A primavera musical catalá trae entre as súas novidades a poesía de Rosalía de Castro.


A primavera musical catalá trae entre as súas novidades a poesía de Rosalía de Castro. No último traballo de Roger Mas coa Cobla Sant Jordi - Ciutat de Barcelona aparecen a Negra sombra, musicada por Xoán Montes, e mais outro verso que de seguida recoñecemos, Si el mar tingués baranes, unha chiscadela rosaliana que serviu de arranque para unha das cancións que Maria Mercè Marçal publicou no seu libro Sal oberta.

A mestura de culturas e a ruptura coas etiquetas que separan o culto e o popular non sorprende na música, porén este traballo de Roger Mas coa Cobla Sant Jordi consegue un resultado innovador, limpo e coherente. O repertorio sardanístico mestúrase con cancións baseadas en poemas, os temas en catalán combínanse con outros tirados da ucha das culturas veciñas, non sempre ben consideradas por quen poñen fronteiras desde posicionamentos enxebristas estreitos. Así, canda La Santa Espina, unha sardana que acadou a consideración de himno nacional, aparecen o Haika mutil que cantou Mikel Laboa, La bien pagá que interpretou Miguel Molina ou Amore che vieni, amore che vai de Fabrizio de André. Por xunto, na interpretación limpa e sobria de Roger Mas, estes temas de procedencias e estilos diversos acadan unha coherencia imprevista, unha sensación de continuidade sorprendente.

Roger Mas é un cantante singular. Formouse co seu avó, un músico de orquestra das festas, pero tamén con Luis Paniagua, é dicir, coa pescuda no misticismo e nas músicas ancestrais. Compartiu escenario con Pau Riba e Jaume Sisa e, ao tempo, atreveuse a cantar un poeta clásico e relixioso do Rexurdimento catalán, Jacint Verdaguer. A Roger Mas interésalle a música popular en todas as súas facetas e sen prexuízos. Esa ubicación singular pero arraigada que abre rodeira de seu entre o popular e o culto, á procura do que permanece e transcende nestas músicas, tivo o aplauso da crítica e do público en traballos anteriores: dp (2003), Mística doméstica (2005) ou Les cançons telúriques (2008). E este traballo gravado en directo, Roger Mas i La Cobla Sant Jordi – Ciutat de Barcelona, vai polo mesmo camiño.

Rosalía 21 marcou un fito na interpretación dos textos de Rosalía de Castro. No estripeiro da tradición enxertáronse pugas doutras músicas e a Rosalía tradicional resultaba poderosamente actual. Cando se escoita a Alborada de Guadi Galego, Abe Rábade e Anxo Angueira, a letra e a melodía prenden no corpo e xa non se apean. Pois ben, a Negra sombra de Rosalía e Xoán Montes, esa que vén incorporada na memoria comunal, acada na versión de Roger Mas un efecto de naturalidade insospeitada neste arranxo para cobla, voz e piano. Seguro na trepia que arrecada o popular, o culto e o ancestral, Roger Mas recupera o intimismo transcendente da Negra sombra, cántaa limpa e para adentro, e faina realmente gozosa.



x