Necesitamos falar de nós, construírmos  unha imaxe, tamén  cinematográfica, do noso mundo, o mundo galego, un anaco de humanidade con dereito a expresarse en plenitude. 

 
Necesitamos falar de nós, construírmos  unha imaxe, tamén  cinematográfica, do noso mundo, o mundo galego, un anaco de humanidade con dereito a expresarse en plenitude.  Desta necesidade proveñen os mellores logros artísticos cos que temos contribuído como pobo no campo da literatura, por exemplo. A esmorga de Blanco Amor, publicada en 1959 pola editorial Citania de Buenos Aires, é un deses logros, significativo por moitas razóns. Gustaría de subliñar un dos seus aspectos centrais, a forza motriz que a orixinou. Ten moito a ver co noso papel pasado e actual como pobo, coa emigración como fuxida e coa reintegración real ou soñada desde a distancia. Tamén co tipo de sociedade que somos: unha sociedade implícita e explicitamente opresiva, sometida a fortes doses de violencia. E como non, como todo pobo negado ou desprezado, moi necesitados de cronistas que, desde dentro, sexan quen de facer aboiar a nosa verdadeira historia, aquela que as crónicas oficiais ignoran ou desprezan  a mantenta. 

Quero dicir que Blanco Amor escribiu A esmorga como un exercicio de simbiose entre a súa conciencia da opresiva  violencia padecida polas clases populares galegas, o medo perante ela, que o incitou á fuxida a entón modernidade cosmopolita de alén mar, como saída e, ao cabo, a asunción da necesidade de regreso ao país para non ser un desterrado, sen integración tampouco fóra. Non é este o noso drama colectivo? A esmorga é o produto dunha catarse persoal, unha preparación para a volta á patria, asumíndoa na súa dureza colonial. Dicía Xosé Luís Gavilanes Laso (Grial, nº 69, 1980): “…o leitor experimenta a sensación perdurable de que quenes representan o poder exérceno en calidade de achegados frente a indefensos indíxenas, nunha especie de sometimento colonial”.  E tiña razón, por máis que se intentase reducir, no momento da súa edición na Galiza (Galaxia, 1970) a mera arte de entretemento  e xogo, troula retranqueira, ledicia, humor….picaresca.

A Esmorga é o produto dunha catarse persoal, unha preparación para a volta á patria, asumíndoa na súa dureza colonial

Por desgraza, non casual nun  contexto como o noso, A esmorga, na versión en español do propio autor, La Parranda (Júcar, 1973) acabou sendo adaptada ao cine baixo a dirección de Gonzalo Suárez en 1977. As limitacións obxectivas da nosa realidade cultural e social, as miserias económicas que padecía Blanco Amor, as súas contradicións persoais, reforzadas polos factores devanditos, axudan a explicar o feito.  Porén, Eloi Lozano, cineasta galego entón mozo, adaptara A esmorga nun guión que contaba co placet de Blanco Amor. Lamentabelmente, cando quixo formalizar o trato, Eduardo xa vendera os dereitos de adaptación ao cinema a uns laranxeiros valencianos. Así foi como acabou por realizar o filme Gonzalo Suárez. Durante a rodaxe en Asturias, Blanco Amor xa exteriorizaba o seu desacordo, a súa insatisfacción. Consideraba “trangalleiros” a uns artífices cinematográficos que nin o tomaban en consideración. Era consciente de que o espírito, a intención, d´A esmorga só podía ser reflectido por coñecedores da nosa sociedade. Aquela adaptación cinematográfica comezou por desconsiderar tanto a atmosfera empírica como a económico-social e psicolóxico-cultural da novela. Ficou malamente coa anécdota. O filme acabou sendo unha traxedia estraña... 

