Considero que algo que nos debe caracterizar como seres humanos é o respecto diante da morte de outro ser humano dada a dor que supón para familia e persoas achegadas, pero cando un obituario se converte nun panexírico o que se fai é agachar parte da traxectoria vital de aquel a quen se quere homenaxear e por tanto estase falsificando a historia. Ao meu entender iso é o que fan a práctica totalidade dos medios de comunicación diante do falecemento este sábado 7 de xaneiro de Mário Soares, ex-primeiro ministro e ex-presidente da República Portuguesa que morreu en Lisboa aos 92 anos.

Mário Soares foi unha das figuras marcantes da historia contemporánea de Portugal, loitador contra o fascismo, activista político desde moi novo, con múltiples detencións durante unha ditadura que o tivo na cadea case tres anos, fundador da Ação Socialista Portuguesa en 1964, transformada en Partido Socialista en 1973 e un dos máximos responsábeis da entrada de Portugal no Mercado Común Europeo; persoa que na última fase da súa vida se opuxo á intervención da troika (Fondo Monetario Internacional, Banco Central Europeo e Comisión Europea) e ás medidas de depauperamento das condicións de vida do pobo portugués que trouxo esa intervención, político que mostrou a súa solidariedade con Galiza cando a catástrofe do Prestige.

Todo o anterior é certo, pero non se pode agachar que Mário Soares foi tamén peza chave para facer fracasar o proceso de profundización nas conquistas da Revolução do 25 de Abril de 1974 e apoiou o golpe contra-revolucionario do 25 de novembro de 1975.

Mário Soares foi tamén peza chave para facer fracasar o proceso de profundización nas conquistas da Revolução do 25 de Abril de 1974

Ollado con desconfianza inicialmente por Henry Kissinger, converteuse nun do principais aliados dos norteamericanos, mantendo unha intensa relación co embaixador Frank Carlucci, un especialista en golpes de estado que pasou da embaixada en Lisboa a ser vice-director da CIA.

Na súa etapa como primeiro-ministro destruíronse importantes conquistas da revolución como a reforma agraria e as nacionalizacións, sendo ademais como primeiro-ministro responsábel directo das dúas primeiras intervención do Fondo Monetario Internacional en Portugal nos anos 1977 e 1983, intervencións do FMI que impuxeron importantes recortes de dereitos ao pobo portugués. Posteriormente, coa sinatura da entrada de Portugal na CEE, tamén asumiu, aínda que xa non lle correspondeu aplicalas, as imposicións que supuxeron o desmantelamento de sectores económicos básicos do país veciño como a pesca, o agro ou a construción naval.

Mário Soares, na súa xuventude militante comunista, ao longo da súa vida política mantivo un forte enfrontamento co Partido Comunista Português, acusándoo en repetidas ocasións de non loitar pola democracia e de querer implantar unha ditadura comunista en Portugal, algo que, como deixou escrito Álvaro Cunhal nun libro fundamental para coñecer o proceso revolucionario portugués (A verdade e a Mentira da Revolução de Abril),  era “mentira afirmada e repetida tendo quem mente consciéncia de que está mentindo e caluniando perante milhões de portugueses, que dificilmente terão aceso à verdade”. Curiosamente foi o PCP quen favoreceu en 1986 a súa primeira chegada á Presidencia da República Portuguesa de Mário Soares, non por confianza nel senón por considerar que chamar ao voto na súa candidatura era a única posibilidade de evitar a vitoria do dereitista Freitas do Amaral, e os resultados así o confirmaron.