Teño que recoñecelo, dubidei moito se publicar ou non este artigo. 

 

Si, saio do armario. Non se trata dun asunto de orientación sexual. Permítome coller esta frase polo que conleva, no significado de perder o medo.

 

Eu son un autónomo, un pequeno empresario que como a moitos outros, a crise colleume co pé cambiado. Proxectos que semellaban viables e nos que depositara moitas doses de ilusión, de súpeto convertéronse en lousas. 

 

Escribo isto a 13 de xuño, será por aloxar o malfario. Ou será porque non esquezo que hai tan só uns días unha entidade bancaria foi engulida do día á noite por outra, polo ridículo prezo dun Euro.

 

Proxectos que semellaban viables e nos que depositara moitas doses de ilusión, de súpeto convertéronse en lousas

 

Contarei a miña experiencia. Esa entidade que custou menos cunha caña de San Miguel na recente adquisición, foi a mesma que sen posibilidade de reacción, decidiu non renovarme unha póliza de crédito que tiña dende hai anos con eles. Por decisión unilateral, o banco pasoume a crédito, cunha cota que sabían inasumible, eses cartos polos que  pagaba relixiosamente. Sabedores de que é neses intres de estreiteces cando máis dano fan este tipo de actuacións para cos pequenos empresarios, estes lumbreras das finanzas apertaron todo o que puideron, ou mellor dito: a quen puideron, como fan sempre os viles e covardes

 

Unha entidade crediticia debería saber dar solución aos seus clientes cando a situación así o require. Pero isto non sucede neste país onde esas operacións son sempre especulativas e usureiras, tentando de exprimir ao que, polas súas circunstancias, está en condicións de favorecelo. 

 

Esa entidade que vale agora o que un kg de patacas, foi quen de esixirme, si, como condición innegociable que adquirira accións do banco para poder ter a aprobación dunha pequena operación. O porqué?, moi doado, estaba na situación de apuro que o permitía. Coñecedores da merda que custarían esas acción en poucas semanas, colocáronmas porque non tiña máis remedio que acceder. Tíñanme collido polos cataplines. Non perdín todo, pois aínda que pareza moi tonto, non o son a tal punto de prever que ditas accións nunca me rentarían un euro de beneficio, polo que á primeira de cambio vendinas, claro está cunha perda importante, 35% aproximadamente. Bonita comisión duns ladróns que se aproveitan do máis feble. 

 

Un ano máis tarde, eu sigo pagando a falta de previsión, a posible mala xestión de non poñer as ferramentas para estar mellor preparado para un revés non agardado. Sigo pagando xuros de auténtico escándalo. Ninguén me rescata. Sigo recibindo chamadas impertinentes, repetidas, pesadas, raiando a ilegalidade e por suposto sobrepasando calquera ética. Só o que está ou estivo nunha situación semellante, sabe do que falo, da forza moral que hai que ter para poder erguerte ao día seguinte e seguir coa loita cotiá. 

 

Sigo pagando xuros de auténtico escándalo. Ninguén me rescata

 

E que dicir da administración?, esa que cando traballas para ela paga cando lle vén en gaña (no meu caso podo dar fe de facturas non cobradas antes de 200 días)  pero que cando tes un atraso, por exemplo co IVE, ademais de engadir os correspondentes xuros, manda unha carta ao teu provedor dando conta da circunstancia para recadar eles primeiro.  Pensa a administración que se estás con dificultades, unha carta dese estilo favorece á viabilidade da túa empresa?, a resposta é sinxela, mais quen ten a tixola pola man manda e pouco podes facer, porque a eles nada lles importa a túa situación.

 

Non sei canto tempo pasará para poder dicir que eu si pasei a crise, a de verdade, a dos pequenos. Traballo  todos os días para elo, sacando forzas de xa non sei onde e como non, víndome abaixo infinidade de veces…

 

Supoño que o lograrei, por tesón, por rabia ou polo que sexa. Sairei adiante a pesares de pagar unha factura enorme, non xa no económico senón no persoal, no anímico e no familiar.

 

Porque estar na situación de dificultade, sendo pequeno, afecta todos os teus ámbitos. Moitas veces  salpicando os que menos o merecen. 

 

Sen tarxetas black, sen amnistía fiscal, e admitindo que nunca tanto se deu o de “tanto tes, tanto vales”, permitireime o día que me cruce con ese director -(que todo hai que dicilo non é sempre o caso) que gañou puntos a base de poñerme pedras cada vez máis gordas no camiño para ascender nun banco que en meses non existirá- preguntarlle mirándolle fixamente aos ollos se segue con traballo ou está xa na rúa. Chámame o que queiras mais fareino, con total seguridade. 



x