Á vista da eclosión social e política que o proceso independentista xerou na Catalunya, e as reaccións, con todos os seus matices e diferenzas, habidas no resto do Estado, é pertinente e necesario facer algunhas reflexións para deitar luz sobre o que significa o nacionalismo. É esta unha cavilación que pode axudarnos a desenmascarar, no combate dialéctico e ideolóxico, os discursos cheos de tautoloxías, contradicións, manipulacións, inversións da realidade e mentiras, que os aparellos de poder estatais e privados españois levan a cabo, no seu paroxismo de intoxicación do pobo. A forma de proceder a este nivel é a característica dun Estado que mantén unha vocación imperialista, claramente proxectada para o seu interior, e loxicamente proclive a un deseño do mundo hierarquizado, imperial, coa debida obediencia aos seus amos, no exterior. A súa subordinación, obediencia e servilismo aos USA e aos que mandan na UE corre parella á intolerancia, negación, prepotencia e desconsideración que emprega para domar e manter sometidos aos que, no seu interior, pretendan ser simplemente o que son, un pobo, unha nación que non se sente representada nin amparada por ese Estado. 

 

O problema que ten España é que, gústelle ou non, non hai un só pobo nin unha soia nación, diga o que dixer a súa sacra e dogmática Constitución. Aferrarse á idea, facéndoa valer coa forza da represión xudicial, policial, económica, social e política, de que somos todos pobo español, e que un galego ou un catalán son só españois que viven na Galiza ou en Cataluña, pode valer para seguir mantendo o dominio e a opresión indigna de outros, mentres o aceiten con resignación. Simplemente non vale, cando ese pobo toma conciencia de que ten dereito a vivir en liberdade e rexerse por si mesmo, sen imposición nin subordinación a outro, ou cando simplemente desexa expresar libremente o que quere para si mesmo, isto é, cando actúa con vontade política propia. Velaí a cuestión que non se aceita. Semellante negación da realidade, dunha evidencia que se asenta na raíz da concepción democrática da política, o dereito dos pobos a se expresar libremente, convértena nun atentado contra, non xa a lei, senón contra a democracia. Actúa esta así como unha maquinaria represiva desaforada, coa invocación dunha legalidade que, alén de se usar como a plastilina cando convén, amosa tantos tics autoritarios e ameazantes que a evidencian como unha simple lexitimación dun statu quo que impide calquera mudanza cualitativa dentro dela. 

 

O problema que ten España é que, gústelle ou non, non hai un só pobo nin unha soia nación, diga o que dixer a súa sacra e dogmática Constitución

 

O pobo catalán recorreu á procura da independencia, dun Estado propio, após percorrer todas as vías para atopar un encaixe algo igualitario en España: a tramitación política do Estatut votado polo Parlament, peneirado xa abusivamente polo Congreso dos Deputados, votado en referendo polo pobo catalán, todo iso dentro da legalidade, non foi suficiente para, a instancia do PP, nada menos que o Tribunal Constitucional de España peneiralo máis, cunha interpretación que o facía inservíbel. Isto é, un Tribunal, constituído con parcialidade notoria, a petición de parte, tumba unha lei fundamental mesmo após ser ratificada nas urnas polo seu lexítimo e legal destinatario: o pobo catalán. Mírese como se mire, interprétese como se interprete, aquí a democracia só existe se é a gusto do que manda. E ten un nome, a España unha, patria común e indivisíbel de todos os españois que representa, con legalidade ad hoc, o Estado español  e os seus poderes coercitivos de todo tipo, públicos e privados. Fóra dela, non pode permitir ningunha vontade política máis, ningún suxeito político máis, ningún pobo diferente… Esa é a esencia do imperio, manda, ordena, sanciona, lexitima e legaliza... Os outros teñen dereito a unha existencia limitada ao simple desempeño de funcións delegadas, dentro do deseño imperial da obediencia debida. Como se está a ver, non outra cousa é a autonomía no Estado español, aínda tratándose do seu grao de realización máis avanzada, o de Catalunya. Que podemos dicir da nosa, cativa por orixe e raquítica por falta da mínima vontade de desenvolvela mesmo nas súas posibilidades de funcións delegadas, pois a acusada mentalidade colonizada dos nosos gobernantes, inxectada en grande parte do pobo, consiste en educarnos na submisión e nunha suposta incapacidade para valernos por nós? Xa outros se ocuparán do noso, naturalmente para proveito seu. 

