Saltar ao contido
21:33 h. Cuarta feira, 17 de Setembro do 2014

Opinión

Editorial

Vota:

A fascistización do Imperio

 

Poucas brincadeiras co que está a pasar estes días no mundo. Estamos a asistir a un proceso de degradación das institucións internacionais, a comezar pola ONU, e de endurecimento das posicións abertamente anti-democráticas, val dicer, anti-populares, do Imperio norteamericano. Estamos a asistir a un proceso de rápida fascistización do poder imperial estadounidense.

A revelación realizada por Edward Snowden a dous xornais da reputación de The Guardian e The Washington Post sobre que os EUA están a espionar masivamente a cidadáns e países do planeta, e moi nomeadamente a Estados da Unión Europea, puxo a nu que Washington non ten escrúpulos de ningunha caste á hora de impor a súa hexemonía mundial, esnaquizando conquistas civilizatorias como o direito á privacidade ou o segredo das comunicacións.

Admira que o momento de maior avanzo tecnolóxico da Humanidade, de desenvolvimento imparábel da ciencia, se produza en paralelo co maior retroceso das liberdades e dos direitos civís en décadas, como produto ademais dun pacto aberto e confeso entre o Estado norteamericano e corporacións privadas xigantes como Apple, Facebook ou Microsoft.

Agardamos que se faga xustiza e que, para comezar, algún dos Estados americanos -Venezuela, Bolivia, Cuba...- accedan á petición de Snowden e lle concedan asilo

Non é só a espionaxe masiva, é tamén a vergoña de Guantánamo, son tamén as execucións extraxudiciais -con violación de fronteiras soberanas- que acotio perpetran os avións non tripulados, os sinistros Drones. Washington decide quen e cando debe morrer. Sen xuízo previo. Como no Far West. Pior que no Far West: porque agora non hai fronteira detrás da que se protexer.

E que dicermos da Unión Europea? Perante a revelación da espionaxe masiva á que están submetidos os seus Estados e os seus cidadáns, Bruxelas elevou un débil protesto. Pura fachada que se veu abaixo cando Washington chamou a rebato para que non se permitise a entrada no espazo aéreo de Portugal, Franza, Italia e España do avión que transportaba a Evo Morales e no que algunhas fontes situaban a Edward Snowden. Aí os europeus axeonlláronse perante o emperador e mostraron que a súa dignidade é igual a cero. Un episodio que, en troca, axigantou a figura de Morales -negouse en todo momento a que o avión boliviano, inviolábel de acordo coa legalidade internacional, fose rexistrado. Púxose á vez en evidencia que a UE é un apéndice do imperio e que neste momento América Latina é a esperanza.

E xusto no medio aparecen os militares e consuman un golpe de Estado en Exipto, que depón o seu presidente lexítimo e suspende unha Constitución aprobada en Decembro de 2012 polo 62% do corpo eleitoral. O Imperio fascistizado, por suposto, non condena o levantamento golpista, mais tampouco o fan nen a UE nen Nacións Unidas.

A situación mundial é de estrema gravidade. Os pobos deben reaxir. Hai moitas materias pendentes que aprobar. Non agardamos nada dos Estados da UE. Si de América Latina. Agardamos que se faga xustiza e que, para comezar, algún dos Estados americanos -Venezuela, Bolivia, Cuba...- accedan á petición de Snowden e lle concedan asilo.


 

Outros artigos
Outras voces