Non é posíbel falarmos dunha democracia de mínima calidade no noso país mentres os meios de titularidade pública continúen a violar os dereitos das galegas e dos galegos a seren verazmente informados. A valente denuncia feita esta semana por un redactor da TVG -eis a súa entrevista no noso diario dixital- ispe unha realidade que ofende a conciencia de calquera persoa demócrata, a dunha ferramenta fundamental para o espazo de comunicación galego e en galego que neste momento é simplesmente un apéndice do aparato de propaganda de Monte Pío.

Urxe a desgubernamentalización da TVG. Esta é unha cuestión que se ten formulado millenta veces no Pazo do Hórreo, sede do Parlamento galego. Non abonda, porque os debates fican entre aqueles muros, tal é a blindaxe mediática da que goza o réxime feijoniano. Haberá que pór o asunto en circulación extramuros, levalo á rúa, como unha demanda social de imprescindíbel cristalización se aspiramos a ter unha democracia digna de tal nome.