Afortunadamente, agora temos a proba da diferenza. En certa maneira, cúmprese un soño de Blanco Amor, expresado após o fiasco de La Parranda española: unha  adaptación cinematográfica d´A esmorga cun guión en galego que respecta o seu espírito e a súa intencionalidade, rodada na Galiza, coa equipa técnica e artística do país. O seu director e produtor é Ignacio Vilar, un home empeñado en demostrar que pode haber unha industria cinematográfica galega, filmes orixinais na nosa lingua, imaxe de nós, fundamentados na nosa base cultural, na nosa historia , na nosa realidade, e por iso con potencialidade para saíren ao exterior. O empeño aspira, primeiro,  á conquista da sociedade propia, na potenciación do mercado interior. Nada pode triunfar de verdade fóra, se non é asumido masivamente dentro. Un cinema galego só é posíbel co compromiso e a vontade da propia sociedade. Os precedentes eran esperanzadores. Ignacio Vilar tivo sempre clara a función social e cultural da imaxe, como elemento chave para dotarnos de conciencia sobre nós propios. Os seus dous últimos  filmes, con virtudes (Pradolongo) e defectos (Vilamor), tiñan a pegada do amor polo país, unha intencionalidade didáctica positiva. Foron, ademais, experiencias incisivas na procura de públicos, na conquista de espectadores, no compromiso da  participación popular  para o lanzamento publicitario. E con resultados. A Esmorga é un salto cualitativo no seu cinema e no cinema galego en xeral.  Desde todos os puntos de vista: técnico, artístico, económico, publicitario…É de esperar que o sexa tamén do punto de vista do impacto social, dos espectadores que acudan ás salas de cine espalladas por todas as cidades e vilas do país. En todas elas estréase hoxe, 21 de novembro de 2014, marcando un fito tamén na recuperación territorial do cinema da man dunha fita orixinal galega.

Cúmprese un soño de Blanco Amor, expresado após o fiasco de La Parranda española: unha  adaptación cinematográfica d´A esmorga cun guión en galego que respecta o seu espírito e a súa intencionalidade

A esmorga cinematográfica, como toda adaptación dunha novela, moito máis se é de envergadura, é unha escolla, unha visión.  Porén, podemos dicir que a opción escollida respecta o sentido, a intención básica, do texto literario. Están todos os espazos simbólicos do percorrido, aparecen os personaxes principais e os secundarios, a súa caracterización e a súa función, transmítese o ambiente meteorolóxico, o psico-social , o ideolóxico e o moral. E, poderosa novidade –un dos maiores valores do filme-, a imaxe dunha natureza impresionante e dun patrimonio histórico asombroso, que a cámara recrea coa habelencia da maior apertura de mirada e a sabia incardinación dos seres humanos neles, formando unha unidade visual sorprendente. Vemos un país exuberante, rico, á vez que decadente, vello e desestruturado, fragmentado socialmente. Tendo  presente o descoñecemento da Galiza polos propios galegos, moitos espectadores, en especial mozos, ficarán sorprendidos coa atmosfera natural, patrimonial, do filme, coa súa forza expresiva, como elemento complementario decisivo, que dá cobertura e coherencia ambiental  á historia que se desenvolve perante os seus ollos. 

A esmorga cinematográfica demostra moita capacidade técnica e artística, moito empeño e convicción por unha causa, a de contarmos con cinema galego

Máis concretamente, a  opción do director foi privilexiar o aspecto lineal da narrativa, o climax in crescendo para chegar á traxedia final, o ambiente dos espazos en que se desenvolve, a caracterización dos personaxes, a partir das súas relacións entre eles e coa sociedade. Ademais, desenvolveu  un aspecto que na novela é marxinal ou está máis relativizado, o da natureza, o do medio rural, que parece cercar con persistencia a imaxe de rueiros, calexas  e prazas, e espazos interiores –cafés, prostíbulo, pazos, igrexa…-, converténdose en parte fundamental do percorrido de 24 horas. De feito, a parte final, a traxedia inexorábel, está enfiada en paralelo cun río desbordado, o Arenteiro, nun medio natural  de bosque autóctono, con moitas pegadas de humanización. A expresión do rostro do Castizo, co caudaloso  río ao fondo, é un primeiro plano antolóxico. Expresa unha  mestura de impotencia, indefensión, tristura  e pánico, perante a implacábel persecución a que se ve sometido pola garda civil, como único supervivente, e a imposibilidade de fuxida, cercado entre a represión do poder e o abafante poder da natureza, a dun río desbordado. Con esta imaxe para a lembranza acaba o filme. A seguir, as palabras con fondo negro, do autor-narrador, para daren conta de cal foi tamén o final do Castizo, literalmente reproducidas da novela.

