Neste 2012 celébrase o Ano Internacional do Cooperativismo, unha deses datas que nos move a reflexionar sobre a situación do movemento cooperativo no noso país, nun tempo no que son moitas as persoas preocupadas polas alternativas de autoorganización económica acaídas para o contexto galego.

Neste 2012 celébrase o Ano Internacional do Cooperativismo, unha deses datas que nos move a reflexionar sobre a situación do movemento cooperativo no noso país, nun tempo no que son moitas as persoas preocupadas polas alternativas de autoorganización económica acaídas para o contexto galego. E preguntámonos: Que posición ocupa Galiza en relación ao fenómeno do cooperativismo? Cantas persoas traballan no noso país na economía social? Podería adaptarse o cooperativismo á natureza da sociedade galega?

De certo, non temos a resposta a moitas destas preguntas porque desde logo non é o cooperativismo un foco de interese para os poderes dominantes da actual sociedade. Non hai moitos anos cando levavas a proposta de crear unha cooperativa a un axente de emprego ou a unha entidade financeira, o primeiro que facían era pesuadirte de que pensases noutra fórmula societaria.

A día de hoxe existen en Galiza 1150 cooperativas1, as cales sosteñen por volta duns 20.000 empregos. Desde 2009, e a pesar da crise, o número de cooperativas e persoas asociadas continua a medrar considerablemente. En 2011 aparecen 48 cooperativas de nova creación e o número de novas persoas asociadas aproxímase ás 1400. Esta última cifra duplica a acadada en 2009 e mantén o número rexistrado en 2010. E este fenómeno só resulta comprensíbel nun contexto de crise que favorece a procura de iniciativas de autoorganización económica a nivel galego.

Diante desta mínima análise de tendencias, nunha realidade que vai máis alá do cooperativismo e que podería enmarcarse na economía social, preguntámonos:

Poden existir síntomas de que cada vez son máis as persoas que desexan producir, traballar e desenvolverse no lugar ao que pertencen?

Pode ser o cooperativismo unha fórmula acaída para unha sociedade onde a maioría das persoas en idade de traballar pertencen ao grupo de asalariados e asalariadas?

Poden estas tendencias rachar coa idea de que os galegos e galegas somos individualistas?

Por suposto que podería encaixar este modelo. Si poden existir síntomas de interese na nosa sociedade por buscar alternativas para producir e vivir na terra á que pertencemos. Si pode encaixar o cooperativismo nun contexto onde as maiorías sociais son potenciais traballadores e traballadoras asalariadas, porque a economía social pode ser unha ferramente útil para unha sociedade sen grande número de investidores con conciencia de país. E si, porque a nosa historia e memoria derrubarían todos e cada un dos mitos sobre o individualismo para poñer tamén de manifesto a posta en práctica crecente de proxectos cooperativos impulsados por galegos e galegas.

É máis, poderiamos aínda sumar outros argumentos. Se entendemos o cooperativismo como alternativa con posibilidades de enfrontar os fenómenos globalizadores e de perda de soberanía dos estados, aí temos tamén unha posíbel oportunidade. Na actualidade, estase a demostrar que modelos deste tipo, apoiados polos correspondentes estados, poden xerar realidades moi produtivas para o desenvolvemento local destas zonas. Nesta dirección podemos citar a autoras como Susana Hitze que nos relata o éxito deste tipo de iniciativas en diferentes zonas e estados de América Latina.

E por último, se temos presente que este tipo de fórmulas acostuman a ser máis resistentes ao ao fenómeno deslocalizador, poderiamos prever o feito de sofrer deslocalizacións enormes que na actualidade deixan a miles de galegos e galegas sen traballo. Por todas estas razóns mirar a Galiza no Ano Internacional do Cooperativismo podería ser interesante para facermos memoria do que xa somos e do que, con traballo e participación, podemos ser no futuro.

 1.Información extraída do blogue de difusión do cooperativismo coopmuicando.info.



x