 

Esa é a esencia do imperio, manda, ordena, sanciona, lexitima e legaliza... Os outros teñen dereito a unha existencia limitada ao simple desempeño de funcións delegadas

 

Tócanos entón entrar na fariña ideolóxica, moi importante, pois forma parte do enredo, e do combate, por suposto. Repítese en boca de pretensos progresistas, acollida con entusiasmo tamén no pregón da caverna mediática, a idea de o nacionalismo ser a guerra, o fanatismo, o racismo e o odio. É o recurso a unha descarada inversión da realidade histórica e á desfiguración do significado dos movementos socio-políticos. Para semellante potaxe, identifícase o nacionalismo dos pobos sen Estado, como o catalán, nada menos que co imperialismo da Alemaña nazi, ao que se denomina tamén nacionalismo. Deste xeito, aparece identificada a tese coa antítese. Isto é, un aparello de poder esmagador, con Estado expansivo, con todos os poderes agresivos e absolutos de que goza, para imporse aos demais ou entrar en conflito con eles para esmagalos e sometelos, con un movemento social e popular dunha nación sen Estado e sen pretensión expansiva, que o único que persegue é querer expresar en liberdade o que desexa para o seu futuro. O primeiro debe chamarse imperialismo, o segundo nacionalismo estrito senso. Non é o nacionalismo español o que se está expresando a través da promoción e exhibición da bandeira española como pauliña e ameaza contra Cataluña, para intimidala e acovardala. Non, é a expresión dunha mentalidade e dunha agresividade imperiais contra o que non é igual, contra o diferente que aspira a ser realmente existente. Fano desde unha posición de forza que recorre á policía, á garda civil, aos aparatos xudiciais, ás empresas, aos embargos, ás multas, ao cárcere, á persecución de todo tipo, e se fai falta, ao exército, por mandato da legalidade constitucional, para obrigalos a entrar polo funil, a someterse. Agora que xa hai presos por defender, pacificamente, o dereito do pobo catalán a expresarse en liberdade, resulta cómico, se non for tráxico, o recurso ao xogo de palabras para negar as evidencias. Non hai presos políticos, din. Hai políticos presos, sentencian. Qué enxeño! Seguindo o guión enxeñoso, podemos concluír: logo se hai políticos presos por defender as súas ideas pacificamente, hai presos políticos. Dun conflito político se trata. E nada menos, que elemental en termos democráticos: o dereito a expresar unha vontade política por parte non xa dunha ou varias persoas, senón dun pobo, dunha nación que, queiran ou non, existe. Digan o que digan os seus sacros, reverenciados e dogmáticos papeis legais, que, ademais, deixan de selo cando convén e para o que lles convén. 

 

Non hai presos políticos, din. Hai políticos presos, sentencian. Qué enxeño! Seguindo o guión enxeñoso, podemos concluír: logo se hai políticos presos por defender as súas ideas pacificamente, hai presos políticos

 

Seguindo tácticas de inconfundíbel tufo imperial, mesmo puidemos comprobar como a estratexia de control sobre unha Catalunya díscola consistiu en cercala por mar, cos efectivos policiais e militares en barcos, atracados nos seus portos, por terra, situándoos na súa fronteira, e por ar, cos consabidos helicópteros vixiando desde o ceo, por falarmos do que é público e notorio. É dicir, un acoso de proximidade para actuar con rapidez e urxencia no seu interior, nos momentos de necesidade, alén dos dispositivos represivos que estabeleceron no seu territorio actuando en funcións que, competencialmente, estaban reservadas aos Mossos d´esquadra. Non faltou nin a invasión de españois desde fóra para animar os de dentro a manifestarse coa bandeira imperial, polas rúas da capital catalá, promovidos, alentados e excitados polas autoridades do Estado e todos os medios de comunicación ao seu servizo. Sería bo preguntarlle ao Goberno quen organizou esta invasión na que se contou coa colaboración entusiasta de Renfe e das compañías de transporte por estrada, reforzando servizos e dispóndose a prestalos de forma extraordinaria. Cal foi o prezo dos billetes e quen os pagou? Non se tolera o atrevemento de querer ser libres, pois no dominio sobre outros de dentro está unha das razóns de ser da concepción de España. Hai que forzalos a entrar, como  estabelecían os dogmas imperiais, de xustificación relixiosa, da colonización de América referíndose aos indios. 

