Que a lingua fai un elemento fulcral na identidade dos pobos é indiscutido. Que a estratexia das sociedades dominantes consistiu en eliminar as linguas minorizadas, tamén. Non debe así sorprender que cando un modelo identitario asociado ás estruturas de poder, no noso caso o español, se sinte cuestionado un dos recursos permanentes e socorridos sexa o de relanzar a artillería mediática e xurídica contra as linguas que, procurando sobrevivir, desafían a desaparición. Desaparición pretendida e procurada en aras da asimilación face a modelos identitarios hexemónicos.

 

Na confrontación que no noso país estase a vivir a belixerancia activa contra o idioma propio é protagonizada por parte de pequenos grupos extremistas, mais tutelados e amparados pola dereita española, e cuxa utilidade fundamental é fornecer de tópicos e ofrecer espectáculos para o consumo do nacionalismo español. Avalando na práctica eses relatos, e cun reparto coidadosamente medido mais sen tanto histrionismo, o aparello xurídico-administrativo do Estado e da Xunta encárganse de adoptar as medidas precisas para evitar calquera posíbel progreso do noso idioma satisfacendo, deste xeito, as esixencias homoxeneizadoras do rexime centralista.

Outra teima está en que as linguas non teñen dereitos. Curioso porque nunca ninguén defendeu o contrario. As linguas non teñen dereitos, o problema está cando os galego-falantes non poden vivir plenamente na súa lingua e son excluídos do exercicio do dereito

Entre o argumentario esgrimido para manter ao galego nunha posición de subordinación e inferioridade existen cinco lugares que gozan de especial predilección e que teñen a fasquía da sinxeleza enmascaradora do irrazoábel, da constitución de significantes acaídos coma agarradeiras para un españolismo visceral e irracional, así como o de proporcionar un breviario tinxido da pobreza intelectual e moral coa que se desenvolven, normalmente, as axencias de propaganda. A seguir pasamos a abordar os mesmos.

 

Así temos, de principio, a invocación permanente á liberdade de elección. Esta demanda agacha a existencia de toda unha estrutura social e xurídica de promoción e protección do español que determina as condicións previas da propia elección. Non se parte de situacións, nin históricas nin sociais, equivalentes. Alén do anterior sucede que só se esixe esta liberdade no noso territorio mais non no ámbito lingüístico do castelán, co que se procura estabelecer uha sorte de competencia da que o castelán sae indemne no resto do Estado. Un galego non ten liberdade para elixir fóra do seu ámbito e un castelán falante si, o que xa define abertamente a diferente consideración e respecto atribuído a cada unha das linguas. Os dereitos individuais rematan ao traspasar a fronteira galega. Existen vantaxes antes da elección, o que devén en si nunha trampa. Cómpre salientar, ademáis, que o modelo de liberdade de elección da lingua propia posibilitaría casos de analfabetismo na mesma, situación que non se admite en ningún país ou comunidade que teña un idioma de seu. Que a lingua das institucións ou dos sistemas educativos non depende das vontades individuais está, loxicamente, recoñecido por amplísima xurisprudencia.

 

Outra teima está en que as linguas non teñen dereitos. Curioso porque nunca ninguén defendeu o contrario. As linguas non teñen dereitos, o problema está cando os galego-falantes non poden vivir plenamente na súa lingua e son excluídos do exercicio do dereito. Existen múltiples dificultades para desenvolverse con absoluta normalidade na nosa lingua, xorne este que se omite á mantenta. Malia que a lingua non teña dereitos é un ben importantísimo para unha comunidade. Trátase dun ben social cuxa produción e distribución corresponde a un grupo que o comparte, sendo totalmente diferente a unha mercadoría de consumo individual. Produción e distribución que se da por medio dunha participación de carácter colectivo, irreducíbel ao tipo de bens individuais, coma ten observado a Comisión de Dereitos Humanos da ONU. Mais non precisamos apelar a un interese abstracto de grupo, aínda que sería lexítimo, senón que nos conformamos con remitir ao interese dos individuos que o comparten entre si. Porén, se a algunha lingua se lle outorgan e se lle outorgaron dereitos esta é a española; na actualidade non hai máis que ler a Constitución e o resto das leis.

