Supoñendo que a situación política no Concello de Fene fose tan mala que repercutise na veciñanza de maneira directa ou indirecta –perda de proxectos, ilegalidades na xestión, parálise administrativa, etc…- estaríamos ante unha opción lexítima da oposición para minimizar os danos colaterais na veciñanza.

 

Mais esta causalidade non é así. A moción de censura preséntase por cuestión matemática; PP e Somos Fene teñen a maioría, queren gobernar e as regras de xogo (as legais, que non as morais) o permiten. A xogada PP-Somos Fene resulta “anormal”, polos posicionamentos políticos –que se supoñen- antagónicos e ademáis “inxustificada” por falta dunha motivación seria, rigorosa e contrastada.

 

Na matemática política, esta que se presenta, a suma dunha moción de censura anormal e inxustificada, é o resultado dun acto de interese persoal. Non falla. A cuestión non está en “rescatar” unha situación de caos na xestión, nin nos proxectos. A cuestión está en sacar rédito económico e político para as individualidades e nisto –hai que recoñecelo- o PP sabe onde e como ten que chamar.

 

O malo para a veciñanza de Fene (e para a credibilidade política en xeral) é cando tras da porta hai quen espera a chamada, para levar a bon porto os seus intereses persoais. Auguro unha baixada da marea nas próximas municipais, que deixará en dique seco a quen utiliza a política de maneira interesada. Terán para daquela os remolcadores que os trouxeron até aquí?



x