 

Non debe estrañar que para quen ten conciencia de ser diferente a bandeira de España non nos represente, e aos que teñen unha certa conciencia crítica da experiencia histórica non lles acabe de gustar. E mira que recorren a trécolas de todo tipo para facela asumíbel, especialmente a través das actividades deportivas…mais sempre acaba aparecendo o seu rostro real. Unha bandeira que trae malas lembranzas e representa unha vocación reaccionaria, agresiva, opresiva, en momentos críticos, contra toda mudanza realmente democrática e a favor das clases populares, dos pobos… Por moito que importantes sectores do pobo caian enredados nun hipnotismo televisivo e gobernamental, que os adormece facéndoos crer que os seus opresores son os seus salvadores, e que todos os males que padecen teñen por causa a rebelión catalá… No caso galego, hipnotismo tanto e máis deformador, esperpéntico e suicida canto nos fai verdadeiros comparsas dun deseño español que, alén de nos converter en caricaturas, provoca a maioría dos males que padecemos como pobo: emigración, roubo dos nosos recursos financeiros, das nosas materias primas, envellecemento, regresión demográfica, falta de agricultura, deterioro e retroceso da nosa lingua e cultura… Non hai máis que ver a expresión suprema desta caricatura, aínda enriba insolente, o presidente da Xunta, o Sr. Feixóo, o colonizado colonizador, que presume de obediente e de que nos vai óptimo no deseño español, mentres afirma sen rubor, perante calquera dos problemas que debe resolver, que non ten competencias para facelo… Está claro que a súa función é afondar a idea de o pobo galego non poder nin valer por se mesmo e que o seu estado natural é deixar que outros pensen por el e o conduzan como un rabaño de ovellas a un desastre que, a cada paso, se evidencia de forma máis clamorosa… Vainos ben así, prezados e prezadas compatriotas?

 

Non hai máis que ver a expresión suprema desta caricatura, aínda enriba insolente, o presidente da Xunta, o Sr. Feixóo, o colonizado colonizador

 

Entón, clarifiquemos os nosos conceptos. Resulta confuso e non se adecúa á realidade (por iso é usado así por todos os que queren confundir) falar de nacionalismo español, cando é imperialismo, españolismo, centralismo, xenofobia, coa mesma denominación que se dá ao nacionalismo catalán, vasco ou galego, como se fosen galos de pelexa confrontados. Simplemente, o primeiro é expresión ofensiva, de control e opresión de outros. O segundo é manifestación de ansia de liberdade, puramente defensiva, mesmo de aspiración a poder existir simplemente, como existen os demais. É unha proba de sectarismo e de miseria intelectual falar dos nacionalismos das nacións sen Estado como se foren os causantes das guerras ou facendo similitudes co nazismo. Xustamente, son os Estados imperialistas os que as causan co seu expansionismo, o seu afán de dominio e a súa intolerancia: non outra cousa foron a primeira e a segunda grande guerra europea, senón confrontación entre Estados imperialistas…Os pobos que aspiraron ou aspiran á liberdade foron vítimas de dura represión por parte dos Estados imperialistas que negaban o seu dereito a seren libres… Non foi Irlanda quen provocou a primeira grande guerra, foi realmente un pobo mártir, que gañou a súa liberdade a pulso contra Grande Bretaña. Non foron Polonia, Finlandia ou Noruega as que torturaron a Rusia, Suecia ou Dinamarca, senón as que deberon combater para simplemente seren elas mesmas e non colonias… No caso do Estado español, o nacionalismo, catalán, vasco ou galego, malia as súas diferente composición, entidade e estratexia, sempre foron factores de mudanza para mellor, de democratización, de respecto polo pluralismo e pola diferenza, e de antifascismo. Non hai máis que ver o sucedido na España da primeira Restauración borbónica, na España da Ditadura de Primo de Rivera, a II República, o franquismo e esta segunda Restauración Borbónica na que estamos inmersos, para comprobalo. Foi sempre a antítese dun Estado que, como dicía Castelao, está sustentado en tres piares básicos: o capitalismo, o clericalismo e o imperialismo. Entón como hoxe.

 



x