Nos últimos días faleceron dous traballadores. Un nas obras de ampliación da ponte de Rande. Outro após caer desde unha altura de seis metros logo de recibir unha descarga eléctrica na nave en que estaba traballando en Vigo.

Nos últimos días faleceron dous traballadores. Un nas obras de ampliación da ponte de Rande. Outro após caer desde unha altura de seis metros logo de recibir unha descarga eléctrica na nave en que estaba traballando en Vigo. Os dados reflicten que non se trata de dous casos puntuais de sinistralidade laboral. De feito, Galiza atópase entre os territorios do Estado con máis mortes por accidentes no posto de traballo: entre 2010 e 2016 perderon a vida en sinistros laborais máis de 380 persoas.

 

As reformas laborais de PSOE e PP deixaron nun segundo plano a prevención de riscos laborais. A precarización derivada das políticas antisociais e de recortes agravou aínda máis a situación. Creouse, así, un caldo de cultivo propicio para os sinistros nos postos de traballo.

 

O de Rande foi un accidente anunciado que non pode saír de balde, máxime tendo en conta que se trata dunha obra pública e que a CIG realizara días antes unha acción simbólica para denunciar a explotación laboral e os perigos derivados do exceso de xornada. Os operarios xa advertiran de que as condicións de traballo facían prever un sinistro grave.

 

As autoridades laborais, a comezar pola Inspección de Traballo, deberían cumprir un papel fundamental á hora de evitar estes accidentes, moitos deles provocados pola falta de cumprimento dos convenios en relación á xornada, polo deterioro das condicións laborais e polas cadeas interminábeis de subcontratación.