pero son trans.

Vaime implosionar a cabeza se sigo tropezando con artigos nos que alguén se laie da liberdade de expresión.

Cando estudei Filosofía no bacharelato, todos os filósofos (si, todos varóns) dos que escoitei falar, parecían obsesionados con descubrir a verdade. Recentemente escoitei falar de Paul B. Preciado, que racha con iso e establece que, para el, o realmente importante non é descubrir a verdade, máis ben producila.

As noticias sensacionalistas coma “o autobús” responden á nosa necesidade actual de devorar información na mínima cantidade de tempo posible. Ora, se o tema é morboso (é dicir, implica varias mortes simultáneas e/ou calquera tema relacionado co sexo) adoitamos tomar días para comentalo.

Sigo sen estar morto e sigo sendo trans.

Si. Son trans.

Penso repetilo ata que te decates de que queres saber máis sobre o tema, para poder 
comentalo con calquera persoa achegada sentíndote intelectual.

Son trans e gústanme os buses laranxas.

Penso que só unha badalada iniciada por xente tan profundamente ignorante, pode levar ó resto do mundo a ler sobre o tema para evitar parecerse a esxs australopitecus.

Paréceme unha loita moi digna a de defender a liberdade de expresión, pero en ningún caso tolerarei que esa suposta liberdade atente contra o meu dereito a existir. 

É curioso que unha seita ultracatólica recorra á “bioloxía” para tildar de 
INEXISTENTE, non a un colectivo, senón a MENORES DE IDADE que forman parte do colectivo; obviando ao mesmo tempo, o don da resurrección e as pombas fecundadoras. 

É curioso tamén que se laien de seren censuradxs mentres se esforzan, sen éxito, en intentar ditar quen debemos ser. 

É curioso que nos acusen de adoutrinar ás persoas, cando son elxs quen necesitan facer marketing barato, cualificando por exemplo de “prohibido” un folleto de lastimosa calidade intelectual, útil unicamente para mutilar o dereito a non ser discriminadx.

Nunha sociedade na que todo o mundo se considera ilustre, no canto de preocuparnos pola liberdade de expresión (que leva, EVIDENTEMENTE, anos morta) estaría ben evitar ser ferintemente ignorantes. 

Son trans e aínda non estou morto. 

E a única liberdade de expresión, de EXISTENCIA, que está en perigo cada día é a miña, é a nosa, é a diversidade.

E non sei se morrerá algún día

pero non imos permitir que nola a(sa)sinen.



x