Unha morte baixo custodia é sempre un feito extremadamente preocupante. Nun caso dese xénero o estado ten un deber reforzado de salvagarda da vida e da saúde da persoa baixo custodia; de feito, esa é a razón pola que o Tribunal Constitucional decidiu que se pode impor a alimentación coactiva a presos que se declaran en folga de fame.

Diego Viña morreu baixo custodia no cuartel da garda civil de Arteixo en setembro de 2004, suicidado, cando estaba detido durante o fin de semana tras unha denuncia por violencia doméstica. Máis de seis anos despois, en xaneiro de 2011, a Audiencia Provincial da Coruña sobreseeu as dilixencias por responsabilidades penais nese caso.

O preocupante caso de Diego Viña volveu á actualidade porque en datas recentes un xulgado do penal da Coruña condenou 15 persoas, algunhas membros de Nais contra a Impunidade, por un delito de inxurias graves ás forzas de seguridade, como consecuencia das consignas expresadas nunha concentración realizada en outubro de 2010 para reclamar o esclarecemento da morte de Diego baixo custodia.

Un xulgado do penal da Coruña condenou 15 persoas, algunhas membros de Nais contra a Impunidade, por un delito de inxurias graves ás forzas de seguridade

A sentenza, como é de agardar nun caso con tantas persoas investigadas (agás que se trate dun delito económico e/ou de corrupción), enfronta atrancos para poder fundamentar a responsabilidade individual da cada unha –non en van, condénase todas as persoas que lograron ser identificadas no lugar- e deslízase cara a territorios próximos ao concepto unitario de autor, alleo ao dereito penal español.

Sen embargo, o mais relevante do caso non reside nas complexidades da sentenza para sustentar o xuízo probatorio, senón na propia idea en si da criminalización dun feito destas características. O artigo do código penal que incrimina as inxurias ao exército e ás forzas de seguridade (art. 504.2) está lastrado por algunhas aporías valorativas non menores. Intégrase nun capítulo do código penal no que se criminalizan as inxurias a determinadas institucións do estado. Sen embargo, a diferenza dos demais casos, neste suposto non se trata de institucións lexitimadas directamente polo principio democrático-representativo nin que exerzan por si os poderes básicos do estado. Desde ese punto de vista, xorde a dúbida sobre en que se sustenta a protección reforzada á honra destas institucións. Dito doutro xeito, por que se considera un delito a inxuria a tales institucións e non a calquera outro corpo da administración que exerce funcións tanto ou mais relevantes, como a sanidade ou a educación? Máis aínda, nunha época como a presente, na que a administración é un conglomerado complexo de xeometría variable, integrado por axentes e entes públicos e privados (véxanse as consecuencias da Lei Montoro no eido local), cal é o motivo para protexer de maneira diferenciada certos segmentos do estado?

A única resposta lóxica é que se o estado decide protexer así (como o fai no desafortunado art. 36.23 da Lei de Protección da Seguridade Cidadá) algunhas, só algunhas, das súas institucións, é porque considera que as súas funcións son especialmente importantes. Nun mundo neoliberal, ata o máis radical hayekiano respondería algo así.

Nos países máis avanzados, o funcionamento policial está sometido ao escrutinio non só doutros poderes do estado, senón de entes independentes

Se esa é a razón, por iso mesmo a actuación de tales institucións ten que estar, pola súa propia relevancia, especialmente suxeita á crítica política. Nos países máis avanzados, o funcionamento policial está sometido ao escrutinio non só doutros poderes do estado, senón de entes independentes (p.ex., en Inglaterra a Independent Police Complaints Commission). Por desgraza, no caso español tal cousa aínda espanta. Por iso, a contribución cidadá á crítica democrática da actuación policial continúa a ser unha tarefa especialmente necesaria, como o demostra un dos movementos sociais máis lúcidos da nosa época, Black Lives Matter. A concentración en Arteixo de outubro de 2010 foi, ante todo, un acto de crítica política. Á marxe da vía das responsabilidades penais, o caso de Diego Viña, como morte baixo custodia, esixe todas as aclaracións.

Máis Heráclito que Parménides, a democracia non é un estado, senón un proceso. Ata a ciencia política liberal destaca que o Reino de España iniciou o proceso extraordinariamente tarde (na denominada terceira onda de democratización). Como todo na vida, chegar tarde non é o mellor xeito de estar entre os primeiros da fila