Non é preciso facer aquí acopio de textos, artigos e proclamas de mostras de afecto e de apoio mutuo entre os dous pobos. Habería múltiple material por ambas as partes para demostrar a solidariedade e o sentir entre as dúas nacións xa dende tempos da Renaixença e do Rexurdimento.

 

Imos limitarnos a subliñar un par de datas de referencia no latexar común das dúas terras e das súas xentes.  Datas simbólicas e ben ilustrativas.

 

Setembro de 1917  (é dicir hai cen anos)

 

Persoeiros do recén creado movemento das Irmandades da Fala establecen sólidos contactos co catalanismo da Lliga Regionalista de Catalunya.  Un grupo de líderes políticos cataláns (Cambó, Puig i Cadafalch, Morera i Galicia, Rahola, etc) visitan Galiza e acompañan os galeguistas en mitíns e importantes actos políticos que se celebran en distintas vilas da nosa terra (Monforte, Compostela, A Coruña…). Á súa vez unha delegación galega (Rodrigo Sanz, Peña Novo, Banet Fontenla, Lois Porteiro, Antón e Ramón Vilar Ponte…) devolverá a visita a Catalunya.

 

Esta sintonía política é sen dúbida importante e significativa e vai de consuno co madurecemento político dos dous países. O ano 1918 terá lugar a famosa 1ª Asemblea Nacionalista de Lugo que marcará unha nova época no xa declarado nacionalismo galego e irá camiñando cara á constitución do Partido Galeguista.

 

Maio de 1967 (hai cincuenta anos)

 

Raimón, todo un símbolo da resistencia nacional e democrática no Estado Español, dá un histórico recital en Compostela. Centos de mozas e mozos escoitan  emocionados e cantan co xiquet de Xátiva :

 

Cantarem la vida,
cantarem la nostra vida
de poble que no vol morir.

Lluitarem amb força,
lluitarem amb tota la força
per l'única possible,
perseguida, vida nostra.

I guanyarem l'esperança,
sí, pujarem al camp de l'esperança,
temps i temps negada,
arrancada i trencada.

Sí, guanyarem l'esperança,
l'esperança de viure
lliures i en pau.

 

No proceso de concienciación galega e democrática do estudantado universitario galego, que irradia a toda a nación, este recital ten unha importancia estratéxica.  Sen dúbida o movemento da canción galega que agromaba, as Voces Ceibes, recibiu un enorme pulo con el. Sen dúbida a galeguización individual e colectiva (organizacións estudiantis, culturais e políticas, clandestinas prácticamente todas) e a progresiva asunción da lingua galega teñen tamén que ver con iso e prefiguran un curso escolar 1967-68 no que a Universidade de Compostela lavará a súa imaxe da casa da Troia para fornecer, ante o asombro do Estado, unha imaxe de universidade mobilizada e reivindicativa, en liña cos movementos estudiantís que tiñan lugar en todo o mundo. Nunha Galiza que en Decembro dese ano coñecerá unha intensa campaña do nacionalismo político e que convocará, o 25 de xullo de 1968, o primeiro Día da Patria Galega.

 

Setembro de 2017, agora (pasados outros cincuenta anos)

 

O pobo catalán, ao través da maioría do seu Parlament, organiza un referéndum para votar libremente o seu futuro. De inmediato a maquinaria da sagrada Ley e a Unidad de la Patria se pon en xogo co peso de todo o seu aparato de medios de incomunicación e mecanismos do Estado. Como hai cincuenta anos. Proclamando unha mítica lei inmutábel e unha constitución que os dous partidos do goberno non dubidan en trocar, aceleradamente e pola calada, cando convén para preservar os seus intereses.

 

Galiza, as súas organizacións representativas e todos e todas nós individualmente, ten a obriga de amosar públicamente a súa solidariedade con Catalunya, o seu afecto e apoio ao pobo catalán nestes duros momentos. De manifestar todo o seu apoio aos dereitos nacionais de Catalunya e de reivindicar de novo os nosos propios. E o seu exercicio de maneira efectiva e plena.

 

Porque de nada serve que che deixen poñer a etiqueta de nación se che prohiben na prática sela.

 



x