Estamos vivindo unha época de caos organizado.

 

Estamos vivindo unha época de caos organizado. Un dos elementos claves para este caos organizado perdurar e avanzar é contribuír á confusión, de forma premeditada por intereses que non se enuncian con claridade, ou por simple non querer ver, pois é máis cómodo adaptarse ao aparente ou de moda, por máis que no resolva nada, unha forma de irresponsabilidade tranquilizadora. Sexa como for, malia o que se poda pensar, a honestidade e a claridade en política, nos obxectivos que se perseguen e na análise da realidade, son hoxe en día máis necesarias do que nunca. Por iso, voume permitir formular algunhas cuestións decorrentes das distintas propostas de unidade que se están formulando en relación co obxectivo, dise que compartido, de lograrmos un Grupo Parlamentar Galego no Congreso.

Comezarei por constatar algunhas obviedades. Até hoxe todos os grupos parlamentares existentes no Congreso, que non representaban alternativas de ámbito estatal, foron confesionalmente nacionalistas: o Grupo Parlamentar Catalán, o Grupo Parlamentar Vasco, o Grupo de Esquerra Republicana e o grupo de Coalición Canaria. Mesmo no Grupo Parlamentar Mixto foron normalmente  maioritarias as forzas políticas nacionalistas, e nalgún caso, de forma transitoria ou esporádica, rexionalistas, por non contaren cos requisitos regulamentares para formar grupo propio, mantendo dentro del cada unha a súa independencia, voz propia e un reparto proporcional á súa representatividade de tempos, espazo e medios: os casos máis rechamantes foron os de EA, BNG e Amaiur. Haberá que lembrar como ao BNG, nunha ocasión, lexislatura 2000-2004, e a Amaiur, na actual lexislatura, en condicións similares ou mesmo máis acorde coas esixencias do  Regulamento que CC, a MESA do Congreso negoulles a posibilidade de formar  grupo propio, unha discriminación indicativa da falta de ponderación democrática e do nulo respecto polo pluralismo político. Parece, pois, que a representación xenuína, asumida como tal, de nacións como Catalunya, Euskadi ou Galiza chegou, antes ou despois, ao Congreso a través de voces e alternativas nacionalistas, aquelas que responden á  vontade política de pobos  que non se resignan a desaparecer baixo o xentilicio español, que caracteriza ou ampara as forzas de ámbito estatal. Tamén parece lóxico pensar que, en principio, o  marco nacional respectivo condiciona os contidos, as análises programáticas, e as propostas, mesmo en perspectiva estatal, europea e internacional, das forzas políticas que o teñen como o seu centro de actuación, da mesma maneira que o marco estatal, español, condiciona as que o lexitiman e o teñen como unha unidade xerarquizada (España, nación única, patria común e indivisíbel de todos os españois, co seu aparato de Estado). Por iso, falar de unidade popular sen máis non deixa de ser unha abstracción que, para o caso galego, só contribúe á nosa subordinación a estratexias que non están deseñadas, nin serán executadas, para serviren en exclusiva ás clases populares de Galiza. Máis ben, serven para engrosar estratexias partidarias de ámbito estatal, que non están polo labor de que o pobo galego sexa dono dos seus destinos, nin sequera  que poda aspirar a definir as súas necesidades e obxectivos por si mesmo. 

"Fai falta unidade, si, pero entre as distintas organizacións galegas, sen interferencias alleas, a unidade dos de dentro do país, a do pobo galego"

Fai falta unidade, si, pero entre as distintas organizacións galegas, sen interferencias alleas, a unidade dos de dentro do país, a do pobo galego, de forma urxente e prioritaria, moito máis polas condicións críticas (demográficas, económicas, sociais, culturais, lingüísticas, ecolóxicas…), xa de vello, non por mor da denominada crise económica actual, que, segundo parece, a todos nos alarman. Imposíbel é explicalas se non temos presente a nosa secular dependencia de España e a máis recente política da UE. É unha inxenuidade, ou unha trapela interesada, argumentar que, primeiro hai que democratizar o Estado español, e logo, xa por concesión graciosa, chegará a liberación dos nosos males. Ningunha dependencia, ningunha xerarquía desigual, se muda se quen a padece non é protagonista consciente e define obxectivos para lograr esa mudanza. Precisamente, mesmo unha unidade entre iguais esixe que as partes que a conforman teñan capacidade de valerse por si, dialogaren e acordaren en beneficio de todos. Hai reticencias a considerar nacionalista unha candidatura que persegue o logro dun Grupo Parlamentar Galego no Congreso. Nótase nalgúns nacionalistas, como consecuencia da hostilidade que a ideoloxía dominante e os poderes fácticos veñen exercendo contra o nacionalismo. Porén tamén hai quen ve nesa reticencia unha forma de facilitar a confluencia orgánica coa esquerda española. Naturalmente, non se lle poden pedir peras ao olmo. Non se lle pode pedir á esquerda española que, de boa fe, apoie a consecución dun verdadeiro Grupo Parlamentar Galego no Congreso, porque semellante obxectivo só ten lóxica desde a perspectiva inequívoca de o pobo galego existir como suxeito de soberanía. E este o seu obxectivo? Imaxino que todos teremos claro que non. Velaí por que dixemos que a unidade non é un valor en si mesmo. Hai que concretala en termos de nación e clases, incardinala no  contexto, nas circunstancias: a unidade de quen (o pobo ou as clases populares galegas) e para que (non só a consecución do Grupo Parlamentar Galego no Congreso, senón tamén a ampliación do movemento social que sustenta as demandas, a curto, medio e longo prazo, que Galiza ten que enunciar). Estamos a falar de mellorar, favorecer, ampliar a autoorganización do pobo galego. Se temos o pobo galego como eixo prioritario da nosa actuación, se nos esforzamos para expresar, facer ouvir, unha vontade política propia en todos os aspectos, estaremos perante unha natural, lexítima e necesaria alternativa galega, nacionalista, sexa de forma explícita ou implícita.

