Para min non hai palabra que poida definir mellor o resultado obtido polas candidaturas soberanistas nas eleccións ao Parlament de Catalunya celebradas onte que HEROICIDADE.

 

A firmeza e convicción na necesidade e na posibilidade de converter Catalunya nunha nova república soberana foron quen de vencer a unha monarquía imposta, á inexistencia da división de poderes como recoñeceu a vicepresidenta do goberno español hai uns días, a unha brunete mediática na que non houbo diferenzas á hora de defender o unionismo e descualificar os posicionamentos independentistas entre medios de extrema dereita recoñecida e medios supostamente progresistas, á actuación violenta das forzas de seguridade do estado, á cadea e exilio de dirixentes políticos, e ao engano de quen venderon fume dicindo que ía asaltar os ceos e agora son colaboradores necesarios para branquear o réxime falando dunha “segunda transición”.

 

Haberá quen diga que as cousas apenas mudaron, e que o único resultado do procés foi espertar ao fascismo do seu sono, pero iso é rotundamente falso. Na carreira para as eleccións de onte as candidaturas soberanistas corrían descalzas e coas mans atadas ás costas fronte a un unionismo que contaba con todos os adiantos tecnolóxicos; e o fascismo no estado español estaba ben esperto, pois houbo que se encargou en 1978 de non concederlle o sono eterno.

 

Diante deste resultado quen negan o dereito do povo catalán e gobernar o seu futuro deberían reflexionar e asumir a súa derrota;  pero coñecéndoos teño moitas dúbidas de que sexan quen de asumir a realidade.

 

O procés, a aplicación do 155 e as eleccións de onte confirman que o talón de Aquiles do estado español é o nacionalismo, e mentres España non asuma que existe a nación catalá, que existe a nación vasca, que existe a nación galega, con distintos niveis de conciencia pero vivas, e que teñen dereito a decidir como gobernar o seu futuro, non haberá democracia real.

 

Queda moito por andar e porán novos obstáculos para que Catalunya non faga o camiño, pero o exemplo dado ao mundo cun movemento cívico que moveu masas en impresionantes mobilizacións nos últimos anos e unha organización popular capaz de actuar clandestinamente como demostraron o 1 de outubro,  permite albiscar que pese ás dificultades, seguirán andando o camiño e non tardarán en estrear un caderno no que empezarán a escribir en liberdade a historia da República Catalá.



x