e republicanos cada seis meses decidían retrasar argumentando que podía ser prexudicial para os intereses dos EEUU, pero nin Clinton, nin Bush non Obama deron pasos para derrogala.

 

Certamente, desde o punto de vista de calquera persoa que defenda a paz estamos diante dunha provocación que dará novas alas a Israel na súa política xenocida contra o povo palestino. Pero para podermos tirar conclusións debemos observar atentamente movementos que se están a dar na rexión desde hai un tempo.

 

É un feito que a intención do imperialismo de crear un novo Iraq ou unha nova Libia na República Árabe Siria fracasou, debido fundamentalmente á feroz resistencia dun povo que nos últimos tempos contou coa colaboración decisiva de Rusia, consciente da necesidade de intervir no contexto internacional para evitar o cerco que lle tentan aplicar os EEUU por medio da OTAN e da UE.

 

É un feito que a intención do imperialismo de crear un novo Iraq ou unha nova Libia na República Árabe Siria fracasou

 

O fracaso en Siria fai que os EEUU precisen con urxencia buscar unha saída para os mercenarios e o Daesh, saída que algúns analistas relacionan xa cos novos focos de inestabilidade no Afganistán e coa aparición de fenómenos terroristas na fronteira entre China e as ex-repúblicas soviéticas asiáticas.

 

Recentemente soubemos de estraños movementos en Arabia Saudí, con enfrontamentos, detencións  e axustes de contas na realeza; movementos que poden estar relacionados coa eliminación de posíbeis rivais do príncipe herdeiro. Sendo esta mesma monarquía feudal a responsábel da esquecida pero sanguenta guerra no Iemen e dos distintos intentos de impedir o aumento da influencia de Irán. 

 

Na capital saudí tamén se deu nas últimas semanas un feito que sería unha simple anécdota caso de non afectar a un país chave na zona como é o Líbano. Nos primeiros días de novembro o primeiro ministro libanés anunciou desde Riad a súa dimisión, e quince días despois volveu ao seu país e fixo público que daba marcha atrás deixando sen efecto o anuncio de dimisión. 

 

Na capital saudí tamén se deu nas últimas semanas un feito que sería unha simple anécdota caso de non afectar a un país chave na zona como é o Líbano

 

Aínda que só o conflito sirio ocupe espazo informativo relevante, o certo é que nestes momentos a rexión atravesa unha situación de inestabilidade moito maior da que vén sendo habitual desde hai décadas. E a posibilidade de que todos os focos informativos se centren no conflito entre Israel e Palestina deixaría as mans libres aos servizos de intelixencia e ás axencias e entidades que realizan actuacións inxerencistas nunca recoñecidas, pero moi útiles para os intereses norteamericanos.

 

Aínda que poida semellar moi besta dicilo, nas vindeiras semanas ademais de reafirmar a nosa solidariedade co povo palestino deberemos tentar que o sangue do povo mártir non nos impida observar outros movementos de importancia na zona. 



x