"A unidade non é un valor en si mesmo. Hai que concretala en termos de nación e clases"

No balbordo mediático, parece como se a única cuestión en causa, para lograr a devecida candidatura de unidade, fose a desaparición de siglas partidarias ou a orde das mesmas. Está claro que, no campo nacionalista, non se fai causa de nada disto. Outra cousa é que os partidos da esquerda estatal, e quen pretende defender a súa integración neste movemento como tais, teñan claro que non van prescindir da súa marca, malia estaren dispostos a adobiala con algún aditamento  enxebre, nun caso, ou aspiren a un totum revolutum que conduza, ao final, a un grupo parlamentar único de ámbito estatal,  á esquerda do PSOE. En todo caso, o problema non é como se vai chamar a candidatura. O problema crucial vai ser con que programa se vai presentar, sobre que análises se vai fundamentar, alén de garantir a súa soberanía e independencia ao servizo exclusivo do pobo galego, como xa dixemos. Sería unha irresponsabilidade  que se obviase unha posición clara respecto da incardinación, a función, de Galiza no Estado español e mesmo que se escamotease unha posición de oposición frontal as consecuencias da política da UE. No primeiro caso, non pode haber dúbidas sobre o esgotamento e a inadecuación, a fraude, do Estado das autonomías, optando por saídas soberanistas, en calquera debate sobre a cuestión. No segundo, actuando sempre desde o criterio, cando menos, de esta UE non nos valer. A dependencia de Galiza, a súa falta de soberanía, é un problema fulcral, para explicar o seu deterioro económico, social, cultural e lingüístico. Se examinamos os problemas do sector lácteo, os do sector naval, o das pensións, o da insuficiencia do financiamento autonómico, a emigración, o retroceso demográfico, a carencia de policía de tráfico e de seguridade, a inadecuación do noso sistema educativo, o retroceso nos usos da nosa lingua e o seu desprezo, o espolio enerxético e financeiro…atoparemos sempre a dependencia, a subordinación, a falta de capacidade para decidir sobre nós propios. Certamente un problema estrutural de semellante calado non vai ser solucionado só coa conquista dun Grupo Parlamentar Galego no Congreso de España. Simplemente será un instrumento máis, nunha conxuntura especialmente difícil e hostil. Mesmo a súa utilidade será maior ou menor na medida en que medre ou non a autoorganización do pobo  galego, en todos os niveis e aspectos, e a súa conciencia sobre a súa propia existencia e os seus dereitos.

"Non nos deixemos arrastrar polo individualismo e o personalismo. Tomemos decisións democráticas, con grande participación colectiva"

Animo, pois, á unidade a favor do pobo galego, que tanto a necesita. Pronunciémonos con claridade e honestidade sobre esta cuestión. Manteñamos entusiasmo no logro do obxectivo, sen banalizalo, como se dunha cuestión aparente se tratar, reducíndoo a unha cuestión puramente electoral momentánea, sen horizonte. Non nos deixemos arrastrar polo individualismo e o personalismo. Tomemos decisións democráticas, con grande participación colectiva, con coñecemento de causa e colaboremos a engrosar o movemento por abaixo. Podo entender a participación na consecución deste obxectivo de quen pertenza a unha organización da esquerda estatal se xoga con honestidade, asumindo que non se trata dunha operación cosmética que agocha a intención de reconducila ao campo sucursalista, grazas á calculada ambigüidade dalgúns dos seus promotores, ou por decisión persoal de quen, acadando actas de deputado ou deputada, polo esforzo colectivo dun importante sector do pobo galego, se sinta tentado a unha confluencia orgánica parlamentar en nome da unidade da esquerda.

Coido que fican enunciados os problemas, en liñas xerais. Eles mesmos indican as solucións. Nun momento final do debate en Conxo o día 23 de agosto para redactar o documento político, alguén se aproximou e me preguntou: E logo alguén dubida que exista o pobo galego como suxeito político?. Respondín, dubitativo, que había problemas por iso. Con aceno contundente, o compañeiro espetoume: “Estamos aquí porque hai pobo galego, senón non estaríamos”.
 



x