Estamos vivindo unha situación tan inesperada como chea de potencialidades diverxentes para o futuro

 

Estamos vivindo unha situación tan inesperada como chea de potencialidades diverxentes para o futuro. Grecia vai celebrar un referendo para ver se o pobo grego aceita ou non o receitario de austeridade que a Comisión Europea, o Banco Central Europeo e o FMI queren seguirlle impondo. A xustificación preséntase como algo inherente ao sentido común: hai que devolver o diñeiro prestado; non se pode gastar por enriba do que se ten ou ingresa. O que nunca se di é por que o prestamista prestou con tal descontrol, para que e a quen, e con que xuros, para discernirmos o que é lexítimo do que resulta ilexítimo e abusivo. Nunca se fala da posibilidade de aumentar os ingresos mellorando a produción, coa creación de empresas e postos de traballo. Tampouco se permite analizar se, recortando pensións e salarios, e reducindo dereitos sociais, especialmente en educación e sanidade, se está apostando por unha saída da crise a favor da maioría social. Non é de estrañar que dous premios Nobel USA, Krugman e Stiglitz, sen saíren da súa concepción keynesiana, teñan alzado a súa voz a favor do non ás terapias da UE para Grecia no referendo convocado polo Goberno de Tsipras para o día 5 de xullo. Sen dúbida, a intolerancia da UE cos díscolos á súa política económica é radical, abafante. E o goberno de Tsipras, polo menos na escenificación da negociación, foi ou pretendeu ser díscolo. Era de máis o que tiña que tragar sen grave quebranto da súa palabra, e consciente das secuelas de maior empobrecemento e sufrimento para a sociedade grega.

Todos os días comprobamos con que descaro se fai unha ecuación aberrante e absorbente UE=Europa. Realmente somos europeos, esteamos ou non dentro da UE, desde Fisterra aos Urais

Entramos, entón, noutro aspecto da cuestión. O recurso ao referendo, coa defensa do non incluída, é só, como di o primeiro ministro, unha forma de reforzar a súa posición negociadora fronte á intolerancia de Bruxelas? Busca exclusivamente reforzar o rexeitamento do pacote de medidas da UE, cunha maioría social, expresada nas urnas, detrás?  Se é así, pero non ten na recámara claramente a opción de saír do euro e mesmo da UE, sería un recurso excesivamente tacticista, electoral e fráxil. Pode acabar volvéndose en contra. Ben porque gañe o si, como consecuencia de toda a artillaría mediática e a presión tanxíbel das mans alongadas da UE na Grecia, e da propia vontade expresa de Tsipras de seguir na zona euro. Ben porque, ao cabo, a única saída lóxica, coherente, para dotarse de soberanía e poder apostar por outra política, perante unha cativa modificación das condicións nunha hipotética nova negociación, sería a saída do euro e da UE. Chegamos así á cuestión clave, moi relacionada con sociedades como a nosa, a galega. Todos os días comprobamos con que descaro se fai unha ecuación aberrante e absorbente UE=Europa. Realmente somos europeos, esteamos ou non dentro da UE, desde Fisterra aos Urais. Grecia sairía da UE, pero seguiría sendo Europa. Existe vida fóra da UE e as posibilidades, gozando de soberanía política, incluído o control da política monetaria, se abren até un extremo inaudito de relacións multipolares para un país de pouco máis de 10 millóns de habitantes. A que temer, máis aló das lóxicas dificultades, sobre todo iniciais, do punto de partida? Para a maioría social nunca serán máis onerosas que as do presente, mais abren unha esperanza para outro futuro. Só o peso dos prexuízos culturais, relixiosos e ideolóxicos poden explicar que nos agarremos como a un cravo ardendo a un deseño económico e a unha estrutura institucional antidemocrática que o avala, malia comprobarmos que está, por exemplo, na orixe do noso desmantelamento industrial, agrario e pesqueiro. O lóxico sería cavilar en cal é o noso papel nese deseño, se permite ou non un desenvolvemento mínimo, equilibrado, para manter aquí os nosos mozos e mozas, no canto de aceitarmos de forma resignada ser a nación máis envellecida de Europa, e co retroceso demográfico máis acentuado. A UE para nós non é máis que unha prolongación dun deseño  español xa secular, agravado.

 Desexo que o día 5 de xullo na Grecia o non á política da UE se manifeste de forma contundente, de maneira que non permita mistificacións nin falsas saídas

O desenlace do referendo grego e os acontecementos posteriores marcarán, de forma positiva ou negativa, tamén o noso futuro como pobo. Desexo que o día 5 de xullo na Grecia o non á política da UE se manifeste de forma contundente, de maneira que non permita mistificacións nin falsas saídas. Sería bo que significase o sinal dunha convulsión social práctica capaz de asumir, sen requilorios, que o deseño da UE non é de recibo para pobos con dignidade, e con vontade de ser e existir por si mesmos. Moitos pobos, entre eles o galego, deben perder, dunha vez por todas, o medo e a intimidación perante non se sabe que modernidade global, fóra da cal só habería o caos. Non será porque a UE e o amigo americano non o provoquen en todas partes onde chegan coas súas alongadas mans, sexa Europa, Asia, África ou América Latina!!!!!