Deber único, exclusivo, tratamento de favor, privilexio fronte ás demais linguas. Superioridade con consecuencias catastróficas para os falantes noutras linguas, que ven así reducida a propia oficialidade a unha parodia

A tan traída neutralidade estatal e a ceguera ás diferenzas, que deben presidir un sistema liberal tal e como se debe actuar coas crenzas relixiosas, é outro dos lugares comúns. Agora ben, e coma xa teño observado noutras ocasións, este argumento amosa dúas imperdoabeis eivas. A primeira consiste en esquecer o papel que os Estados-nacións tiveron nos seus procesos de construción nacional reprimindo, suprimindo e asimilando linguas e trazos culturais diferentes aos dos membros do grupo de poboación maioritario e que acabará monopolizando a representación do colectivo nacional. Sabemos que os procesos liberais foron acompañados dunha brutal acción homoxeneizadora. Este proceso, do que voltaremos falar, está tan documentado, rexistrado e estudado, que abonda con referencialo. A segunda eiva, coma mencionábamos ao comezo, consiste en comparar a desexábel neutralidade dos poderes públicos fronte as crenzas dos individuos co uso e oficialidade da lingua dunha comunidade política. Unha constatación obvia é a de que ao Estado moderno resúltalle case imposíbel prescindir de intervir nas esferas culturais e lingüísticas. Na esfera cultural existen moreas de exemplos (festas, tradicións, símbolos, himnos, seleccións deportivas, etc,) que van conformando ese nacionalismo banal e transversal que enchoupa ás culturas nacionais dominantes, á vez que se critica o nacionalismo defensivo das comunidades ignoradas. Pois ben, con respecto á lingua non pode haber neutralidade. Unha comunidade política ten que optar por unha lingua de administración, de atención nos servizos públicos, de vehiculización na aprendizaxe, de etiquetado, de difusión das mensaxes públicas e de comunicación política, entre outras. Pódese prescindir dunha relixión oficial, mais non dunha lingua. A falacia está en pretender posicionar a lingua do Estado como “máis oficial” que a propia da comunidade sen Estado, como comentaremos posteriormente.

 

Propoñen, nalgunhas ocasións, que a lingua debe ser tratada coma unha mercadoría cultural, suxeita á oferta e á demanda. Tamén afirman que a opción de conservar e manter o galego, malia a posibilidade de recorrer á lingua común de España, resulta unha preferencia cara ou custosa. Independentemente do rexeitamento moral que esta aserción provoque a quen pense que non todo pode ou debe facer mercado, hai que lembrar o dito con referencia aos enormes recursos sociais, políticos e económicos que os Estados adicaron e adican na actualidade a promocionar e manter a oficialidade das súas linguas e expresións culturais. Recursos e intencións, que no caso español, se dirixen a fomentar a difusión e hexemonía dunha soa cultura. A inxente cantidade de recursos administrativos e económicos adicados á marca España ou ao Instituto Cervantes amosa que culturas son dignas de seren protexidas e cales de seren abandoadas aos vaivéns do mercado. Por isto criticar a feble protección económica do noso idioma por parte da Administración non só reflicte a inconsistencia e a motivación ideolóxica da devandita crítica, senón un odio e desprezo á identidades, valores e opcións diferenciadas dificilmente concebíbel nunha sociedade “liberal”.

 

Para rematar, o tema estrela da imposición lingüística. Algunhas das reflexións previas xa invalidan a caricatura consistente en posicionar como verdugos aos que son vítimas dunha marxinación e exclusión cultural no seu propio país. Claro que se non aceptan que Galiza é unha nación, pretendendo así xustificar a posición de monopolios competenciais, de dominios e privilexios culturais e lingüísticos españois, o debate debería de trillar polo ámbito da soberanía e da lexitimidade de ruptura (que non modificación) constituínte; non si? Mais aínda que isto seica sexa o cerne da deboura, gostaría de concluír consonte a liña desenvolvida até agora. Con certeza que literatura para coñecer a represión que as linguas diferentes ao castelán padeceron ao longo da historia, e até moi recentemente, haina a esgalla. Sobre a normativa que situou o castelán nun lugar de superioridade, constreñindo ou prohibindo o uso das outras linguas, tamén hoxe dispomos de material de abondo. Sobre o trato infrinxido durante xeracións, non só durante os corenta anos de ditadura, a quen non falaba español, os textos históricos, literarios e as vivencias que algúns podemos contar deberían servir para situar con claridade onde estivo e aínda están as imposicións. Mais arestora, puro presente continuo, a Constitución obriga, estabelece o deber de coñecer o castelán. Deber único, exclusivo, tratamento de favor, privilexio fronte ás demais linguas. Superioridade con consecuencias catastróficas para os falantes noutras linguas, que ven así reducida a propia oficialidade a unha parodia; que non poden esixir o que os españois si poden. Ú-la imposición?