Espero que os lectores e lectoras deste artigo teñan a capacidade para ver nel unha opinión persoal e intransferíbel.

 

Espero que os lectores e lectoras deste artigo teñan a capacidade para ver nel unha opinión persoal e intransferíbel. Pode parecer unha advertencia obvia, pero debo subliñala porque nin pretendo nin desexo que se tomen as miñas análises como a posición oficial dunha determinada opción nacionalista perante a actual conxuntura política na Galiza. Simplemente pretendo exteriorizar a miña perplexidade, o meu desacougo e a miña preocupación constatando certas evidencias por se  axudan a recapacitar algo sobre o que sucede coa forma de facer política en voga ou en moda.

Dise que o espazo político da nación galega é máis amplo que o do nacionalismo, algo obvio que non resolve o dilema: é a análise e a alternativa nacionalista a solución para o país? Sono as das forzas políticas estatais? 

Non vou entrar na teimosía coa que se pretende erradicar siglas, partidos ou organizacións por parte dos que recorren a vender a nova política como unha manifestación espontánea da “xente”, da “cidadanía”. Daría realmente para elaborar un manual sobre o cinismo e a fraude política, alén de constituír unha contribución impagábel á desorganización social e o individualismo, en consonancia co papel dos medios de comunicación, internet e televisión, na articulación e consumo de alternativas políticas de agrado do sistema ou simplemente necesarias para revitalizar o réxime político. Non é esta a cuestión que me vai ocupar e que me preocupa. É un fenómeno de maior gravidade: a proclividade entusiasta a fuxir do nacionalismo como da peste, por parte de algúns que din moverse tamén nestas coordenadas, como se fose unha peaxe a pagar para mereceren a consideración debida ou estar fóra de toda sospeita no emerxente mercado electoral español. A racionalización deste abandono ou renuncia acada o cumio do sofisma político. Dise que o espazo político da nación galega é máis amplo que o do nacionalismo, algo obvio que non resolve o dilema: é a análise e a alternativa nacionalista a solución para o país? Sono as das forzas políticas estatais? Parece fóra de toda dúbida que debilitar o nacionalismo como alternativa política na Galiza contribúe a esvaer a referencia ao pobo galego como suxeito protagonista, reforzando todos os mecanismos de dependencia que sobre el actúan. Neste momento, axúdase así a que o caos ideolóxico avance en detrimento da necesaria visualización dos problemas de Galiza no contexto estatal e internacional, desde unha perspectiva propia, específica. En política non todo vale. Preocúpame que se recorra a sentenciar, nunha cabriola sen fundamento, para maior confusión, que se pode pactar unha alianza electoral con Podemos ou Agora en Común para lograr a independencia de Galiza. Nada menos que con aqueles que están para facela inviábel. É curioso e sintomático que non se argumente coa aspiración a unha república federal, asentada no pacto entre nacións iguais, na liña do que Castelao defendía, alternativa tamén descartada en calquera programa da vella ou nova esquerda española ou europea. Faríamos ben en non abandonar o criterio de os pobos teren que asumir  por si a súa propia redención:  ninguén o vai facer por eles. Mesmo só así poderán condicionar a postura dos máis demócratas e comprensivos no exterior ou na metrópole. Só así poderán atopar alianzas tácticas en beneficio mutuo. Coido que, estando próximo a celebrarse o Día da Patria Galega, temos todos os nacionalistas unha extraordinaria ocasión para aparecermos unidos na reivindicación dos dereitos do pobo galego, nesta conxuntura tan crítica. Isto é o prioritario e o necesario aquí e agora. E debería ter consecuencias políticas e electorais.

Estando próximo a celebrarse o Día da Patria Galega, temos todos os nacionalistas unha extraordinaria ocasión para aparecermos unidos na reivindicación dos dereitos do pobo galego, nesta conxuntura tan crítica

Agora aproxímase a hora da verdade. Lóxica e lexitimamente, as alternativas electorais españolas emerxentes preséntanse como tais para as eleccións xerais, as estatais, deixando a marxe de colocar o colorido rexional como apéndice, ou como subgrupo particular dentro do grupo español en Madrid, no mellor dos casos. Chámame a atención tanta visita dos xefes españois emerxentes, tanta recepción entusiasta aquí, en contraste con tanto silencio, ocultación e clandestinidade do diálogo entre os que se consideran nacionalistas dentro. Das viaxes aos centros de decisión para convencer ou intentar incidir, non vou falar. Non invento nada nin é unha ostentosa manifestación de orgullo si digo que o pobo galego xa probou ter capacidade electoral por si só para contar con representación propia no Congreso dos Deputados desde 1996. Por certo, ben digna, activa e respectábel en todo momento. Haberá unidade interior para agrandala e reforzala, desde o nacionalismo? Quen e por que prefire o confusionismo, a ambigüidade e mesmo a desaparición cando as potencialidades e calidades dan para valernos por nós propios? Sexamos coherentes, lóxicos e actuemos en consecuencia. Quen pode estar interesado en que haxa un Grupo Parlamentar Galego no Congreso? Podemos, IU? Non, só quen sexa nacionalista, se sinta galego/a ou comprenda a necesidade e utilidade de estarmos alí como tal pobo galego. Esta é a única forma de estarmos que garante que podamos participar, se é o caso, de unidades tácticas con outras forzas políticas, a comezar para posibilitar maiorías que sustenten un Goberno alternativo ao actual, sempre desde os nosos intereses como pobo. E quero advertir de que un Grupo Parlamentario Galego non é un grupo de deputados/as eleitos polas provincias galegas que interveñen, de cando en vez, no Congreso para fixar posición ou defender iniciativas sobre Galiza, dentro dun Grupo Parlamentario Español. Iso é o que comezaron a facer o PP e o PSOE desde que viron que a enxurrada nacionalista galega o facía aconsellábel  e ineludíbel. O Grupo Parlamentar Galego significa a presenza de todos os problemas de Galiza, unha perspectiva política galega do Estado e da situación internacional, isto é, análise, definición e centro de decisión aquí, sen subordinacións a ninguén alleo. Urxe, pois, dar pasos concretos para conformar unha candidatura galega, de orientación nacionalista, para as eleccións xerais na que se integren todos e todas as que partillan esta necesidade, apostando por avanzar politicamente, confiando nas propias forzas en primeiro lugar. Chegou a hora da verdade. Coido que é unha boa oportunidade para reforzar a nosa capacidade de decisión, para desbotar o confusionismo, as aparencias de curto percorrido e para, sen ostentación absurda ou sectaria, mais sen vergoñenta renuncia, defender a necesidade do nacionalismo para Galiza, como algo vital.