A Esmorga é un salto cualitativo no cinema de  e no cinema galego en xeral.  Desde todos os puntos de vista: técnico, artístico, económico, publicitario…

Após o devandito, quen lese A esmorga xa intúe  que o filme optou por non romper o fío narrativo, a historia tal e como foi vivida, contada polo Castizo, como se for presente,  antes que vela nunha retrospectiva que a  marcase, rompese, visualmente, cinematograficamente, con personaxes, institucións ou espazos, alleos a ela, malia a determinaren ou condicionaren, por representaren aspectos fundamentais da opresión e represión que se exerce sobre a sociedade galega. O recurso a esta dualidade da novela, a esta estrutura complexa, é moi lene, moi suave (a escena inicial, a simple voz do Castizo dirixíndose ao xuíz, as palabras finais escritas do autor-narrador…) , tanto que non teño claro que os espectadores, que non lesen A esmorga, se vaian decatar plenamente dela, do seu significado. De non decatárense, hai máis posibilidades de que interpreten o visto como unha traxedia fatídica, ou como a historia, dura iso si,  duns esmorgantes marxinais, sen maior simbolismo. Certamente, de intentar recoller cinematograficamente a complexidade estrutural da novela, as posibilidades de non lograr a coherencia visual e narrativa que o filme ten, serían maiores. Parece como se o esforzo, enorme, posto ao servizo de cómo contar o sucedido, desbotase maiores filigranas. Sen ir máis lonxe, o plano secuencia final que remata nas minas de Touro, un monte de inmundicia, onde malvive a pobre Socorrito, demostra a experimentación que se fixo para seguir aos actores, eles tamén sabedores de que estaban sendo acompañados, e polo tanto determinando, a forma de contar o que vivían. Porque, como bo cinema, A esmorga entra polos ollos, evidenciando unha liberdade da cámara, á vez que un servizo ao que os personaxes fan, que resulta unha combinatoria orixinal, rechamante. 

Por último, sabemos que a novela de Blanco Amor non se escribiu para denunciar a opresión do franquismo. Foi redixida en Buenos Aires despois de 1954, como exercicio de preparación para un posíbel e cada vez máis desexado regreso ao país. Naturalmente, ambientouna na sociedade finisecular, a transición entre o XIX e o XX, a etapa da Restauración, en parte a Galiza por el vivida antes de se ir con 19 anos. Unha Galiza, que tiña, e ten, poderosos resortes de opresión e violencia sobre si mesma, de dominio. Esta adaptación cinematográfica ambiéntase no franquismo, anos cincuenta, se ben é certo que as referencias verbais son escasas. Sería mágoa que se puidese pensar  que a atmosfera social que transmite e o que a traxedia evidencia sexan características da etapa franquista. A intención de Blanco Amor tiña maior calado. A adaptación fílmica, afortunadamente,  tamén. Mesmo estou por asegurar que, aquí, e aínda máis fóra, van ver no filme a expresión, á marxe da súa  ambientación, dunha modernidade  caracterizada pola impotencia, violencia, brutalidade e desgarro a que están sometidos moitos sectores sociais, nun contexto no que todo xoga en contra dunha posíbel integración económica e social, incluída a problemática dunha sexualidade heterodoxa.

 Porque, como bo cinema, A esmorga entra polos ollos, evidenciando unha liberdade da cámara, á vez que un servizo ao que os personaxes fan, que resulta unha combinatoria orixinal, rechamante. 

Espero que, após estas cavilacións, teñades  máis razóns para ver A esmorga con dilixencia e facendo campaña ao seu favor, con toda seguridade. Trátase de nós, da imaxe que necesitamos, da nosa existencia perante nós mesmos e perante o mundo. Significa avanzar camiño dunha sociedade con plenitude de dereitos.  A esmorga cinematográfica é un salto espectacular que demostra moita capacidade técnica e artística, moito empeño e convicción por unha causa, a de contarmos con cinema galego. É de xustiza agradecer ese esforzo colectivo, que unha fita é, na persoa do seu director, Ignacio Vilar. Sen a súa perseveranza, entrega, convición e fortaleza de ánimo,  sen a súa capacidade como director, sería inexplicábel.  Tratándose dunha necesidade vital para Galiza, estou certo de que a sociedade galega  consciente vai responder coa asistencia masiva aos cines onde se exhibe. Nas nosas mans está, neste como en tantos outros campos, facernos cargo de nós mesmos e do noso futuro.