O importante dunha figura como Fidel Castro é avaliarmos a obra que deixa e o futuro que o seu legado ten perante si, a súa perdurabilidade. Acometer esta tarefa excede con moito os límites dun comentario editorial, mais si podemos avanzar algunhas conclusións para un debate de materialización necesaria para todos os movimentos que no mundo perseguen a emancipación dos pobos e, consecuentemente, dos seres humanos.

A primeira conclusión é que Fidel Castro, como líder dun colectivo, foi un construtor de mundos novos e que, desde a utopía (el se autocualificaba como comunista utópico), soubo mellorar as condicións de vida concretas de millóns de persoas -ás que restituíu a súa plena dignidade humana, con acceso a bens de alta calidade como a sanidade -como salientaba The Guardian, o investimento sanitario de Cuba supera o do Reino Unido en percentaxe do PIB-, a educación ou a seguranza cidadá -a anos luz xa non só da do resto de países de América Latina, senón tamén da potencia imperial do norte, nacións asoladas por altas taxas de criminalidade e violencia. A seguir a isto, podemos dicer sen temor ao erro ou á hipérbole que a interpretación de Fidel Castro do marxismo foi sempre unha alianza entre a defensa da soberanía nacional -como contido claramente anti-imperialista- e a construción dun socialismo con clara participación popular, moi afastado da degradación burocrática das últimas décadas da Unión Soviética.

A interpretación de Fidel Castro do marxismo foi sempre unha alianza entre a defensa da soberanía nacional e a construción dun socialismo co clara participación popular

Non admira, pois, o enorme impacto de Fidel Castro na conciencia de millóns de persoas que, como el, soñan cun mundo mellor e tampouco admira a determinación coa que os mainstream media e os servidores dos poderes globais tentan desacreditar a súa figura, até o emparentar, nos casos máis cegos e fanáticos, con Franco, Salazar ou Pinochet. Fano por medo a que a súa semente prenda, fano coa esperanza de que Fidel sexa o último revolucionario. Mais a historia non se detén, os problemas inxentes que ten a Humanidade por diante criará máis Castros no presente e no futuro.